UNHA ONDA SINDICAL DE LOITA SOLIDARIA E DIGNA
A verdade é que as fontes informativas onde mergullamos para escribir estas Conflictos Colectivos están desbordadas de solidariedade con Palestina. Como unha onda tras outra as mobilizacións sucédense cubrindo a area sindical e incrementando a tensión social sobre os gobernos. Uns gobernos que permiten que toneladas de armas cheguen a Israel mentres nin unha soa tonelada de axuda humanitaria traspasa o bloqueo a Gaza. Eso ten un nome, complicidade, e como o xenocidio está a vista de todo o mundo.
Mais a actividade e loita sindical segue, aínda que non se informe sobre ela como noutros tempos. Así a todo, dende a FESIM informan da folga indefinida na empresa Frenos y Conjuntos de Valladolid con 115 empregos. Esta folga segundo unha nova recollida no Faro de Vigo “ameaza con parar Stellantis Vigo”, debido a falla de subministración de pezas. Segundo o comunicado emitido por CGT, “os traballadores manteñen a folga indefinida tras unha semana, xa que as súas reivindicacións son xustas e non van parar ata conseguir os seus obxectivos”. O conflito baséase sobre todo en reducir a xornada laboral anual e aumentar a porcentaxe de subida salarial, así como conseguir beneficios e melloras sociais, que afectan, tanto a melloras do seu espazo de traballo, como á súa contorna familiar. Recalcan a vital importancia da saúde laboral, xa que debido aos “salvaxes ritmos de traballo e a manipulación de cargas, están expostos a sufrir enfermidades músculo-esqueléticas arrastrando o seu padecemento para sempre”. Durante esta pasada semana o Comité de Folga denunciou ante a inspección de traballo prácticas de esquirolaxe inducidas pola empresa. Segundo indica o comunicado, “practicamente o 100% dos traballadores ligados a produción secundaron estes primeiros cinco días de folga. Con todo, constataron que responsables e traballadores non ligados a postos produtivos estiveron ocu-pando varios postos de produción dos folguistas, nun intento de sabotar a protesta laboral”. Ás mobilizacións convocadas durante esta semana pasada, concentrándose durante o inicio das tres quendas na porta, sumáronse dúas manifestacións que partiron desde a fábrica e percorreron o centro de Valladolid. O Comité de folga anunciou que este próximo luns 6 de outubro continuarán as presións, valorando a través dos acordos das asembleas como endurecer as accións e expandir o conflito, xa que entenden que “a loita é o único camiño e a empresa non vai ceder ata que non quede outra opción”.
Tamén a CGT en INDITEX, Plataforma Europa, o gran centro loxístico desta cadea de roupa sucia, está en loita. Nesta ocasión loitando contra os contratos a través das ETT. Segundo o seu canle de telegram “Lamentamos que á dirección non lle alcance a enorme flexibilidade”. Inditex é unha empresa que precariza enormemente as condicións laborais e converte a necesidade dun posto estable nun negocio de contratos lixo, “cuarta quenda, quinta quenda, eventuais e fixos descontinuos e aínda teñen que recorrer as ETT” sinala á CGT. Esta empresa promove un modelo de traballadores de usar e tirar, en vez de apostar por consolidar empregos fixos. A CGT en Inditex esixe converter en fixos a media anual de contratos anuais.
O pasado 3 de outubro un comunicado do comité de empresa en ABAI Coruña esixía postos de traballo con garantías tras unha reunión coa empresa. Denuncia este comunicado que “é evidente que a estratexia de ABAI busca menoscabar a nosa integridade física e psíquica”. Certo, o sector de telemarquetin é unha das mostras máis palpables do fracaso do sistema social. Dende fai tempo vimos facéndonos eco, aquí en La Campana destas “manobras que non só buscan destruír deliberadamente postos de traballo, senón que tamén buscan levarnos a situacións insoportables para que deixemos a empresa”, volven advertirnos dende a sección sindical. A CGT xa denunciou en numerosas ocasións a deslocalización dos servizos a plataformas en outros paises onde as traballadoras sofren unhas condicións máis miserables, “o obxectivo é obter máis e máis beneficios á conta do sufrimento humano”. Para a sección sindical, como tamén debera ser pata todos nós, “é inaceptable que Movistar introduza novas ferramentas de control e presión para hostigarnos, mentres está a desmantelar as plataformas no estado español”. A tensión e irritación maniféstase no comunicado “as empresas non me-recen nin o máis mínimo sacrificio nin compromiso”. Nesta ocasión a CGT, xunto ao comité de empresa, esixe “postos de traballo estables con condicións de calidade para todas as compañeiras da Coruña. De non ser así advertimos que non nos vai tremer o pulso á hora de poñer de novo en marcha as accións necesarias para sinalar a miseria moral da dirección de ABAI, Movistar e o resto de empresas piratas”.
Lamentablemente as situacións de precariedade e contratos lixo, como a miseria do contrato social, manifestase do xeito máis cru coa insoportable cantidade de mortes por accidente laboral. A preocupante escalada e inacción para deter estas mortes apareceu outra vez este 3 de outubro en Torreblanca (Castelló). A Confederación Xeral do Traballo informou da defunción de Edgar, un traballador de 30 anos, ao recibir unha descarga eléctrica mentres facía traballos de mantemento na catenaria do ferrocarril. Segundo explican desde o sindicato de Castelló “Edgar, sen experiencia previa neste tipo de labores, tiña un fillo e traía traballando 3 días para a empresa”. Os traballos consistían en solucionar un corte de tensión nas dúas vías da catenaria que vai desde As Palmes ata Ulldecona e estaban a transcorrer con normalidade e de maneira segura, ata que ocorreu o accidente entre as 4 e as 5 da madrugada, segundo informan desde CGT, “cando se lle ordenou subir a un pau da outra vía para realizar unha medición e nese momento recibiu a descarga, polo cal se pode deducir que non se comprobou a ausencia de tensión na outra vía, incumprindo o protocolo obrigatorio”. Segundo a CGT de Castelló “en 2025 as cifras de accidentes laborais son unha secuela social inaceptable en pleno século XXI, aínda que resultan lixeiramente inferiores a pesar do aumento da ocupación, mentres que os accidentes con resultado de morto mantivéronse”. Hai que lembrar que en 2024 chegouse aos 830 mortos de persoas traballadoras, un 8’9% máis respecto ao 2023.
Con todo, a CGT está a envorcarse nas ondas de solidariedade e loita que rompen por todo o planeta, dende o río ata o mar. Outra mostra máis é o pequeno informe acabado de editar polo Gabinete Socioeconómico Confederal co título “Relaciones económicas entre España e Israel ¿Cómo han evolucionado desde octubre de 2023?”. O estudo expón as seguintes claves:
– Mentres que o comercio de mercadorías con Rusia reduciuse en máis dun 50% tras a invasión sobre Ucraína, o comercio con Israel apenas diminuíu desde outubro de 2023.
– As relacións comerciais entre España e Israel concéntranse principalmente na in-dustria química e en bens de equipo. O comercio de armamento mantívose desde outubro de 2023.
– Os fluxos investidores recibidos de Israel concéntranse maiorita-riamente na construción, actividades inmobiliarias e deportivas. Os investimentos que desde España diríxense a Israel sitúanse na industria química e actividades vinculadas coa programación e a consultoría.
– Algunhas das principais empresas españolas directamente involucradas no proxecto de ocupación israelí de terras palestinas son Ineco, Construcións e Auxiliar de Ferrocarrís S.A (CAF), Salvat Loxística, Sociedade Española de Montaxes Industriais (SEMI) ou GMV Innovating Solutions. Algunhas delas, participadas polo Estado español.
– A presión exercida no ciclo de mobilizacións das últimas semanas foi eficaz e condicionou a opinión pública, a actuación de distintos organismos e, en última instancia, do Goberno.
En particular, sobre o comercio de armas, o estudo sinala que unha investigación de Diario.es documentou máis de 60.000 pezas de armamento trasladadas en vóos desde España cara a Israel entre 2024 e 2025, a pesar dos anuncios de suspensión de exportacións. En resposta á presión social e ás advertencias internacionais, o Goberno de España aprobou o pasado 23 de setembro de 2025 un real decreto que reforza o embargo de armas a Israel. Aínda que o Goberno presentase o decreto como un paso histórico ao establecer un embargo de armas a Israel, realmente é unha medida cargada de ambigüidade que limita o seu alcance real. No texto introdúcense “excepcións por razóns de interese nacional”, que abren a porta para manter determinados contratos, licenzas xa autorizadas ou mesmo operacións encubertas de tránsito de material militar. Na práctica, isto significa que o embargo pode converterse nun xesto máis simbólico que efectivo, posto que a interpretación de que constitúe un “interese nacional” queda en mans do propio Executivo, sen control parlamentario inmediato nin mecanismos de rendición de contas transparentes.
Agora toca levantarnos e loitar para que a próxima folga xeral do 15 de outubro sexa un éxito, e non só de participación. Polo pobo palestino, Palestina vencerá.

