POSVERDADE, INDIFERENZA, VELACIÓN. A MESMA MERDA É
Entre a fastosidade de ataques que sofremos a clase traballadora está sendo especialmente lesiva a posverdade do absentismo laboral. A posverdade, a idea segundo a cal o que algo aparente ser verdade é máis importante que a propia verdade, da que o historiador italiano Steven Forti advertiu, “se hoxe non cabe dúbida de que a posverdade é un trazo da nosa época… tampouco cabe dúbida algunha de que é a extrema dereita quen a utiliza máis frecuentemente ata converterse nunha das características imprescindible para podela definir e entender”. Como sintetizou o estadista ultra ruso Aleksandr Duguin “a verdade é unha cuestión de crenza […] os feitos non existen”.
Correos, a empresa pública estatal xestionada polo Goberno de España a través da Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI), unha persoa xurídica de dereito privado, ten contratado un servizo que denominan “Contratación da prestación de servizos médicos, na colaboración da xestión da incapacidade temporal, para o persoal de Correos” ou sexa, “controlar as traballadoras/es que están de baixa”, como asegura a CGT Correos Barcelona. Este servizo de fiscalización aos traballadores vai custar no período 2015-2026 a cantidade de 12.704.915,93€. Este gasto, como os feitos demostran ano tras ano, non contribúe a mellorar a saúde das traballadoras/es. É certo, no ano 2023 o “índice de absentismo” por incapacidade temporal (baixa) en Correos era do 8,24 %, o que situaba as traballadoras/es de Correos entre os colectivos con maior absentismo por IT. Este elevado índice está motivado por varios factores fundamentan dende Barcelona, “nulas políticas preventivas, a non implantación das medidas propostas na avaliacións de riscos, a falta de formación en prevención de riscos laborais, a insuficiente ou inexistente formación sobre como traballar, a idade avanzada da maioría d@s traballador@s, as sobrecargas musculares, a ausencia dun cadro de rotacións e a falta de análise preventiva para coñecer as causas das baixas, entre outras”. O índice di moito sobre a nula política de prevención en Correos e o servizo de fiscalización contratado revela que, dende xa antes da pandemia, en 2015, o estado sirve para testar as armas da oligarquía, agora a posverdade do absentismo.
O pasado 9 de febreiro, o Ministerio da Seguridade Social reactivou as negociacións coas corporacións sindicais, CCOO e UGT, e a patronal, para introducir cambios na xestión das baixas por incapacidade temporal. Tras a reunión, o secretario de Estado de Seguridade Social, Borja Suárez anunciou “a posta en marcha de maneira inminente dun Observatorio Estatal da Incapacidade Temporal (IT)” coa finalidade de “mellorar a saúde e a recuperación das persoas traballadoras e promover unha xestión máis eficaz desta prestación do sistema de Seguridade Social”. Esta reactivación prodúcese tras o informe da AIReF, apenas unha semana antes, sobre baixas laborais, no que o organismo fiscalizador criticou o “abandono de funcións” da Seguridade Social e pediu máis control sobre os traballadores de baixa médica.
A Autoridade Independente de Responsa-bilidade Fiscal (AIReF) é un organismo independente de control fiscal creado polo goberno de España en 2013 a iniciativa da Comisión Europea, que ten por obxecto velar pola sustentabilidade das finanzas públicas como vía para asegurar o crecemento económico e o benestar da sociedade española a medio e longo prazo. O estudo sobre a Incapacidade Temporal (IT) foi presentado o mércores 4 de febreiro. Aínda que o estudo admite unha correlación positiva entre as listas de espera dos sistemas sanitarios e a maior duración das baixas, a súa principal recomendación é aumentar o control sobre as traballadoras/es. A autoridade fiscal resalta o aumento do gasto público nesta prestación da Seguridade Social nos últimos anos con ansia recortadora, “multiplicouse por dous o custo desde 2017 e por tres desde 2014”, ata os 16.500 millóns de euros en 2024. Este incremento do custo prodúcese, principalmente, por un aumento da duración das baixas (que se incrementou case nun 41% desde 2017) aínda que tamén por un aumento da incidencia destas baixas (un 29% de incremento).
