VII Época - 97

O PREZO DOS ALIMENTOS, CADA VEZ MÁIS ALTO

Sustentar na competitividade a produción de alimentos é do máis absurdo que ten alcanzado a razón. Para manter os baixos custos de produción que esixe o mercado, existe un continuo incumprimento das normativas ambientais e sanitarias na produción agraria, no caso de que exista unha mínima protección, o que provoca o colapso dos ecosistemas e pon en perigo a saúde pública. Vaise así destruíndo e esgotando a terra, a auga e os recursos, encarecendo o seu custo a medida que a explotación avanza guiada pola imbécil obsesión por acumular diñeiro.

Desde hai máis de 30 anos, innumerables obsesos e obsesas do sector agroalimentario e hortofrutícola europeo viaxan cada febreiro á capital alemá para presentar os seus produtos e facer negocios na Feira Fruits Logistica. Existe unha concentración desta obsesión no estado español que o converte no primeiro país exportador e vende no mercado europeo o 80 % das froitas e hortalizas que produce. Fruit Logística reuniu na edición do ano pasado, 2025, a máis de 91.000 asistentes de todo o mundo, coa participación de 2.600 expositores e máis de 67.000 visitantes profesionais. O estado español, con máis de 260 expositores, foi o terceiro con máis participación a nivel mundial. “España é un mercado clave para Fruit Logística, e cada ano vemos crecer o talento, a innovación e a presenza das súas empresas en Berlín”, mencionou Alexander Stein, director da feria, nunha presentación en Madrid.

Nos 26 pavillóns do recinto feiral berlinés móstrase aos visitantes a imaxe dunha agricultura ecoloxicamente sostible que non se corresponde en absoluto coa realidade sobre o terreo. Mais, non só hipocrisía, imbecilidade e obsesión concéntranse en Berlín, senón tamén a ruindade, como sinalou a Asociación Prol Dereitos Humanos de Andalucía (APDHA) que participou nas protestas e accións que, con motivo da Fruit Logistica, tiveron lugar en Berlín a semana pasada. APDHA, tamén participou nas sesións do Tribunal Popular, nas que se denuncian as condicións laborais e de vida inhumanas, precarias e sen dereitos nas que viven miles de traballadores migrantes do sector.

As entidades participantes nas protestas denuncian que, a pesar de que nesta feira fálase de innovación, de alianzas, de acordos comerciais e de tecnoloxía, ignórase conscientemente que os grandes réditos económicos que obtén o sector sostéñense sobre a base da vulneración dos dereitos das persoas que traballan os campos. E, neste sentido, APDHA puxo o foco na situación dos traballadores e traballadoras do campo en zonas como Almería e Huelva, quen, ademais de sufrir condicións de explotación laboral, vense obrigadas a vivir en asentamentos chabolistas, sen auga, sen luz, sen acceso a servizos básicos e coas súas vidas en risco como consecuencia da falta de condicións dignas.

APDHA denuncia que “o modelo agroindustrial intensivo sostense sobre os corpos das persoas migrantes en situación de explotación laboral e sobre a base da vulneración dos seus dereitos humanos, ademais dos impactos ambientais irreversibles”. A entidade andaluza considera urxente e necesario denunciar “as prácticas dun sector que obtén importantes beneficios económicos e que pretende seguir crecendo sobre a base da explotación de persoas en situación de vulnerabilidade”.

Anteriormente, o 21 de xaneiro de 2025, APDH constataba no seu informe Frontera Sur 2025 graves vulneracións de dereitos humanos nos asentamentos de traballadores migrantes de Almería e Huelva. Cando se presentou, Carmen Vásquez, unha das investigadoras de APDHA que participou na confección do informe, explicou que “aínda que a agricultura intensiva é o motor económico destas dúas provincias, xerando grandes beneficios económicos, as condicións laborais dos traballadores migrantes son sumamente precarias”. Desta forma, “mentres que en Almería contabilízase un 22,3% de poboación estranxeira e en Huelva un 10,57%, as cifras reais poderían ser moito máis altas debido á falta de datos sobre persoas en situación irregular”. A investigadora de APDHA apuntou que “son moitos os problemas que afronta a cotiá este colectivo, entre os que destacan infravivendas construídas con materiais refugados como plástico, cartón ou palets, a falta de auga potable, electricidade e saneamentos, a cronificación da situación para as persoas que residen permanentemente nestes lugares, a vulnerabilidade dos nenos, mulleres e mozas ex tutelados, problemas de saúde vinculados a condicións de vida insalubres, a permanente ameaza de incendios, a dificultade para obter atención sanitaria ou problemas para a escolarización dos menores”. Vásquez cuantificou en “polo menos 7.000 persoas en Almería e como mínimo outras 5.000 na provincia de Huelva que viven nestas condicións que describimos”.

