VII Época - 63

LEMBRANZA DAS MISTEIRAS CORUÑESAS NO PASO DO SÉCULO XIX AO XX

Polo 8 de marzo

Na Coruña de finais do s.XIX e comezo do s.XX, a presencia de mulleres a traballar como operarias nas fábricas non só abranguía ás cigarreiras da Fábrica de Tabacos da Palloza, o colectivo máis numeroso. Atopamos, entre outras, ás tecedeiras das factorías do téxtil, as traballadoras da industria pesqueira, e as “misteiras”, na fabricación de fósforos.

A fabricación de mistos era unha actividade en alza. Na Coruña chegou a haber tres fábricas de mistos, pero a mais importante foi “La Vasco Galaica” do empresario vasco Enrique Zaragüeta, que constrúe as instalacións preto do barrio de Santa Lucía, en Castiñeiras de Abaixo, aproveitando as naves dunha vella metalurxia. En 1871 empeza a produción.

Naquela época a fabricación de mistos era un proceso case artesanal, sen apenas mecanización ata entrado o s.XX. Nas factorías había distintos departamentos onde se realizaban as diferentes fases da produción: no obradoiro de “cerillería” era preparada unha mestura de estearina ou parafina (na fábrica de Zaragüeta, tratábase do primeiro caso, pois fabricaba principalmente mistos esteáricos) en grandes caldeiras onde se fundían os materiais. O vástago, que na fábrica coruñesa era realizado a base de fiaduras, pero que podía ser tamén de madeira ou cartón, era cortado e bañado en talleres, con máquinas manuais de corte accionados mediante un pedal, para logo ser encabezado coa pasta fosfórica do misto. En paralelo, noutros obradoiros fabricábanse as caixas, de cartón e papel. A fase final era o envasado e o empaquetado. O manexo de produtos químicos e materiais inflamábeis fai que as instalacións sufran abondosos incendios, que xa comezan nos seus primeiros anos: por exemplo, en 1878 e 1886.

Este proceso precisaba dun número elevado de traballadoras, polo que adoitaban contratar principalmente mulleres, pagándolles salarios máis baixos que aos homes. Ademais, as mulleres eran ocupadas nas tarefas de fabricación, enchido, empaquetado e envasado, mentres os homes ocupábanse de tarefas máis cualificadas como os procesos químicos e a manipulación da maquinaria. As materias primas chegaban por vía marítima ao porto coruñés, principalmente as fiaduras, os produtos químicos, ou os fardos de papel e cartón cos que confeccionar as caixas.

En maio de 1890 prodúcense importantes mobilizacións obreiras pola xornada de oito horas, cunha folga xeral paralizando a produción tamén na factoría de Castiñeiras. A prensa afirmaba que o paro das operarias foi forzado pola acción de piquetes, pero tamén salienta a presencia das traballadoras nos mitins celebrados: “Las operarias de la fábrica del Sr. Zaragüeta, o un gran número de ellas, concurrieron a las reuniones de obreros que se celebraron en la Plaza de toros, donde ocupaban en los palcos los asientos de preferencia, y donde escucharon con religiosa atención los discursos de los compañeros” (La Voz de Galicia, 7 de maio de 1890)

En 1893, por Real Orden de 13 de marzo, constitúese o monopolio estatal para a fabricación de mistos e o Gremio de Fabricantes de Cerillas, coa publicación dunha relación nominal de fabricantes, incluído Zaragüeta. Ao mesmo quedan subrogados todos os dereitos pertencentes ao estado para a explotación e aproveitamento da fabricación e venta das “cerillas fosfóricas y de toda clase de fósforos”. Esta situación permanecerá ata 1908 coa finalización do arrendamento do monopolio.

Enrique Zaragüeta falece en 1897 e sucederalle o seu cuñado Gabriel de Arambillet, que xa exercía de xerente, agora baixo a denominación “Viuda de Zaragüeta y Hermanos”.

O ano 1901 representa un punto de inflexión no movemento obreiro coruñés. Dende principios de ano, son numerosas as mobilizacións de amplos sectores da clase obreira, e as misteiras non serán unha excepción. Integradas na Sociedade de Oficios Varios, dirixen as súas demandas á viúva de Zaragüeta quen nun principio nega fundamento ás peticións, para logo demandar un amplo prazo de resposta coa escusa de consultar ao resto do Gremio. Ante a pasividade da empresa, chega a convocatoria de folga a partir do 15 de abril de 1901.