Por moito que se autoproclame independente, a posverdade inocula o seu control fiscal. A AIReF analizou os motivos que causan o aumento das baixas médicas, entre os que sinalaron cinco e, de maneira prioritaria, un: “A falta de supervisión e seguimento dos procesos de incapacidade temporal” por parte da Seguridade Social. Apropiándose da tradicional solución dereitista, recomenda de maneira prioritaria reforzar o control e a vixilancia, neste caso da Seguridade Social das baixas médicas dos traballadores desde etapas máis temperás, e non só a partir dos 365 días. O organismo destacou que o 5% de traballadores acumula o 25% dos episodios de baixa, aínda que recoñeceu que non filtrou estes datos polos diagnósticos, como procesos oncolóxicos ou enfermidades crónicas. A AIReF recomendou así que se cren “alertas automáticas” na Seguridade Social cando se superen certos índices considerados como “óptimos”, como “índices” de posibles casos de absentismo. Prevendo ser considerada pouco ultra, a AIReF sinala en segundo lugar que a alza das baixas prodúcese por unha “evolución normativa máis garantista e melloras dos convenios colectivos”, que reflectiron con dous exemplos. O primeiro, a maior cobertura das baixas médicas nos primeiros días das empregadas públicas dende 2018, que pasou do 50% ao 100% do salario, e que segundo a AIReF elevou “un 40% a probabilidade de iniciar unha IT”. Sen palabras, que un organismo público estigmatice ao funcionariado. Doutra banda, a reforma laboral supuxo o traspaso de moitos traballadores temporais a contratos indefinidos e o organismo porfía que “o cambio dun contrato temporal a un contrato indefinido incrementa nun 30% a probabilidade de iniciar” unha baixa laboral, usando a falacia de que son as traballadoras/es quen deciden a necesidade de priorizar a saúde sobre o traballo, cando esa decisión está nas profesionais da mediciña. O terceiro causante que sinala a institución é o ciclo económico, xa que en épocas de crecemento económico aumentan tradicionalmente as baixas médicas, pero non porque ese crecemento sustentase na saúde das traballadoras, senón outra vez aldraxando a traballadoras/es e médicas. En cuarto lugar, cúlpannos por aumentar as listas de espera da atención primaria, a AIReF constata un notable aumento das demandas da Atención Primaria dos cidadáns desde a pandemia. É dicir, que a xente vai máis ao médico que antes, sobre todo ante enfermidades infecciosas, como son as gripes, por exemplo. Como consecuencia, a quinta causa, unha correlación positiva entre a demora das listas de espera nos servizos públicos de saúde e o aumento da duración das baixas médicas.
Víndose arriba, José María Casado, director da División de Avaliación do organismo, lembrou que entre a mocidade hai un maior aumento das baixas, do número de procesos curtos. Tamén que no aumento das baixas hai un peso importante dos procesos por saúde mental, que se dispararon desde a pandemia, e que teñen maiores duracións. Aínda que estas patoloxías apenas están cubertas pola sanidade pública na atención especializada, non hai recomendación para ampliar a asistencia pública desta doenza nen análise das causas.
Unha análise que si fai a Fesibac, a federación bancaria da CGT, nun documento do 11 de febreiro, do que subtraemos o que segue. As baixas por saúde mental son as máis prolongadas -de 67 a 98,5 días- e o 92% cualifícase como continxencia común, ocultando a súa orixe laboral. Os sectores máis afectados -sanitario (23,9%) e administrativo (19,1%)- comparten un modelo baseado na presión, a escaseza de persoais, a vixilancia algorítmica do rendemento, a conectividade dixital permanente e a dispoñibilidade como norma. En miles de centros de traballo, os ansiolíticos na caixoneira convertéronse en material de oficina tan habitual como o bolígrafo: cando a resposta colectiva a unha organización que enferma é a medicación individual de quen a soporta, o sistema non está a fallar, está a funcionar exactamente como se deseñou. A LPRL obriga a avaliar e previr todos os riscos, en especial os psicosociais. Pero a práctica empresarial baleira esta obrigación: avaliacións xenéricas, sen anonimato, sen participación real e sen medidas correctoras. Os servizos de prevención alleos, que cobran do empresario e compiten en prezo, teñen un incentivo estrutural para non cuestionar a organización do traballo. Non é un fallo do sistema; é o seu deseño. Cando o dano materialízase, o sistema protexe a quen o xera. A cualificación como enfermidade común permite ás empresas eludir a súa responsabilidade e trasladar o custo, en primeiro lugar, ao peto de quen enferma e en segundo, ao sistema público. Mentres o traballo enferma, sectores empresariais presionan para recortar os complementos de IT. A prestación legal é tan insuficiente que un 65% de convenios melloran estas cantidades. Atacar eses complementos significa que quen enferma por causa do traballo soporten, ademais, o custo económico da súa recuperación. A saúde mental no traballo non é unha cuestión de resiliencia individual nin de programas de mindfulness corporativo. É unha cuestión de poder: de quen decide os ritmos, as cargas e as condicións en que se traballa.
A mesma cuestión de poder é a responsable da cruenta cifra de accidentes laborais. Segundo os datos de sinistralidade laboral avanzados o venres 13 de febreiro polo Ministerio de Traballo no informe anual de accidentes laborais, no Estado español faleceron 735 persoas. En total, en 2025 rexistráronse 620.386 accidentes laborais con baixa, mentres que sen baixa notificáronse 542.661. No ano 2024, segundo o informe do Observatorio de enfermidades profesionais e enfermidades causadas ou agravadas polo traballo, rexistráronse un total de 29.526 partes de enfermidades causadas polo traballo. Sen embargo estas cifras non se combaten polo estado e a oligarquía con unha posverdade como co absentismo, aínda que proveñan da mesma causa, senón coa indiferenza e a velación, características tamén imprescindibles para entender a nosa época.