‘EL CORTE INGLÉS’, UN MODELO LABORAL BASEADO NO MEDO E A INSEGURIDADE
Este xoves 15 de xaneiro ás 17.30, tivo lugar unha concentración ás portas de El Corte Inglés de Santiago de Compostela, en apoio a unha traballadora deste centro de traballo e para esixir o respecto aos dereitos laborais, así como o cesamento inmediato de calquera represalia.
A traballadora, compañeira afiliada á CGT, á que se prestou apoio na concentración, enfrontase a unha “grave situación de vulneración de dereitos laborais tras exercer o seu dereito a un permiso retribuído polo coidado dun familiar de primeiro grao, intervido de maneira grave e urxente”, alerta unha nota de prensa remitida a esta redacción dende a Sección Sindical e o Sindicato da CGT coruñés.
Destaca a nota que este non é un caso illado “senón que forma parte dunha práctica habitual dentro da empresa: negación de permisos, obstáculos á conciliación, sancións encubertas e unha política de presión que busca disuadir ao persoal de reclamar os seus dereitos”.
Tanto en El Corte Inglés, como en calquera outro lugar de traballo, a vulneración da lei laboral sae á luz cando é denunciada polas propias traballadoras afectadas. O estado, a través dos seus mecanismos de control, como a Inspección de Traballo, é incapaz de garantir nada, salvo a impunidade do empresariado para burlarse da lei. A situación de desvantaxe, indefensión e vulnerabilidade obreira, natural e recoñecida polo estado e a sociedade que padecemos, inherente ao traballo asalariado, imple-menta, agora e na súa orixe, o dereito laboral como medida correctora da desigualdade entre empresario e traba-llador na relación laboral. Estas circunstancias, a des-vantaxe obreira substancial ao traballo asalariado e a ineptitude da Inspección de Traballo e o Estado, provocan que a represión empresarial sexa a resposta máis común ante as denuncias por vulneracións de dereitos laborais, revelando así a herdanza no escravismo e o vasalaxe do traballo asalariado e, pola outra banda, enraizando a dignidade obreira. Sen embargo existe certa singularidade en El Corte Inglés.
A nota de prensa remitida aclara a situación concreta da compañeira de El Corte Inglés de Compostela, “A traballadora presentou en dúas ocasións os correspondentes xustificantes médicos, incluíndo documentación personalizada na que constaban os datos da persoa coidadora. A pesar diso, a empresa non recoñeceu o permiso, descontou os días da súa nómina, provocando un importante prexuízo económico, e ademais entregoulle un escrito de carácter intimidatorio, esixindo xustificar novamente uns días xa acreditados, baixo a advertencia de posibles sancións disciplinarias que poderían derivar mesmo nun despedimento, segundo o convenio colectivo de Grandes Almacéns”.
Neste semanario fomos dando conta, puntual e insistentemente, dos cambios lexislativos respecto a permisos por coidados de familiares, polo que corroboramos que “este permiso está recoñecido legalmente, tanto pola normativa europea como pola xurisprudencia do Tribunal Supremo en España, polo que a actuación da empresa supón unha vulneración clara de dereitos fundamentais de conciliación e coidado familiar” tal e como di a nota de prensa emitida.
Tamén, neste sema-nario, vimos dando conta da conflitividade que a CGT, xa no ámbito confederal, leva mantendo con El Corte Inglés e que levou ao SUTSO da CGT de Pontevedra a mobilizarse solidariamente, a última vez o pasado 7 de xaneiro diante do Supercor de Pontevedra. En Compostela, o persoal de El Corte Inglés “leva tempo denunciando sala-rios precarios, horarios abusivos, vulneración de descansos e vacacións, e un modelo laboral baseado no medo e a inseguridade” recórdanos a nota de prensa.
Penso que tamén é acaido lembrar agora a situación que están a sofrer no sector das “Ofertas e descontos” tal e como titulabamos ás paxinas de Conflictos Colectivos, o pasado 1 de decembro no nº 89 de La Campana. Naquel número, faciamos un recorrido polos conflitos laborais en Primark, Zara, Pull&Bear, Inditex, H&M ou incluso Amazon, ademais do propio de El Corte Inglés. Sen embargo, existe certa singularidade nos grandes almacéns españois por excelencia, como advirte a sección sindical do centro de Compostela: “Todo iso mentres El Corte Inglés mantén unha imaxe pública de prestixio, responsabilidade social e bo trato que non se corresponde coa realidade que vive o seu persoal”. Efectivamente, El Corte Inglés pretende conservar esa imaxe orixinaria que conquistou en complicidade co franquismo. No que respecta ao laboral, insultantemente paternalista, para calquera persoa cun mínimo de educación ou sentido do respecto.
