UN ERE E DOUS HOMES QUE COÑECÍAN CADA FINCA POLO SEU NOME
O pasado 20 de novembro, a empresa ENCE anunciou o inicio dun procedemento de despido colectivo, fronte ó que os representantes sindicais dos traballadores decidiron encarar as negociacións coa decisión inicial de “non aceptar os despidos”, manter a confrontación e mobilización iniciada a principios de mes e recorrer a “todos os mecanismos posibles”, que logren paralizalos.
Na área “Ordenación Forestal y Asesoramiento” o documento inicial da Empresa apunta ao despido dos axentes de mellora de xestión forestal, coa inaceptable escusa de contar con un mapa da “cornisa cantábrica”, que, segundo eles, valeira de contido a tarefa insubstituíble dos traballadores actuais, por máis que substituíndoos por compañeiros de outras unidades, que xa teñen competencias propias, alleas ao eficaz, público e directo asesoramento a pe de monte dos propietarios forestais. [La Campana]
Eran xestores de mellora de Xestión Forestal, pero antes de nada eran gardiáns silenciosos do monte
Nun recuncho verde de Galicia, entre liñas de eucaliptos, carballos teimosos e regatos que non saen nos mapas, había dous homes que coñecían cada finca polo seu nome. Non precisaban coordenadas; chegaban, miraban ao redor e xa sabían por onde entraba o vento, onde se encharcaba a auga, que raíz atoparía pedra a medio metro e que praga estaba chamando á porta sen que ninguén a vise aínda.
O seu traballo nunca foi unha pantalla nin un punteiro sobre un visor. O seu traballo era agacharse para coller a terra coa man e cheirala; escoitar a un propietario que levaba toda a vida mirando aquela leira e traducir en linguaxe técnica un sentimento moi simple: “quíxera deixar algo mellor do que recibín, un monte con máis futuro”. Era proxectar e planificar unha repoboación que non só producise madeira, senón futuro: elixir especie, marco de plantación, preparación do terreo, fertilización, coidados, manexos, tratamentos fitosanitarios, pensar nas secas que veñen, nos fungos que pasan desapercibidos, nos ventos que dobran árbores e tamén familias. Cando chegaban as primeiras dúbidas -eucaliptos que non medraban, manchas nas follas, fallos na plantación- non había algoritmo que contestase. Había un Duster, botas cheas de barro e anos de experiencia enriba. Revisar unha a unha as causas, mudar un tratamento, recomendar unha selección de brotes, evitar un gasto inútil, salvar unha masa forestal enteira cun consello que non cabería nunca nunha das mellores apps nin nunha celda de excel. Iso non se automatiza; vese nos ollos de quen volves a ver ao ano seguinte e di: “menos mal que viñeches”.
Os mapas, os números … son mudos, por máis que detrás deles hai vida, ollos, mans …capaces de interpretalos e darlles contido
Agora, nun papel frío, alguén escribiu que todo ese traballo “queda sen contido” porque hai un “mapa” que pinta cores cada quilómetro cadrado, nun pixel cego e insensible. Como se a pendente real, as pedras agochadas, o rego que reborda en inverno ou a praga que entra polo lindeiro se lesen naquela cuadrícula con precisión e acerto. Como se unha man anónima nun despacho puidese dicir que o que fai e fixo un capataz forestal, hoxe xestor de Mellora de Xestión Forestal sobre o terreo, con coñecemento e experiencia de décadas, pode substituírse por un clic nun visor que aínda nin existe nin ten presuposto para ser algo máis que unha idea bonita nunha presentación.
E, como se non chegase, queren entregar ese “asesoramento” a quen vai ao monte con outra misión: comprar madeira, pechar operacións, cumprir obxectivos comerciais. Xente valiosa, sen dúbida, pero que non tivo nin o tempo nin a oportunidade de aprender o que estes dous homes acumulan ás costas: erros sufridos, montes salvados, conversas interminables en cociñas e pistas de terra, campañas de pragas que non chegan ás noticias pero que cambian a vida de moita xente. Pedirlles que fagan o mesmo coa axuda dun visor dun “mapa” é, no fondo, vaciar o servizo e xerarlle falsas expectativas ao propietario, facéndolle crer que segue a recibir un consello sabio, independente e experto cando xa non é así.
Detrás dos números, hai anos de vida entregados á mesma empresa, máis de trinta campañas de plantación, crises, incendios, cambios de especie, de modelos, de normativas de loita para salvagardar o seu sustento e aportar calidade de vida á súa familia. Hai corpos que xa non teñen vinte anos, pero teñen algo moito máis valioso: criterio.
E iso é precisamente o que se pretende borrar baixo a palabra “amortización”
Non é un axuste técnico; é dicirlles a quen sostivo o monte durante décadas que agora, no tramo final da súa carreira, son prescindibles porque un “mapa” -que nin sequera está rematado- fará o seu traballo mellor e máis barato. Este conto fala de dereitos, si, pero tamén de dignidade. O dereito a que non se use a escusa da tecnoloxía para disfrazar unha decisión que en realidade é outra: apartar ás persoas máis veteranas, máis incómodas precisamente porque saben demasiado ben o valor do que fan. O dereito a que, cando se fale de automatización, se fale de máquinas e sistemas reais, con presuposto, con probas, e non de promesas difusas que só aparecen cando interesa recortar persoal. O dereito a que, antes de romper unha traxectoria de toda unha vida, se mire se hai outra cadeira na que sentar, outro posto no que seguir aportando, outro camiño que non sexa simplemente a porta de saída.
Cando se sente nunha mesa a decidir se estes postos poden desaparecer, non se está decidindo só sobre as nóminas. Decídese que modelo de monte queremos: un monte asesorado por xente que coñece cada recuncho e pensa en décadas, ou un monte guiado por cores nun “mapa” e conversacións apuradas entre unha compra e outra. Decídese se a experiencia conta, se os compromisos de profesionalización e mellora son algo máis ca lemas na memoria anual.
Por iso, a voz destes xestores, e de quen os defende, ten que soar clara: non se nega o avance tecnolóxico, dáse a benvida ao “mapa” como ferramenta, pero non se acepta que se utilice como escusa para borrar o traballo de toda unha vida nin para degradar o servizo que se lle ofrece ao propietario e ao monte galego. Porque hai cousas que non se poden amortizar: a defensa do eucalipto e o monte, a confianza, o criterio, a dignidade e o dereito a que as razóns sexan verdadeiras e non unha cortina de fume para tapar decisións inxustas.
