LEMBRAN ÁS VÍTIMAS DO PATRONATO DE PROTECCIÓN A LA MUJER
Nas vésperas do 8M, CGT da Coruña e o Ateneo Aurora
A Confederación Xeral do Traballo (CGT) da Coruña en colaboración co Ateneo Aurora celebrou o xoves, 5 de marzo, un acto de lembranza ás nenas e mulleres vítimas da institución franquista Patronato de Protección de la Mujer nas vésperas das xornadas de reivindicación e loita con motivo do 8M, día da muller traballadora.
O Patronato de Protección de la Mujer foi unha institución franquista que funcionou legalmente de 1941 ata 1985 -aínda dez anos despois da morte do ditador- como ferramenta represiva contra nenas e mulleres. No barrio da Agra do Orzán, a Junta Provincial coruñesa deste organismo contaba cun don cinco centros correccionais que operaron na Coruña. Neste caso, o centro estaba a cargo de relixiosas da orde das Adoratrices nun colexio-residencia localizado no actual cruce das rúas Gregorio Hernández e Gil Vicente.
Neste lugar tivo lugar ás 19 horas un acto de lembranza das mulleres vítimas desta institución franquista, coa colocación simbólica dunha placa en memoria das nenas e mulleres que sufriron malos tratos, abusos e opresión nos centros do Patronato coa presencia dun grupo de mulleres vítimas desta institución.
De seguido, a partir das 19:30 horas, o Salón de Actos da CGT da Coruña (Entrepeñas, 6) acolleu a máis de un cento de persoas na celebración de unha mesa redonda que contou coa intervención da investigadora Belén Lopez Cillero e as testemuñas de Loli G. Benito, Paca Blanco Díaz e Consuelo García del Cid, tres mulleres que foron vítimas desta terrible institución que operou no estado español ata moito despois da morte do ditador. Belén López Cillero que fixo unha introdución histórica da institución e o seu actuar ao longo do franquismo e ata os anos 80 do século pasado.
A CGT da Coruña e o Ateneo Aurora organizaron estes actos co obxectivo de que non fique na impunidade e no esquecemento todo o inferno de maltratos, abusos e opresión brutal á que foron sometidas moitas nenas e mulleres.
Fonte: Francisco Ascón (Ateneo Aurora)