A LEI DO SILENCIO
Varios compañeiros da CGT viguesa foron agredidos pola policía portuaria de Vigo o pasado domingo. Outra policía máis, a portuaria, que transparenta matonismo. O seu ámbito de actuación só está no interior das zonas portuarias, non na vía pública, e entre as súas competencias están a de denunciar infraccións, controlar accesos ao porto, vixiar instalacións e mercadorías, asegurar o cumprimento da normativa marítima e de aduanas, e supervisar as cargas e descargas pero para nada reprimir ou controlar protestas sindicais.
A CGT volveu ao lugar onde produciuse a agresión, a rotonda do Berbés, unha vía pública ao carón do porto de Vigo, convocando unha concentración o pasado venres 21. Dende alí, solidariamente, denun-ciouse, á cara dos agresores, o matonismo policial.
Como se explicou na concentración, o domingo 16 uns sindicalistas da CGT de Vigo colocaron unha pancarta reivindicativa na rotonda denunciando os abusos laborais que ven cometendo a empresa Tecnocontrol. Unha vez colocada a pancarta os sindicalistas foron ata un dos bares da rotonda, dende onde miraron como a policía portuaria saíu do porto e dirixiuse cara a vía pública onde estaba colocada a pancarta coa pretensión de arrincala. Entón, os compas foron ata a rotonda para tentar emendar a actitude da policía portuaria, manifestándolle que non podían quitar a pancarta porque non estaba dentro do porto. E comezaron as agresións policiais. A máis grave a un compa que caeu ao chan, e cos xeonllos do policía na caluga, coa súa cara premida contra o chan, mentres lle retorcían os brazos e atábanlle torpemente as mans con bridas, amosaba a súa dor. De nada serviu que os outros compas advertiran que lle estaban facendo dano e urxían que non llo fixesen. Pronto apareceron outras policías, a local e a nacional.
Inmediatamente, o Sindicato de Oficios Varios de Vigo emitiu un comunicado o mesmo domingo 16 que denunciaba “a brutal e des-proporcionada actuación da policía da APV, Autoridade Portuaria de Vigo, … onde tres sindicaslistas que reclamaban pacificamente o cumprimento do convenio colectivo do metal foron agredidos”. “Mobilizáronse ata seis coches patrulla que se concentraron no lugar dos feitos co único obxectivo de retirar a pancarta e disolver a lexítima protesta. Os axentes procederon a identificar de forma agresiva aos sindicalistas, e acto seguido, cargaron contra eles, propinando golpes e causando lesións a un dos compañeiros, que tivo que recibir asistencia médica”, continua o comunicado que cualifica os feitos como “propios dunha ditadura” e o obxectivo da agresión, “amedrentar á representación sindical”.
Román é, ademais dun compañeiro do sindicato de oficios varios de Vigo, o representante legal dos traballadores en Tecnocontrol. Así nolo conta, “Un grupo de sindicalistas da CGT en solidariedade cos compañeiros de Tecnocontrol S.A., empresa que ten licitado o mantemento no porto de Vigo, estaban facendo unha acción sindical que consistía en denunciar os abusos laborais que estamos sufrindo os traballadores de Tecnocontrol co incumprimento sistemático do noso convenio de referencia, que é o convenio do metal”. Outra empresa máis que non respecta a lei nin aos seus traballadores. Román nos concreta os incumprimentos, “os traballadores non temos opción a elixir as datas para desfrutar as vacacións, non temos dereito a elixir os días de asuntos propios. Na mesma semana podemos traballar nas tres quendas, mañá, tarde ou Noite. Temos semanas de 6 xornadas de 8h, 48 horas semanais. Isto, e ademais non se respecta o día e medio de descanso mínimo semanal. Temos 15 xornadas anuais en horas de solapamento, non se nos paga o plus de traballos especiais”.
Tamén fainos chegar uns documentos onde explícanse polo miúdo as ilegalidades da empresa e os seus abusos. Sobre a xornada, a empresa impón un ciclo irregular, de 9 semanas, de quendas semanais onde identifícanse graves incumprimentos do convenio e do Estatuto dos Traballadores como non respectar o tempo mínimo de descanso semanal e diario, os cambios de quenda abusivos ou o exceso de xornada. Aos incumprimentos estruturais do ciclo inicial, súmase unha práctica aínda máis lesiva: a modificación unilateral e continua do calendario laboral ao longo do ano. A empresa non só impón un calendario inicial sen acordo, senón que posteriormente altérao sen negociar, incumprindo por partida dobre a obrigación de pactar a distribución irregular da xornada. Este horario demencial ten consecuencias directas e graves sobre a saúde dos traballadores, rexistrándose un elevadísimo número de baixas médicas por enfermidades posiblemente relacionadas pola demente imposición da empresa. A proxección da demencia empresarial provocando enfermidade sobre a clase obreira. Aínda que a lei e poder xudicial encárganse de que estas imposicións sexan normalizadas, deberíanse considerar como un delito contra a saúde dos traballadores.