Celébrase o 1º de maio de 1901 coas traballadoras en folga e coa solidariedade do resto dos traballadores e traballadoras para soster economicamente a súa loita. A firmeza das traballadoras impide que entren caixas de mistos por ferrocarril: “(…) el carretero se enteró de la resistencia que ponen las misteras a la introducción de las cerillas y temiendo que fuese objeto de las iras de las obreras se negó a continuar el viaje, dejando los cajones en el Portazgo en un almacén que al efecto fue habilitado” (La Voz de Galicia, 13 de maio de 1901).

Achegándose a cidade a unha situación de desabastecemento, o inspector do monopolio chega a pedir a intervención militar para o transporte das caixas bloqueadas na estación, pero a folga continuará ata mediado o mes de maio de 1901, cando as bases presentadas e rexeitadas anteriormente pola empresa, finalmente serán aceptadas.

A finais de maio de 1901, ninguén sabía o que estaba a punto de suceder na Coruña. O 30 de maio, no decurso dunha folga de “consumeiros”, os disparos da Garda civil acaban coa vida dun traballador en folga, durante unha concentración contra a presencia de crebafolgas traídos pola empresa arrendataria. E alí estaban as misteiras: “En estos momentos transitaban por allí unas mujeres misteras de la fábrica de Zaragüeta, las cuales, reconocidas al auxilio que en la huelga pasada prestaron las asociaciones obreras, dieron gritos de ¡Viva la unión! y apostrofaron a los guardias” (El Correo Gallego, 4 de xuño de 1901)

Trala morte do manifestante, as sociedades obreiras coruñesas chaman a toda a clase obreira a secundar unha folga xeral. A convocatoria é secundada masivamente e, da noite ao día, as traballadoras e traballadores logran paralizar a cidade. E alí, estarán tamén as misteiras: “Algunas operarias (de la Fábrica de Tabacos) habían entrado ya, pero volvieron a salir. Lo propio ocurrió con las operarias de las fábricas de tejidos y fósforos” (El Correo Gallego, 4 de xuño de 1901)

Decrétase o estado de guerra e, na tarde do 31 de maio de 1901, as forzas do exército e maila Garda civil disparan sobre a multitude que baixaba do cemiterio, logo de asistir ao enterro do folguista asasinado. Desatouse unha treboada de represión sobre a clase traballadora coruñesa e as súas organizacións: detencións, xuízos, consellos de guerra… A clase obreira bota man da solidariedade. E alí tamén estarán as misteiras: “Estuvieron ayer en las prisiones militares a visitar a los detenidos una Comisión de operarias de la fábrica de cerillas de la señora viuda de Zaragüeta, compuesta de las misteras Josefa Santiso y Josefa García, e hicieron entrega a los presidentes de las distintas Sociedades obreras, para que las distribuyan entre sus compañeros, de 21,60 pesetas, producto de una cuestación hecha entre ellas en la fábrica” (La Voz de Galicia, 23 de xullo de 1901)

Á liberación das presas e presos, seguiu unha fase de reorganización. Ao ano seguinte, na celebración do 1º de maio de 1902 xa podemos atopar as distintas sociedades obreiras funcionando pese a seguir suspendidas, incluíndo a Sociedade de Oficios Varios. E alí de novo estaban as misteiras, como vemos: (ver aquí recorte de La Voz de Galicia, 30 de abril de 1902).

A organización das traballadoras permite que o abuso empresarial sexa contestado coa loita obreira para impedilo: “Las operarias de la fábrica de cerillas de la señora viuda de Zaragüeta, se han reunido anoche con motivo del despido de ocho de ellas. Reconocieron que no hubo motivo justificado para esto. Nombraron una comisión que visitará hoy al gobernador civil para participarle que se planteará la huelga en dicha fábrica caso de que, contra lo convenido anteriormente con la dueña de la misma, sean sustituídas por otras las operarias despedidas” (La Voz de Galicia, 29 de outubro de 1902)

Dous anos antes do final do arrendo do monopolio estatal ao Gremio, comezaba a falarse de peche da factoría e o 9 de xuño de 1906 as lapas devoran a fábrica. O incendio deixará ás traballadoras durante meses sen salario. Non será ata o final dese ano cando sexa reanudada a actividade fabril e podan volver ao traballo as misteiras. As ameazas de peche continuarán ata o establecemento dun novo réxime da fabricación de mistos. Pero, como adoita a acontecer, os empresarios continúan a actividade tamén coa nova situación e, como sucedera xa, esta non supón mellora algunha para as súas operarias.

A historia da fábrica e a loita das misteiras continúan moito máis aló, ata mediados dos anos 50 do século pasado, como ben recolle Ana Pose Romero, na obra “As misteiras coruñesas: loita e asociacionismo na fabrica de fósforos (1871-1936)”.

Francisco Ascón

CGT – Ensino A Coruña

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *