CONFLITO EN MECO, UNHA DAS PLATAFORMAS LOXÍSTICAS DE INDITEX
O pasado domingo 15 de novembro unha nutrida manifestación das traballadoras de Meco, a Plataforma Loxística de Inditex en Madrid, percorreu as céntricas rúas da capital española para esixir un acordo laboral xusto que recoñeza o seu traballo e mellore as súas condicións laborais. A mobilización, convocada polos sindicatos presentes nesta Plataforma Loxística, das que se desprenderon imaxes de gran impacto que amosaban a actitude loitadora das traballadoras, comezou ás 11.00 horas na Praza Callao seguindo pola rúa Preciados, con concentracións que duraron ata as 14:30 fronte a tres diferentes establecementos do xigante da moda sucia, Zara, Bershka e Stradivarius.
A protesta prodúcese no medio do bloqueo das negociacións do VII Acordo da Plataforma Loxística. O persoal reclama que a empresa atenda as súas reivindicacións e alcance un acordo que responda as súas demandas.
A negociación atravesa un momento de bloqueo despois de que unha ampla maioría do persoal rexeitase a última oferta presentada pola patronal. “A última proposta da empresa foi sometida a votación e o 75% do persoal votou en contra por considerala insuficiente. É dicir, non estamos a falar unicamente dunha discrepancia entre sindicatos e empresa, senón dun rexeitamento maioritario dos propios traballadores e traballadoras”, sinala Felipe Realpe, presidente do Comité de empresa e militante da CGT.
Entre as principais reivindicacións atópase a redución da xornada laboral, que na plataforma aínda supera as 37 horas e media semanais. A iso súmanse as diferenzas salariais respecto a outros centros loxísticos do mesmo grupo empresarial. “Existen importantes diferenzas salariais respecto a outras plataformas loxísticas de Inditex, que nalgúns casos poden supoñer varios miles de euros anuais”, denuncia Felipe.
A plataforma de Meco, dedicada á distribución de mercadorías de Zara tanto para o mercado español como para o internacional, conta con aproximadamente 1.500 traballadores e traballadoras. As súas condicións laborais negócianse mediante un acordo propio, independente dos convenios que regulan o traballo nas tendas de Inditex. Esta negociación por separado das distintas plataformas xerou importantes desigualdades entre traballadoras que desenvolven actividades similares dentro dun mesmo grupo empresarial.
A CGT denuncia que a dirección de Inditex mantivo unha actitude inflexible durante as negociacións. Segundo explica Felipe, despois de dez meses de reunións, a empresa comunicou que chegou ao seu límite e que non está disposta a ofrecer novas melloras. “Desde CGT temos claro que os beneficios de Inditex non poden quedarse unicamente nas contas da empresa mentres quen fai posible a súa actividade seguimos reclamando melloras laborais. Non estamos a pedir privilexios, estamos a esixir que o noso traballo sexa recoñecido e remunerado de xeito xusto. Resulta indignante que unha multinacional que obtén beneficios millonarios pretenda que o seu persoal se conforme cunhas subidas salariais que apenas permiten manter o poder adquisitivo, mentres seguimos reclamando melloras na xornada laboral, a conciliación e unhas condicións salariais máis xustas respecto a outras plataformas do mesmo grupo”, afirma.
Durante as negociacións, a empresa puxo especial interese en conseguir maior flexibilidade para organizar o traballo, mentres que as reivindicacións do persoal recibiron respostas negativas ou insuficientes. O conflito visibiliza as condicións de quen traballa na loxística de Inditex, unha parte fundamental do seu negocio que permanece habitualmente agochado fronte á imaxe das súas grandes marcas comerciais.
A reivindicación salarial ocupa un lugar central no conflito. Felipe denuncia que o encarecemento da vivenda, os alimentos, a enerxía e todas as subministracións está a dificultar chegar a fin de mes mesmo a quen conta cun emprego estable, “En CGT consideramos que non podemos conformarnos con subidas salariais que unicamente compensen o IPC. Iso significa, no mellor dos casos, manter o noso poder adquisitivo, pero non mellorar as nosas condicións económicas”, explica o representante sindical. Tamén se vincula ademais este conflito coas reivindicacións da folga xeral do 11 de novembro, “de pouco serve ter un emprego se unha parte cada vez maior do soldo destínase a pagar un alugueiro ou unha hipoteca. Por iso entendemos que a loita por uns salarios dignos tamén está vinculada á defensa do dereito a unha vivenda alcanzable”, sinala. Para CGT, a mobilización do persoal de Meco forma parte desa mesma loita por unhas condicións de vida dignas, “non estamos dispostos a aceptar que traballar para unha das maiores multinacionais téxtiles do mundo signifique conformarnos unicamente con non perder poder adquisitivo”, afirma Felipe.