VII Época - 63

ULTIMATO AOS PARADOS E POR EXTENSIÓN Á TODA A CLASE OBREIRA

Ultimato

1. Resolución terminante ou serie de condicións definitivas para un acordo, que un estado impón e comunica a outro por escrito.

2. Por extensión. Proposta ou resolución precisa, terminante e irrevogable.

Así o define o dicionario da Real Academia Galega e así recibín o “Acordo de actividade” que o Servizo Público de Emprego de Galicia urxiume a asinar no momento que, tras a finalización do meu contrato de traballo por substitución, dirixinme á oficina do paro para darme de alta.

Son un asiduo a esta oficina. Tras lograr introducirme no sector da limpeza, as condicións laborais habituais de temporalidade, parcialidade da xornada, simultaneidade de contratos no mellor dos casos, é dicir, de explotación laboral, fan que cada tanto pase pola oficina a darme de alta ou a actualizar a miña condición de espoliado. Todas estas empresas, unha chea delas, para as que levo traballando nestes últimos tempos incumpren, dun xeito ou outro, as condicións contractuais, ou insolentemente introducen cláusulas e condicións abusivas e ilegais, incluso no propio contrato, con total impunidade. Sen embargo a administración, estatal ou autonómica, non ten ningún sistema de detección da explotación laboral mediante Intelixencia Artficial, ou sinxelamente debido a revisión e cruces de datos, como si o ten o Servizo Público de Emprego de Galicia, para detectar ás persoas que, segundo declaracións do Presidente da Xunta de Galicia e do Conselleiro de Emprego, “realmente non queren traballar”. Tampouco esixen ao empresario, no momento que se inscribe no rexistro mercantil, no Imposto de Actividades Económicas ou como autónomo, a aceptación dun ultimato no que acepta ser dirixido, controlado e fiscalizado, mediante un itinerario, imposto pola administración, para “realmente respectar aos seus traballadores”. Aceptando, mediante a sinatura dun acordo coa administración, cumprir coas actividades, coas accións de formación e a carga lectiva mínima, sinaladas polo itinerario, someténdose as correspondentes avaliacións de competencias e habilidades alcanzadas para a mellora da súa legalidade e respecto as leis laborais e as persoas que traballan para el, cunha avaliación da súa actitude activa, e condicionando calquera axuda económica á empresa á sinatura de dito acordo. Non, as condicións que se lle impoñen a un parado para mellorar a súa empregabilidade son moito mais severas e articuladas que as inexistentes a un empresario para mellorar a súa legalidade. E o mesmo xeito de pensar e actuar que sinalabamos, con respecto ao teletraballo, no anterior número 60 de La Campana, coa declaración de Elon Musk, o home máis rico do mundo, contra unha “clase de teletraballadores que queren poder quedarse na casa á conta de todos os demais” e que amosa a decadencia e ruptura do pacto social, neste caso sobre o dereito ao paro, o dereito a compensar unha situación de inferioridade e desigualdade estrutural e sistémica, o desemprego.

Foi tan só fai uns días cando acudín á oficina de emprego. Ata agora o procedemento era pasar pola parte estatal, o SEPE, e ver se tiñas dereito a algunha prestación segundo o que cotizou a empresa por ti. Unha vez solicitada a prestación, podías pasar a parte autonómica para darte de alta coa condición de prestacionista ou non. Sen embargo, nesta ocasión primeiro chamoume a administración galega. A funcionaria explicoume que o primeiro, agora, era asinar o Acordo de actividade. Expliquei porque non quería asinar tal acordo e preguntei que pasaba se non asinaba. A funcionaria, xunto con outro compañeiro seu, que achegouse, entenderon as miñas explicacións e incluso amosaron o seu acordo con elas. Sen embargo, con certa vergoña, respondéronme que dende finais do 2024 impoñíase o ultimato. Se non asinaba pasaba a unha situación estraña, como un lugar, o limbo, onde o dogma católico consideraba que ían as almas dos que morren sen bautizar antes de ter uso de razón. E por suposto, que si non asinaba non podía ter acceso a ningunha prestación. Tras unha serie de comentarios e explicacións, dinme conta da inefectividade e prexuízo dunha negativa individual e asinei. Puiden entón pasar a parte estatal, o SEPE, para que tramitara a miña solicitude de prestación. Aí tamén explicáronme que para compatibilizar a prestación e un traballo de merda, existía coa aplicación da mesma lei estatal que introducía o Acordo de Actividade, a lei 3/2023 de Emprego do Ministerio de Traballo do goberno progresista, un recorte en canto a duración da compatibilidade que limítase ata catro meses, fronte a anterior extensión no tempo mentres durase a condición. En fin…

Porque ata agora ninguén está a enfrontarse a esta humillación, a esta culpabilización, a este condicionamento dun dereito? Porque sucesivamente van recortándose os dereitos e prestacións do paro sen que ninguén o denuncie? Porque as condicións do paro levan décadas fóra das preocupacións dos sindicatos? É algo que non logro entender. Como tampouco logro entender que tras meses de denuncia nestas páxinas, apenas se emprenda a reacción.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *