COMEZA A NEGOCIACIÓN DO CONVENIO COLECTIVO DE CONTACT CENTER
O Convenio do Contac Center é un con-venio importante, estratéxico atrévome á dicir, un convenio que pode establecer as directrices de como vaise afrontar a negociación colectiva no futuro máis inmediato. Na pasada folga de 11N houbo, quizais unha conxunción e non tanto unha unidade como dicía o editorial campanero da semana pasada, coas corporacións sindicais respecto aos baixos salarios e a ineludibilidade da loita como xeito de afrontar esta situación. Quere isto dicir que as corporacións sindicais van cambiar de directrices e seguir con esta conxunción? E de non facelo, que lles vai custar se a clase obreira vai despertando do seu sono como aparentou tras a ilusión do 11N?
Os sucesivos convenios colectivos do Telemarketing asinados por CCOO e UGT contribuíron a manter uns salarios que, nalgunhas categorías profesionais, nin sequera alcanzan o mínimo legal. Sete convenios que situaron ao sector do telemarketing entre os máis precarizados e peor pagos.
Unha nota de prensa que a CGT de Coruña fixo chegar a esta redacción advírtenos que “a subida do Salario Mínimo Interprofesional (SMI), que se incrementará un 5,3% en 2027, volve poñer de manifesto a precariedade salarial que sofre o sector do telemarketing”. Efectivamente o telemarketing está entre os sectores con peores condicións salariais e laborais. Nesta ocasión, o salario dunha teleoperadora, fixado en 17.139,58 euros brutos anuais en 14 pagas, queda por baixo do SMI, establecido en 18.004 euros brutos anuais en 14 pagas. Isto supón unha diferenza de 61,74 euros brutos mensuais. Por tanto, esta categoría terá que experimentar un incremento salarial para alcanzar o mínimo legal, “unha referencia que debería constituír un chan salarial e non o horizonte dun sector que conta con convenio colectivo propio” sinalan dende Coruña.
Non é a primeira vez que ocorre algo similar. CCOO, UGT e a patronal xa tiveron que eliminar dúas categorías profesionais que existían anteriormente —auxiliar administrativo e teleoperadora con menos dun ano de antigüidade— porque os seus salarios eran inferiores ao SMI. Agora volve suceder coa categoría de teleoperadora, mentres que a de xestor/a queda a tan só 3,74 euros brutos mensuais dese mínimo.
Ante esta situación, a CGT considera que “o modelo de negociación colectiva de CCOO e UGT fracasou. Desde 1999, ambos os sindicatos asinaron sucesivos convenios que favoreceron o incremento dos beneficios empresariais a costa das condicións laborais e salariais das traballadoras do sector”, denuncia a nota de prensa.
Ante isto, a CGT reclama “que o SMI siga aumentando, independentemente da evolución do salario medio, e que os seus incrementos non poidan ser absorbidos mediante complementos salariais, unha práctica que considera necesario prohibir por lei. Así mesmo, esixe que o próximo convenio colectivo, cuxa mesa de negociación quedou constituída recentemente, recolla unha subida salarial xusta que permita recuperar o poder adquisitivo perdido durante os últimos anos, xunto cunha revalorización anual dos salarios conforme o custo real da vida”.
O 30 de outubro quedou constituída a mesa negociadora do Convenio Estatal de Contact Center na que a CGT ten 2 representantes, CCOO e UGT suman 10 representantes, 5 cada unha, e CIG conta con 1, ELA 1 e LAB 1. A primeira reunión de negociación, tras a de constitución, será o 14 de decembro. A CGT xa anunciou que as nosas 2 representantes loitaran. Loitaran por defender o dereito de todas as traballadoras do sector.
A nota de prensa achegada a La Campana tamén reclama “a incorporación de cláusulas de garantía salarial en todos os convenios para evitar que a inflación siga deteriorando os ingresos das traballadoras. O sindicato defende, ademais, unha redistribución dos beneficios empresariais entre quen os xera e reclama medidas que melloren as condicións de vida da clase traballadora, como a redución do prezo da vivenda, os alimentos e os combustibles, así como a garantía duns servizos públicos de calidade”.
Desde CGT-Coruña insisten en que a precariedade laboral non pode asumirse como algo inevitable e reivindican unhas condicións laborais e salariais dignas para todas as traballadoras, independentemente da súa categoría profesional. “Non hai traballadoras de primeira e de segunda”, sinalan.
Indubidablemente, como fixemos ver na folga do 11N e tantas outras ocasións, goberne quen goberne a loita é o único camiño.