Tecnocontrol tamén vulnera o dereito a elixir vacacións, utilizándose os días de vacacións como meros descansos para encaixar os cambios de quenda e impedindo a elección dunha quincena completa. Outra imposibilidade, o desfrute dos días de libre disposición. Ao marcar as 220 xornadas anuais de forma ríxida e cíclica, utiliza os días destinados a asuntos propios ou compensación por exceso de xornada da mesma maneira que as vacacións: como ocos para os cambios de quenda no ciclo.
A pesar da ríxida planificación, nos ciclos se solapan descansos con cambios de quenda. O cómputo destas horas de descanso “perdidas” ou non gozadas como tales ascende a un equivalente de 15 xornadas de traballo anuais. Está a producirse un exceso de xornada encuberto e unha vulneración sistemática do dereito ao descanso, tanto diario como semanal.
Outra ilegalidade é sobre o plus de perigosidade. Existen discrepancias sobre que tarefas concretas darían dereito ao devandito plus, mais en reunións mantidas no AGA, Tecnocontrol puxo varios exemplos de traballos que sí darían dereito a cobrar o plus. Con todo, a realidade é que non se está abonando cantidade algunha. A empresa despediu a un compañeiro mediante un despedimento disciplinario por non tomar as medidas de seguridade concretas para ese traballo. A empresa chegou a cualificar de “perigo mortal” as tarefas que realizaba o compañeiro, cunha hipocrisía digna dun sacerdote. Por unha banda impón un sistema de quendas de traballo ilegal atentando contra a saúde, e por outra despide co argumento de defender a saúde. A actitude de non pagar o plus contradí a súa propia avaliación do risco. A empresa nega o risco para aforrar custos laborais, pero recoñéceo e amplifica para aplicar sancións.
A CGT levou todo isto aos tribunais, “temos un xuízo o 17 de decembro pra corrixir estes incumprimentos”, dinos Román, “un xuízo que… só podemos gañar” confía.
Na licitación do servizo de mantemento a Tecnocontrol por parte da Autoridade Portuaria especificase claramente que a empresa ten que cumprir o convenio do metal. Román cóntanos que a empresa non recoñece o convenio como de aplicación e remítese as condicións máis baixas do estatuto dos traballadores, as condicións mínimas que regulan as relacións laborais e que ademais tamén incumpre. “Na licitación di claramente que a empresa adxudicataria ten que cumprir co convenio do metal, de non ser así sería causa de rescisión da licitación”. Sen embargo os compas tropezaron coa complicidade da Autoridade Portuaria “Se lle fixo chegar todos estes imcumprimentos tanto a APV como o comité da APV e a resposta foi que iso era interpretable”, aclara Román. A complicidade é manifesta nas declaracións á prensa despois de que os compas denunciaran a agresión. Lamentablemente o comité de empresa da Autoridade Portuaria de Vigo fixo as labores de recadeiro. Nun comunicado onde expresa o seu apoio ao persoal da Policía Portuaria, o Comité de Empresa asegura que a versión ofrecida pola CGT, “dista moito do acontecido realmente”. Sobre a actuación da policía portuaria, “En ningún momento a súa intervención tivo outro obxectivo que o de garantir o normal funcionamento das instalacións portuarias”, aseveran miserablemente. Desde o Comité afirman “que en ningún caso os supostos sindicalistas estaban a realizar unha protesta ou unha acción sindical”. Esta afirmación déixanos intuír a mafiosa autoridade que se aplica no Porto de Vigo. Explícanolo Román que é, recordámolo, o representante dos traballadores de Tecnocontrol, “O comité que saíu a defender a actuación dos policías portuarios é o comité da APV, e o presidente do comité un policía portuario, ademais de ser de CCOO e de moita afinidade ca dirección da APV”.
Xa cando nos despedimos, antes de colgar o teléfono, coméntolle a Román que lembro de cando vivía eu en Vigo, baixar polas rúas no medio da noite, invisiblemente, a horas que non había outra xente na rúa, a cantidade de homes inmigrantes coas botas de goma altas e o gancho para arrastrar as caixas dirixíndose cara o porto. Daquela, e despois de moitas dificultades, conseguín falar con algún deles e constatei ademais da súa situación irregular, a falta de contrato ou de calquera regulación laboral, e a explotación máis miserable. Este era o normal funcionamento do porto que defende o comité da APV. “E sigue” comenta Román, seguen pasando día a día por diante dos accesos que controla a policía portuaria. É unha cooperativa que controla a descarga e que manexan catro… páganlle 50 euros en negro, en metálico pola descarga, aos elixidos…, como naquela película en branco e negro.

