O CRUEL RASTRO DA AVARICIA ORGANIZADA
Supoño que se ledes La Campana compartimos a visión de que o sistema capitalista que invade todos os aspectos da vida, ademais de nidiamente inxusto e autoritario, cruel e asasino, deixa rastros, luminosamente visibles, da súa substancia. Se non a compartides, cada semana tentamos compartir realidades que, ao noso entender, asentan esa visión. Insistimos constantemente en publicar os nítidos rastros mortais, moitas veces agochados ou disimulados polo sistema de propaganda capitalista. As mortes causadas pola violencia militarista, as guerras e xenocidios, as mortes causadas polo colonialismo e as fronteiras, a inmigración, e as mortes causadas pola explotación laboral, as mortes no traballo, nutren as nosas airadas páxinas porque, a verdade, non podemos separar a emoción, o sentimento, da denuncia, ou, simplemente, da vida.
Respecto a estas últimas mortes, as provocadas pola explotación laboral, as últimas dúas que apuntamos, foron nas vías do tren. A última a de Getafe, na madrugada do 28 de outubro de 2025 mentres traballaba no mantemento da vía, tras ser arroiada por un tren. A outra, a do 3 de outubro, en Torreblanca (Castelló); informabamos da defunción de Edgar, un traballador de 30 anos, ao recibir unha descarga eléctrica mentres facía traballos de mantemento na catenaria do ferrocarril. Sen embargo, ata agora, non apuntaramos a morte dun traballador de 45 anos o martes 18 de novembro ao sufrir un accidente nunha plataforma elevadora en San Cibrao das Viñas. Segundo o 112, o accidente produciuse nas obras das vías de ferrocarril. Ademais, os servizos sanitarios confirmaron que outro operario sufriu unha lesión nunha perna. Pouco sabemos do que pasou e semella que pouco imos saber, pois non temos máis información que a do sistema de propaganda dominante que reduciu a nova a unha anécdota local. Da minúscula nova editada repetidamente nuns poucos diarios dixitais, só un amplía a información cun exiguo “Os traballadores, segundo detallaron fontes de Adif consultadas por Europa Press, forman parte dunha das empresas subcontratadas que se encargan de realizar traballos de revestimento no túnel”.
Que está a pasar nas vías ultimamente? Non o sei. Intúo as causas, pero, hai algo que as agrava? Síntoo, pero non teño respostas. Tampouco vexo que existan respostas obreiras contundentes que quebranten a deriva mortal, nin no sector ferroviario, nin en ningún outro lado. Esta falta de resposta deshumaniza a unha organización sindical e a concepción do sindicato pola clase traballadora. Non todo pode amañarse conseguindo seguimento nas redes sociais, a tradición de parar o traballo, sen cumprir os prazos legais para convocar unha folga, cada vez que se produce unha morte no traballo, e expresar publicamente a dignidade, solidariedade e insubmisión cunha marcha obreira polas rúas, a día de hoxe segue sendo a resposta máis sindical. Se un sindicato quere recuperar a concepción sindical que transmite á clase obreira, debe reimplantar esta tradición.
Do contrario, sen accións que o enfronten, cada vez, avanzará máis a alienación ás representacións da patronal. O vasco Antonio Garamendi, o presidente da CEOE, a organización da patronal, un tipo que cobrou 391.000 euros, só da patronal en 2024, sen contar os seus beneficios debido á súa actividade empresarial privada centrada nos sectores do metal, construción, inmobiliario, seguros e hostalería, participando como accionista ou conselleiro en distintas empresas, un tipo ao que este último goberno concedeulle a Gran Cruz da Orde Militar, a iniciativa da ministra progresista Margarita Robles, polo seu bo rollo e colaboración co militarismo, non comparte a preocupación de La Campana pola morte laboral, nin pola enfermidade, nin polos graves accidentes laborais. O tipo, divulga as representacións da patronal. Ao seu xuízo, o gran problema laboral de España é o elevado absentismo laboral existente. No pasado número 68 xa advertiamos da ofensiva absentista. Un termo que busca culpar ao traballador por estar enfermo, sofrer un accidente laboral, coidar a persoas achegadas ou desfrutar do dereito a permisos legalizados pola súa necesidade. O absentismo é unha representación perversa porque perverte o seu significado, equiparando as faltas inxustificadas ao traballo, cunha consecuencia disciplinaria que pode chegar ao despedimento no caso de acumular tres, a calquera ausencia, por moi legal e xustificada e teñas dereito a ela. O tipo este, coa súa remuneración, nos seus maxistrais relatorios bota en falla “unha sociedade coa cultura do esforzo”. Deixando de lado o miserento discernimento do que é a cultura, non se refire ao esforzo de chegar a fin de mes que sí incrementa na sociedade, senón ao esforzo por incrementar os beneficios dos que representa. Sobre as baixas laborais Garamendi trasladou que “en España faltan 1.600.000 persoas a traballar todos os días cando, o ano pasado eran 1.400.000”. Lonxe de buscar calquera causa, e moi lonxe de relacionalas coa explotación laboral, apunta á mocidade, posto que “os menores de 35 anos acumularon 9 millóns de días sen traballar o ano pasado”. Nin rastro de humanidade.