POLO DEREITO Á VIDA! POLO DEREITO Á SAÚDE! A SOLIDARIEDADE É A NOSA MELLOR ARMA!
Achegase o 1º de maio, e con el, previamente, as XI Xornadas Libertarias organizadas polo SUTSO CGT de Pontevedra co título “A solidariedade, A nosa mellor arma!”. Para estas Xornadas organízanse e convócanse diversas actividades, todas elas collendo o pulso a parte da actualidade que máis machuca á clase obreira e expoñendo as respostas axeitadas dende o anarcosindicalismo. A loita sindical contra o monopolio da unidade de goberno, empresariado e corporacións sindicais, exemplificado na loita da CGT de Correos. A represión policial e xudicial contra a mobilización social, cunha mesa redonda que promete ser moi relevante á vez que reveladora. Tamén haberá tempo para o cine, pero neste artigo imos centrarnos na xornada do luns 28 de abril. A partir das 19:00, na Praza da Peregrina, convocamos unha concentración contra a sinistralidade laboral que ademais de agardar a participación da afiliación e das seccións sindicais, informará á cidadanía pontevedresa sobre o aumento sen freo dos accidentes laborais e a súa ocultación á sociedade por todo o aparato de dominación contemporáneo.
Dende La Campana vimos advertindo, unha e outra vez, sobre esta calamidade. Imos comprobando como cada vez que saen as estatísticas, crecen as mortes e os accidentes laborais, mires como o mires. Pódense facer moitas cousas para frear esta escalada de consecuencias tan graves, mellorar as leis, sen dúbida, reclamar vixilancia efectiva sobre o empresariado a través da inspección, concienciar á clase obreira sobre a importancia das medidas preventivas, denunciar os abusos das mutuas ou sinalar aos culpables directos ou subordinados, e moitas máis que nos irán achegando, quizais, a unha conclusión: que deixarse a vida ou a saúde no posto de traballo é substancial á irracional obsesión por acumular diñeiro que goberna todos os ámbitos da nosa vida neste sistema capitalista que padecemos. Se chegamos a esta conclusión aínda queda un largo camiño para chegar a outra que responda a pregunta: e que facemos? Dende o anarcosindicalismo temos unha resposta, quizais non sexa a definitiva, pero ata o de agora, a historia ven amosando o camiño como axeitado.
Aínda que sen illala da loita social, no anarcosindicalismo damos prioridade á loita sindical. Da época que traballei no metal, lembro que un sector dos máis expostos era o naval, á vez que depositario dunha longa tradición de loita obreira. Desgrazadamente, cada certo tempo producíase a morte dalgún obreiro traballando no estaleiro. A mala nova corría como a pólvora a través dos “enlaces” sindicais, neste caso pode ser acaido conservar esa denominación. Ao día seguinte organizábanse piquetes ás portas dos estaleiros e, sen notificación algunha á autoridade laboral, proclamábase a folga. Xa a primeira hora da mañá, os piquetes visitaban os estaleiros que poñían algunha pega, e a media mañá todo o sector naval unido percorría ás rúas de Vigo. Deste xeito realizábase á solidariedade, a nosa mellor arma!
Se nos tomaramos en serio a realización da solidariedade coa loita sindical e a estenderamos ao conxunto do estado español, nos reparadores termos que aplican os compañeiros do naval, un día de paro por cada morte, no ano 2024 houberamos parado todos os días dese ano, incluídos os festivos na contabilidade. É máis, polas mortes dese ano, 2024, este ano presente, 2025, non nos chegaría e teriamos que parar ata marzo de 2026 para o loito de cada traballador morto no 2024. A estas alturas do ano 2025 xa poderiamos ter a certeza que todo o ano 2026 seguiriamos en folga solidaria. Se limitaramos, contra o principio básico da internacionalidade obreira, os mortos a Galicia, durante o ano 2024, houberamos parado 63 días. As medias de mortes por poboación elevan a Galicia aos primeiros postos desta lista fatal. Así a todo, isto só é a punta do iceberg, houbo un total de 653.511 accidentes laborais en 2024 segundo o Ministerio de Traballo e Seguridade Social. As cifras correspondentes aos meses deste ano 2025 van superando negativamente, en todos os sentidos, as comparacións cos respectivos meses do atroz ano anterior, que xa superara o anterior… e así, sucesivamente se remontamos cara o pasado.
Se a solidariedade se realizara deste xeito, ían ver o monopolio unido, que conforman o goberno o empresariado e as corporacións sindicais, o que é absentismo laboral!. O absentismo laboral impónsenos como algo a combater, claro que hai que combatelo, pero como unha imposición ideolóxica antiobreira. Do mesmo xeito que o aparato de dominación contemporáneo inoculou a falsidade das ideas de esforzo ou austeridade, agora contamina coa de absentismo. Imponse con esta idea que faltar ao traballo é absentismo, non faltar porque te dá a gana, senón por causa xustificada, incluíndo as baixas médicas, permisos retribuídos, accidentes de traballo, maternidade, paternidade, permisos por voda, hospitalización dun familiar, folgas… creo que se salvan as vacacións. A inclusión deste término normaliza o que subxace, culpar ao traballador por exercer un dereito, por facer o que está ben. Cuestionarnos por non acudir ao traballo cando estamos enfermos ou temos que coidar a enfermos, cuestionarnos que pasa se non acudimos e que pasa se acudimos.