Posiblemente, eu o creo firmemente, El Corte Inglés é un símbolo do franquismo que se mantén pola continuidade e lixeireza do tránsito do totalitarismo fascista ao pensamento único capitalista. No estado español, un tránsito, especialmente agarimoso, como comprobamos na categoría simbólica. Símbolos como Julio Iglesias, que co trampolín do, agora renacido, festival de Eurovisión -outro símbolo adoptado polo franquismo en complicidade coa industria do espectáculo- converteuse nun produto cultural con grandes beneficios, venme agora á memoria. Así como a Columna Vendome, símbolo do imperialismo napoleónico, derrubada pola Comuna de París, venme antagonicamente á memoria como símbolo de afán transformador.
Como Julito, “A voz” latina, réplica do orixinal Frank Sinatra, El Corte Inglés –do mesmo xeito que a súa competencia, Galerías Preciados, que finalmente absorbe- xorde de transplantar un modelo, neste caso, o de gran almacén por departamentos americano ao mercado español nunha época na que España xorde do illamento comercial e da autarquía económica. Existe un paralelismo entre a expansión de El Corte Inglés e a apertura do réxime franquista ao capitalismo imperial estadounidense. A lexitimidade internacional do estado español franquista alcanzase o 14 de decembro de 1955 coa súa integración na ONU tras os chamados Pactos de Madrid de 1953. Estes foron tres «acordos executivos» (agreements) asinados en Madrid o 23 de setembro de 1953 entre Estados Unidos e España. Segundo os mesmos, instalaríanse en territorio español cinco bases militares estadounidenses a cambio de axuda económica e militar. Para o réxime franquista supuxeron, xunto co concordato coa Igrexa católica asinado un mes antes, a integración definitiva no bloque occidental tras o illamento que padecera desde o final da Segunda Guerra Mundial pola súa vinculación coas potencias do Eixo. A partir do que quedaba de década e durante a dos 60, El Corte Inglés, replicou o modelo americano introducindo as rebaixas de tempada (Rebaixas de xaneiro), as campañas publicitarias (Xa é primavera no Corte Inglés), o aire acondicionado na tenda, o uso masivo da publicidade, a introdución do escaparatismo a gran escala, as tarxetas de compras… converténdose nun símbolo de modernidade, progreso e aperturismo para o nacional catolicismo franquista. Como as bases, Eurovisión e tantos outros, El Corte Inglés, hipotecou a nosa dependencia ao sistema capitalista.
Aínda que lonxe de pretender derrubar este símbolo capitalista legado polo franquismo, a CGT iniciou un proceso, sen precedentes, de defensa nas condicións laborais do persoal de El Corte Inglés o 7 de xaneiro de 2025, cunha manifestación, a primeira en máis dun século da empresa, que busca esixir melloras laborais urxentes e denunciar “unhas condicións de traballo obsoletas e prexudiciais”, como sinalou o comunicado repartido ás portas do seu centro principal situado na rúa Goya de Madrid, fai agora un ano. Naquel comunicado subliñaban como obxectivo principal “eliminar as xornadas laborais abusivas que obrigan aos traballadores a traballar ata 10 horas diarias, ata 11 días sen librar e nalgunhas tempadas, alcanzar as 60 horas semanais”.
Outra das reivindicacións crave “é a eliminación da gratuidade en domingos e festivos que non ten ningún complemento salarial diferenciado”. CGT denuncia que “os traballadores deben traballar nestes días sen unha remuneración adicional, o que consideran unha inxustiza que debe ser corrixida para recoñecer o sacrificio e a dispoñibilidade dos traballadores en xornadas especiais”.
Estas condicións laborais, dubidosamente legais segundo a lexislación vixente, que denuncia CGT, pódense dar, posiblemente como sinalan dende Compostela, debido a esa “imaxe pública de prestixio, responsabilidade social e bo trato que non se corresponde coa realidade que vive o seu persoal”. Unha imaxe que transcende o simbólico e que alcanza o ontolóxico, a natureza, a realidade, do privilexio e da inxustiza.
Esta imaxe privilexiada, conservadora do franquismo e iniciadora do capitalismo, como sinalaba o comunicado repartido en Goya tamén é “responsabilidade dos sindicatos Valorian (fasga) e FETICO, coñecidos pola súa práctica de sindicalismo amarelo, que seduce aos traballadores para evitar que protesten. Lamentablemente, esta mesma estratexia é apoiada por CCOO e UGT, que non se diferencian destes sindicatos, deixando aos traballadores desprotexidos e sen ningunha mellora mínima nas súas condicións laborais”, representando, estas corporacións sindicais, outro singular símbolo patrio da hipoteca franquista.
