E KROPOTKIN TIÑA A RAZÓN
Christopher Hitchens, o periodista e escritor, amosounos a historia oculta da Madre Teresa, Bill Clinton, Diana de Gales ou a crueldade de Henry Kissinger, premio Nobel da Paz en 1973, desenmascarando a estas persoas. Do seu libro, Xuízo a Kissinger, publicado no 2001, o diario británico The Guardian escribiu: “No seu novo e explosivo libro, Christopher Hitchens explica por que o ex secretario de Estado Henry Kissinger —venerado como un xefe de estado, convidado e admirado polos grandes deste mundo— debe ser procesado por crimes contra a humanidade”.
Precisamente o populismo ou as crenzas e opinións máis populares, deben ser cuestionadas sen medo, pois non debemos desprezar que os reis, bispos e multimillonarios teñen máis influencia que a maioría para moldear os apetitos e emocións da multitude. Non é nada difícil atopar exemplos, o preámbulo da Constitución de EEUU, escrita por homes que eran propietarios de outras persoas, ábrese coa invocación: “Somos o pobo…”. Con eso temos que ter coidado, moitas veces falase en nome das persoas sen voz ou non representadas co que comeza a transición a un partido de vangarda que substitúa de verdade as masas. Asi a todo, non debemos de ter medo a expoñer o análise da realidade. Como dixo Kropotkin, basta con que só un home teña razón.
A ciencia estatística e as sondaxes de opinión xogan un papel importante no moldeado da opinión e a tendencia popular. Estas travesías pola psique colectiva son fretadas por organizacións adiñeiradas e poderosas, que non gastan o diñeiro en satisfacer a curiosidade. As tácticas son as mesmas que as da investigación de mercados, o obxectivo non é interpretar o mundo senón lanzar un produto fronte a outro. Favorecer este produto é algo que hai que alimentar, alentar e explotar.
Os barómetros que mensualmente ofrécenos o CIS son un claro exemplo disto anterior. O CIS, Centro de Investigacións Sociolóxicas, é un organismo autónomo adscrito á Consellería de Presidencia… que ten por obxecto o estudo científico da sociedade española, segundo o propio CIS, os barómetros, teñen como principal obxectivo medir o estado da opinión pública española do momento, sen embargo son unha ferramenta das elites políticas para favorecer o seu produto fronte ao do outro. Existen no último barómetro publicado, outubro de 2024, 16 preguntas directas sobre líderes políticos, partidos, intención de voto e demais cuestións sobre o produto electoral mentres que apenas 6 tratan sobre o seu obxectivo, esa opinión pública do momento. Un simple repaso as preguntas e o xeito de facelas amosa a intencionalidade e o embeleco. A primeira pregunta directa sobre opinión refírese a invasión Rusa da Ucraína. Destaca que se defina como invasión Rusa e non a máis equidistante guerra. A segunda pregunta é sobre a preocupación pola guerra en Oriente Medio, falseando o xenocidio que está a provocar a maior resposta popular mundial, en moito tempo, contra a inacción e complicidade do “Estado de las cosas”, que dicía Kortatu. A terceira é sobre a preocupación polo cambio climático e a seguinte é a pregunta estrela, a preocupación pola economía. Finalmente, preguntase polos tres principais problemas en España. Existe unha clara desconexión entre a considerable preocupación que amosan os resultados directos das tres primeiras preguntas, Ucraína, Palestina e cambio climático e os resultados das preguntas dos tres primeiros problemas para España. O cambio climático só preocupa a un 4,2% dos entrevistados como un dos tres problemas máis importantes e as guerras en xeral, así é o ítem, ao 1,5%. Non pasa o mesmo coa economía pois os tres principais problemas son en primeiro lugar a inmigración, seguido da crise económica, problemas de índole económica, xa o ítem normaliza a crise permanente. En terceiro lugar está a vivenda. O paro, ese clásico durante tantos anos xunto a ETA, segue manténdose en forma como preocupación en cuarto lugar, aínda que teñamos a sensación que xa non lle preocupa a ninguén.
O barómetro é moi clarificador sobre as posicións e discursos “amarillos” ou “verticais” que toman as corporacións sindicais e temos que ter o valor de enfrontalos dende CGT sabendo que aínda que imos contra unha suposta opinión popular, moldeada e interesada, amosamos a realidade ou como dicía Kropotkin, teñamos razón. Hai resultados numéricos que amosan os problemas na súa forma máis cruel. As cifras indeterminadas do xenocidio contra o pobo palestino. Contra esta barbaridade, convocamos unha folga xeral. As cifras indeterminadas do crime da política fronteiriza da UE. Como sinalamos na anterior editorial só na ruta africana-canaria hai constancia de 8.000 cadáveres este ano. O rexistro de accidentes laborais mortais, 573 dende xaneiro a setembro de 2024, un 9, 3% máis que no 2023. Máis de dous mortes ao día en España. Estas cuestións, non cabe dúbida, está a enfrontalas a CGT, aínda que ten moito que dicir e facer aínda. E sobre o paro e o dereito a paro, imos dicir algo? Ou realmente a escalada e o aumento de requisitos e impedimentos para o dereito ao paro xa non preocupa a ninguén?
Larri (e a impagable axuda de Christopher Hitchens)