SOBRE AS CONDICIÓNS
Rosi erguese ás 4:45 da mañá, de luns a sábado incluído, e algúns domingos de febre consumista. Ás 6 entra a limpar unha tenda de Zara, quero dicir, do grupo, de Inditex. A política de limpeza de Amancio Ortega é moi esixente, como corresponde a unha empresa seria, vitoriosa, protocolizada. Apertura e peche de portas, código de empregada, desconexión da alarma, etc…, isto antes de fichar, case 10 min. Vixilancia por cámaras, prohibición de mover, mirar ou tocar a feira, quero dicir, as mercadorías e os seus trebellos, o lixo en bolsas transparentes revisado pola encargada da tenda antes de sacalo á rúa, prohibición de escoitar música ou radio, o aire acondicionado apagado que como a música ambiente acendese automaticamente para a apertura de portas, cando comeza a feira, ás 10 cando chegan as “niñas” que así se lles chama ás dependentas/es na xerga. En fin, Rosi está alí ata as 9 da maña, 3 horas nas que apenas lle da tempo a limpar todo o que lle esixe o servizo. Rosi limpa a tenda con Omaira que cobra menos que ela por ter unha “discapacidade”, pola que nunca lle adaptaron o posto de traballo, só o salario, menor salario por aplicarlle un dos convenios colectivos especiais para persoas con certas condicións, eso si, recoñecidas pola administración do estado. Omaira sí traballa as 4 horas, de 6 a 10, tamén a correr. Este verano suaron o seu, a tiro feito non vos imaxinades a calor que vai dentro dos centros comerciais despois dunha noite co aire acondicionado apagado, sen embargo nada hai para sospeitar que a calor é un risco, ningunha avaliación, stress térmico que lle chaman os sindicatos, ha, ha, ha, a Don Amancio dálle a risa, non é cousa seria. Eu paso por alí unha vez á semana, entramos no centro comercial cando aínda dura a noite, sixilosamente, cando fóra hai fresco.
Todas traballamos para Florentino Pérez, aínda que cada unha para unha das súas diferentes empresas de servizos, Omaira para Integra, Rosi para Samain e eu para Clece, o patriarcado contemporáneo repartíndose a torta. Ay!, case que amorriñamos ás Koplowitz. Eu teño un contrato temporal de substitución, Rosi o mesmo e Omaira un a tempo parcial, como nós, pero indefinido. Somos como as representantes do pobo galego, aí estamos, onde só 3 de cada 10 contratos que se asinaron durante o pasado mes foron indefinidos.
Ao saír do centro comercial Rosi e Omaira van limpar casas, diñeiro en b, que non cotiza. Rosi á de unha xuíza, di ela, aínda que é un pouco esaxerada, di que a señora é marabillosa. Omaira non sei, cústalle expresarse. E eu, as veces para casa, as veces a seguir a ruta. Eso si, polas tardes vou a TGSS, Tesorería General da Seguridad Social. Alí está Yurima de 3 a 9, 6 horas, eu vou 3. Tamén están Samhi, Cuca e Márcia pero non logro memorizar os seus horarios nin lles pregunto cales son as súas condicións “recoñecidas”. Yurima ten contrato fixo e non traballa noutro lado. As demais non. A Yurima gústalle ir arreglada, conserva a presenza sen outfit, coa bata do uniforme. Con Cuca enténdome ben, fala os sete falares e nótaselle que é de Coia. A Márcia e a Shami admíroas, que vida! Márcia redímese facéndonos rir, conta que foi evanxelista, pagaba unha “siembra” de 100 $ para colleitar o perdón. Os dólares devolvíaos Deus en bendicións. Di que de nena coñeceu a Tim Maia e o Universo em desencanto, flipo. Samhi explicounos o que é a Kaffara e o Zakat. Gostamos de falar do que quedou atrás, sempre paramos para a merenda e acendemos o climatizador.
Para cando saio da Tesoureira ás 8 da noite, Rosi sae de limpar un cole en Tui e Omaira, durante o verán e ata finais de novembro, sacaba uns pavos máis, 2 horas na DGT, para o 2027 igual lle sae as oficinas e taller dunha empresa no polígono da Veigadaña.
Todas temos algo en común, somos case mileuristas, fáltannos entre 60 e 120 pavos para chegar, segundo o caso, pero atópome ben entre estas mulleres, eu diría que somos da mesma condición, unha condición de clase.