Esta ofensiva, non ten disimulo. Non hai datos oficiais sobre absentismo. Os informes existentes están elaborados por Axencias de Colocación, ETTs, Randstand Research, Adecco Institute, ou Asociacións Empresariais. Nestes informes non faltan os lamentos habituais de altos custes salariais, novas esixencias fiscais ou a falla de traballadores cualificados.
Outras que se apuntan a sacar informes con títulos tan reveladores como, “Evolución de los Indicadores de Absentismo Laboral derivado de la Incapacidad Temporal por Contingencias Comunes (ITCC) en España y en la Comunidad de Madrid desde 2015 hasta 2024” son as mutuas. AMAT, Asociación de Mutuas de Accidente de Traballo, responsable deste infame informe ou Canal FREMAP son as primeiras que aparecen no meu buscador de internet. A falsidade vai dando os seus resultados como pode ser as “baixas laborais flexibles” propostas polo goberno a través da ministra Elma Saiz.
Tamén compre lembrar que o 31 de xulio do ano pasado a CEOE, CCOO e UGT subscribiron un acordo para dotar ás mutuas de máis facultades para o control das continxencias comúns que concretarán os gobernos das Comunidades Autónomas. O Conselleiro de saúde vasco, Alberto Martínez, non tardou en manifestar a súa vontade de analizar a posibilidade de sumarse ao convenio impulsado polo Ministerio de Seguridade Social para derivar ás mutuas parte das baixas de traumatoloxía. O acordo, de ámbito estatal, recolle no seu sétimo apartado «utilizar os recursos das mutuas para acelerar no tempo os diagnósticos e tratamentos en procesos traumáticos». Se relacionamos a inoculación do absentismo con eses supostos “recursos das mutuas” non tardamos en deducir que eses “recursos” non son máis que a presión exercida ao traballador para acudir ao traballo a pesar de estar no seu dereito a cuidarse, ata chegar a non cuestionarse que pasa se acude ó traballo e só se cuestiona o que pasa se non acude.
Esta anterior dedución afiánzaa o feito de que ás mutuas interésalles e derivan habitual e indebidamente, cos seus custes, enfermidades profesionais ou continxencias de orixe profesional ao sistema público de saúde. Neste sentido, recibimos unha pequena boa nova. A Sentenza do Tribunal Supremo n.º 189/2025, do 12 de marzo 2025, establece que as enfermidades ou defectos padecidos con anterioridade polo traballador que se agraven como consecuencia da lesión constitutiva de accidente de traballo deben ser consideradas como accidentes laborais. O traballador denunciante tivo que recorrer ata o tribunal supremo para que se aplicara o recollido no apdo. 2.f) do artigo 156 da Lei Xeral da Seguridade Social (LGSS), que indica que terán a consideración de accidente de traballo as enfermidades ou defectos preexistentes que se agraven debido a unha lesión relacionada co traballo.
Para defendernos das mutuas a CGT ten editado varias guías. Nunha delas analizan acertadamente que cando algún traballador ou traballadora sofre unha lesión no seu posto de traballo, a empresa está obrigada a revisar a avaliación de riscos e as medidas preventivas dese posto de traballo, co fin de evitar que volva suceder. Ao ocultar os accidentes de traballo e as consecuencias que estes teñen para os traballadores e traballadoras, as empresas líbranse de ter que revisar as medidas preventivas dos postos onde se producen os accidentes de traballo ou onde se causa a enfermidade laboral e non teñen por tanto que investir en corrixir ou modificar o posto de traballo. Ao maquillar os datos de sinistralidade, líbranse de posibles seguimentos que a Inspección de Traballo realiza a empresas de alta sinistralidade e de paso esta, non lles obriga a cambiar as condicións de traballo nos postos onde se produciron os accidentes ou enfermidades profesionais. Como non se recoñece que o teu traballo xerouche ese problema de saúde, non se investigarán as causas, nin se aplicarán medidas preventivas para evitar que volva sucederche a tí ou a outra persoa. As empresas e mutuas, con iso, maquillan as estatísticas, baixan os casos de sinistralidade e poden ser bonificadas economicamente pola administración pública.
Mutuas, Asociacións Empresariais, Axencias de Colocación e demais Aparato desprezan a realidade, ocultan que as condicións laborais afectan, directamente e en primeiro lugar, a ese aumento de baixas comúns. Por suposto, barren para debaixo da alfombra cando se publican as estatísticas oficias de sinistralidade laboral. E cando se trata de enfermidades laborais se negan ou non se recoñecen. Para que esta negación sexa eficiente ten moito que ver, por suposto, a administración, as leis e o goberno. Sen embargo, pese a total desviación das estatísticas oficiais, sobre a realidade das enfermidades profesionais, estas non poden ir ocultando o seu aumento.