FOLGA POLOS DEREITOS COLECTIVOS EN BORGWARNER
Como diciamos no anterior número de La Campana a convocatoria de Folga Xeral por Palestina do 15 de outubro inunda todas as nosas fontes de información. Así a todo, os traballadores de BorgWarner acumulan duas convocatoria de folga para ese día.
O comité de empresa de BorgWarner Emissions System Spain SL, con centros de traballo en Zamáns (Vigo), Porto do Molle (Nigrán) e no polígono da Granxa (O Porriño), vén de anunciar unha convocatoria de folga indefinida a partir do vindeiro mércores día 15 pola situación de conflito ante os numerosos incumprimentos da dirección.
O comité de empresa con representación da CGT, CIG, UGT, USO e CCOO tomou esta medida debido a que a empresa vén incumprindo o acordo pactado fai xa un ano, en outubro 2023, recollido no convenio colectivo, que obriga a actualizar as categorías, encadramento profesional e dos postos de traballo. A empresa amosou “un desinterese total e absoluto nas comisións negociadas no convenio e na clasificación de técnicos e administrativos e especialistas” sinalan dende o comité. Deste xeito a empresa consegue bloquear a negociación “logo dun período de negociación interno nas distintas comisións de traballo no que a dirección amosou un bloqueo total e mala fe negociadora” apunta un comunicado.
Tamén denuncian que a empresa, facendo uso e abuso de poder, está a negociar cos traballadores de xeito individual ás súas condicións laborais en materia de clasificación profesional. Acertadamente, o comité de empresa cualifica esta sucia manobra como “vulneración da liberdade sindical en materia de negociación colectiva”. Con toda a razón. Ademais de incumprir os acordos derivados do convenio, ademais de impedir executalos, eluden o dereito laboral e os seus principios. Convén lembrar que unha das bases, motivos e principios do dereito laboral é protexer ao traballador debido a súa situación de indefensión e desigualdade. Situación que é substancial na relación obreiro-patrón do traballo asalariado. Desta desigualdade substancial naceu, teoricamente, o dereito laboral. Un dereito e principio fundamental é a negociación colectiva, precisamente para protexer ao traballador destas sucias manobras como a que está a exercer BorgWarner. En fin, ese “sube ao despacho” tan común como indecente.
Outro dos motivos principais do paro indefinido, e a obstaculización da negociación do III Plan de Igualdade. A representación dos traballadores denuncia que tras un período dun ano e tras oito xuntanzas coa dirección, a empresa frustrou a negociación “optando a dirección por dilatar e incumprir o regulamento asinado ao non facer entrega da documentación legalmente establecida” aclara o comunicado do comité de empresa.
Por se fose pouco, o comportamento ilegal da empresa, vulnerando o dereito á negociación colectiva e a actividade sindical, foi constante acumulando unha falta de resposta reiterada ás peticións, preguntas e obrigas legais que ten a dirección co comité.
O comité de BorgWarner, lembra que “nestes momentos en que a multinacional está gozando dunha grande carga de traballo, desenrolando novos proxectos, con uns resultados económicos excepcionais e sendo receptores dunha gran cantidade de fondos públicos, tanto a través dos Gobernos do Estado español e da Xunta de Galiza como do resto de administracións a través de fondos PERTE, para proxectos relacionados co vehículo eléctrico, semella estraña a postura radical e incumpridora da dirección actual da empresa”. Quizais unha explicación a ese estrañamento sexa a mala fe.
O comité de empresa de BorgWarner iniciou medidas de acción sindical para motivar á dirección a tomar outra postura e evitar definitivamente os incumprimentos en todas estas materias. O luns, 6 de outubro, comezaron as medidas cunha concentración de traballadores nas portas do centro de traballo de Zamáns (Vincios) e tomouse a decisión de non realizar horas extraordinarias e o cumprimento estrito da xornada de 8 horas diaria.
Nas asembleas convocadas, decidiuse o inicio desta folga indefinida dende o 15 de outubro, debido a que ata esta data a dirección non quere cambiar a súa postura nen notificou ningunha proposta.
Cos tempos que corren, nos que o sindicalismo e o dereito laboral están sendo tan desprestixiados pola patronal e a autoridade laboral, que un comité de empresa, apoiado polas asembleas de traballadores, decidan defender os seus dereitos colectivos deste xeito, cunha folga indefinida, convertese, quizais, nun síntoma de que algo poda estar cambiando.
Larri. Fonte: Sección Sindical Borgwarner CGT-Vigo