Como ven sendo habitual o Informe inclúe un Balance Migratorio correspondente ao pasado ano 2024. APDH leva case catro décadas monitorizando a Fronteira Sur, cun sistema de verificación sobre chegadas, mortes e desaparicións que ofrece datos fiables sobre migracións desde 1988 ata os nosos días. Como explica Macarena Olid, vicecoordinadora da APDHA “as políticas migratorias da Unión Europea e do Estado español están a condenar cada ano a miles e miles de persoas a utilizar os roteiros máis perigosos, nas que deben xogarse a vida a bordo de precarias embarcacións, para exercer o seu lexítimo dereito a migrar, recoñecido como tal na Declaración Universal dos Dereitos Humanos”. O Informe Fronteira Sur rexistrou polo menos 2.465 persoas que perderon a vida ou desapareceron para sempre tentando acceder ao territorio do Estado español durante 2024.

O proceso de selección do departamento de recursos humanos de moitas empresas do Estado español que acoden á Fruit Logistica comeza coa superación deses roteiros, adaptación contemporánea do “Pasaxe do Medio” dos antigos barcos negreiros. O colectivo de defensa dos dereitos das persoas migrantes, Caminando Fronteras, acaba de publicar o Informe Monitoreo Dereito á Vida 2025. O informe alarma que entre o 1 de xaneiro e o 15 de decembro de 2025, 3.090 persoas perderon a vida nos cruzamentos fronteirizos da Fronteira Occidental Euroafricana, incluíndo 192 mulleres e 437 nenos, nenas e adolescentes. A análise exhaustiva dos diferentes roteiros migratorios documenta 303 traxedias, con especial atención a 70 embarcacións que desapareceron sen deixar rastro, sinalando un aumento dos riscos e das condicións extremas nos traxectos.

O informe, do que subtraemos a información que segue, amosa como o aumento das traxedias nas fronteiras do Estado español responde á combinación da omisión do deber de socorro, a activación tardía ou inexistente dos dispositivos de procura e rescate e a falta de coordinación entre os Estados implicados. Estas dinámicas vense agravadas polas políticas de externalización do control fronteirizo, que trasladan a responsabilidade do rescate a terceiros países con recursos limitados, así como polo endurecemento das condicións dos traxectos migratorios, con roteiros cada vez máis longas e perigosas, o uso de embarcacións precarias e sobrecargadas e a emisión tardía de alertas, factores que incrementan de forma directa o risco para a vida.

Tamén denuncia que existe un aumento e sostemento do financiamento a terceiros países para frear os fluxos migratorios, expandindo a fronteira ata os países de orixe. Estes modelos de externalización levan consigo unha achega económica por parte da Unión Europea e de países a título individual que consolidan espazos cada vez máis globais e letais que amplían os espazos fronteirizos e multiplican os espazos onde a vida está ameazada.

Na análise dos roteiros, o alxerino cara ao estado español consolídase como o máis transitado e perigoso, superando ao atlántico cara a Canarias. Neste roteiro documéntanse 1.037 vítimas en 121 traxedias marítimas, e a conexión cara a Eivissa e Formentera aparece como un dos cruces de maior risco, con percorridos máis longos e expostos nunha zona onde non hai proactividade dos servizos de salvamento que dificultan as operacións de procura e rescate.

Aínda que en 2025 obsérvase un descenso nas chegadas polo roteiro atlántico cara ás Illas Canarias, que rexistrou 1.906 vítimas, esta redución explícase pola intensificación dos mecanismos de control migratorio e pola externalización de fronteiras cara a terceiros países, non por unha mellora real na protección do dereito á vida.

Este 2025 hai que destacar un incipiente novo roteiro desde Guinea Conakry, un traxecto de aproximadamente 2.200 km, 750 km máis que desde Senegal. Este roteiro é de risco extremo e supón unha travesía de máis de dez días no medio do océano Atlántico.

O cruzamento do Estreito mostrou un aumento significativo de intentos de chegada e traxedias, con 139 vítimas, das cales o 24% son nenos e adolescentes.

Fóra de toda lei ou dereito laboral, o prezo do alimento ten un alto custe en vidas e depravación debido a un sistema baseado na tiranía da rendibilidade competitiva, xa non do traballo asalariado senón do escravismo moderno e o seu froito.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *