VII Época - 120

A FOLGA XERAL, A NOSA ESPERANZA

Ás 10 da noite o piquete unitario achegouse ás instalacións de Pre-Zero, a concesionaria do servizo municipal de limpeza en Pontevedra. Non se tardou en comprobar que non ía haber recollida. Ás 4:30 da madrugada dividiámonos en varios piquetes, no porto de Marín nada puidemos facer para impedir que entraran esquirois, increpados tanto pola policía nacional como pola garda civil que polo contrario facilitaban o paso destas esquirois. Algo semellante pasou na estación de autobuses. No polígono industrial do Campiño, un compañeiro piqueteiro, foi atropelado por un coche. Despois, xa entrada a mañá, os piquetes confluímos no centro da vila, onde comprobamos, cun recorrido errático, que o pequeno comercio apoiaba, na súa gran maioría a folga. Non pasaba así co comercio con empregadas. O comercio do téxtil da “moda sucia”, Inditex, Mango, etc, mantiñan ás súas portas abertas. Tamén estaban abertos os supermercados Froiz ou Gadis, por solo nomear os galegos. Ao paso do piquete, algúns destes establecementos baixaban as súas portas de acceso, outros non. Hai unha clara provocación nesta actitude, o desprezo á clase obreira que a través das súas organizacións, os sindicatos, regulan ás condicións laborais. Bueno, parte delas, a negociación colectiva é a maior ferramenta de democracia directa, que admite o sistema que padecemos. É que o pasado 11, todo o sindicalismo, corporativo e de clase, estaba de acordo, xunto, unitario. Non pechar cando pasa o piquete é algo así como provocar ou impedir actos electorais en campaña, uns actos que son protexidos pola lei e a policía. Moi ao contrario, ás que exercemos os nosos dereitos sindicais, non só non se nos protexe, senón que en moitos casos somos violentadas pola policía.

Efectivamente, vivimos nun Estado Policial, ou mellor dito nun Estado Mordaza. Aínda que en Pontevedra a policía coartou os dereitos de información e manifestación dos piquetes, polo momento non chegaron multas, a violencia, provocación e crueldade policial foi denunciada en moitas outras localidades. En Compostela, un acurralamento entre dúas leiteiras enviou a unha muller ao hospital tras a tunda que lle deron os policías cando estaba indefensa. A brutalidade policial foi denunciada por sindicatos e movementos sociais durante toda a xornada de folga. As imaxes das cargas, a infiltración e a provocación chegaban dende todo o estado. Amnistía Internacional denunciou “actuacións policiais preocupantes”. Houbo moitísimas detencións e catro folguistas ingresaron na cadea en réxime de prisión provisional e sen fianza. Non só é que Marlaska non é capaz de controlar a súa policía, tamén na xustiza hai fascismo, como en todas as institucións. Mais, nin Marlaska, nin ningunha outra parlamentaria é capaz de controlar as leis e derogar esa lei fascista que é a Mordaza.

Respecto á unidade, senón tanto no seguimento da folga, plasmouse na inmensa participación nas manifestacións unitarias que se realizaron pola tarde en todo o estado, sendo a de Vigo, como en todas ás folgas xerais, unha das máis grandes do estado, superando en participación a cidades con moita máis poboación. Sobre o seguimento da folga, é difícil facerse unha idea exacta. Os datos máis aproximados estarán na Tesourería Xeral da Seguridade Social cando o empresariado faga a xestión de descontarnos. Seguramente, estes datos non lle gostarán a ninguén, nin ao empresariado reaccionario, que pecha as portas á realidade negando e desprezando á clase obreira, nin ás corporacións sindicais, nin a os sindicatos de clase, que se viñeron arriba tras anos de desmobilización, nin aos partidos políticos en campaña electoral, na súa cegueira endogámica.

Certamente, a folga xeral do 11N rompeu cun tempo aciago e abre un tempo de esperanza se somos quen de seguir un camiño que puido comezar ese día. Nas multitudinarias manifestacións unitarias, o sindicalismo foi desprazado a unha segunda cabeceira. Esa outra primeira cabeceira representada por todo tipo de movementos sociais deuse de conta, á súa vez, da enorme suficiencia sindical e a da súa ferramenta máis poderosa, a folga xeral, capaz de suprimir o statu quo. O 11N chamou a rachar co equilibrio do estado das cousas. O conflito da vivenda reflicte o fracaso do sistema que padecemos. O goberno chama a secundar unha folga xeral porque non se ve responsable da situación, recoñecendo así que os salarios, os servizos públicos, a vivenda, as condicións laborais e todo o que atravesa as vidas é controlado e gobernado por unha elite económica que non se pode derrocar nas urnas. As organizacións sindicais que convocaron esta folga, tampouco se senten responsables dos salarios que negocian nos convenios. Esta folga revelou a necesidade de cambios profundos, a necesidade de deixar atrás unha época e recuperar o camiño que nos leva cara ese novo mundo que levamos nos nosos corazóns.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *