VII Época - 54

PRESENTADO NA CORUÑA O SINDICATO DE BARRIO DA FALPERRA E OS MALLOS

O pasado 30 de novembro tivo lugar na Coruña a presentación do Sindicato de Barrio da Falperra/Os Mallos, cunhas xornadas sobre o problema da vivenda que terán continuidade o vindeiro 14 de decembro.

Impulsado polo C.S. A Revolteira, no marco dunhas xornadas sobre o problema do acceso á vivenda que foron celebradas o sábado 30 de novembro, tivo lugar a presentación do Sindicato de Barrio da zona de Falperra/Os Mallos, un dos barrios tradicionais de marcado carácter obreiro e popular da cidade coruñesa.

Nesta cidade, os prezos medios do aluguer teñen medrado un 7,4% no último ano e en case un 30% no último lustro, acentuándose nos barrios coas rendas máis baixas onde supera con moito o 10% de incremento anual. A especulación e a avaricia dos rendistas, a pasividade cómplice das autoridades e o estoupido de fenómenos como o aumento nun 357% das vivendas para uso turístico, provocan a imposibilidade de acceder a unha vivenda digna, a expulsión dos fogares e dos barrios de familias traballadoras (case 4000 desafiuzamentos nos últimos cinco anos na provincia da Coruña) e o aumento do sinfogarismo, cebándose especialmente nas persoas migrantes en situación irregular. Todo isto nunha cidade que conta con 20000 vivendas en desuso (o 14,7% do total).

Para enfrontar este problema dende a resposta colectiva e a autoorganización nace este Sindicato de Barrio, como unha comunidade de loita na defensa do dereito á vivenda e outras necesidades materiais e sociais da veciñanza do barrio, coa esperanza de espallar o modelo a outros barrios da cidade que sofren semellante situación.

Algunhas das demandas ás institucións por parte deste Sindicato de Barrio son garantir o dereito á vivenda; erradicar a pobreza enerxética coa prohibición do curte de subministros básicos (auga, luz, gas…); supresión de desafiuzamentos sen alternativa habitacional, regulación das rendas do aluguer cun límite na suba anual, a renovación obrigatoria e automática dos contratos e a regulación dos requisitos de acceso con carácter indefinido de todos os contratos; gravar cun imposto as vivendas baleiras que deberan ser expropiadas para por en aluguer social ao igual que as vivendas de fondos voitres, bancos e grandes propietarios (máis de 10 inmobles); establecementos de plans de recuperación e rehabilitación de vivenda pública para aluguer social; etc.

Entendendo que o único modo de garantir o dereito á vivenda é construír unha forza social que obrigue ás institucións públicas a asumir esas demandas, defende o Sindicato de Barrio a necesidade de empregar as ferramentas da acción directa, a autoorganización e a solidariedade, dando resposta colectiva a un conflito tamén colectivo, constituíndose en espazo de coidado, acompañamento e rede de resistencia veciñal.

A partir dunha Asemblea de afectadas como forza da unión das veciñas e veciños, o Sindicato promoverá o asesoramento xurídico e a autoformación colectiva como recursos nun proceso de acompañamento mutuo nos procesos de loita que non se esgota na vía legal.

Así, o vindeiro 14 de decembro, no mesmo C.S. A Revolteira, terá lugar unha nova xornada que dará continuidade ás actividades do Sindicato coa participación telemática de outras experiencias semellantes noutras cidades, e maila presentación de ferramentas e recursos que están a ser promovidos para a defensa da veciñanza do barrio e da cidade.

Francisco Ascón

CGT – Ensino, A Coruña

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *