VII Época - 102

MENTRES CONTINÚAN AS MORTES NO TRABALLO, A VANGARDA ANSÍA CULMINARSE

O traballo levouse a vida doutro galego o pasado luns 16 en A Coruña sen ningunha resposta coñecida agás a visita do Conselleiro de Ensino ao lugar da morte, xa que o accidente mortal foi no IES Agra do Orzán, e un minuto de silencio da comunidade educativa dese centro educativo. Mentres a clase traballadora segue impasible e incapaz de responder á constante sangría, recibimos as novas mortes mediante unha protocolaria nova na prensa do réxime, que banaliza e exime calquera responsabilidade. “Un operario que realizaba labores na cuberta do instituto IES Agra do Orzán, na cidade da Coruña, faleceu este luns tras precipitarse desde varios metros de altura mentres traballaba no tellado do centro educativo” extraemos dun diario calquera. O copia e pega protocolario segue “Ata o instituto desprazáronse recursos sanitarios do 061 e patrullas da Policía Nacional, que colaboraron no operativo de resposta organizado desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias. A pesar da rápida intervención, os profesionais desprazados só puideron confirmar o falecemento”, lemos noutro calquera diario. As mesmas palabras unha e outra vez. A pista do que pasou perdese irremediablemente, “Prevese que, como é habitual en sucesos deste tipo, a Inspección de Traballo e os corpos policiais elaboren un informe que permitirá esclarecer se se cumprían todas as medidas de seguridade e, no seu caso, depurar responsabilidades administrativas ou penais se se detectasen incumprimentos”, escriben nun e outro diario calquera. Pola prensa local sabemos que Fernando foi unha boa persoa, querida por veciñanza e familia. Contemplo con aspereza como a pesar de denunciar constantemente as circunstancias que permiten a catástrofe incesante, non somos capaces de amosar respostas axeitadas. Así nos vai! E nos seguirá indo se non se restaura a conciencia obreira como suxeito social e político capaz de defenderse e reverter a situación. A clase obreira, retomando consciencia de si mesma, como matriz transformadora, e exonerándose de linguaxes e teses postmodernos/as que nos desequilibran.

Se recordades, fai nada, en La Campana nº99, informabamos da concentración diante da CEOE de Zaragoza, convocada por CGT xunto aos sindicatos CUT, IA, ISTA e SOA, pola intolerable acumulación de mortes en accidente laboral en Zaragoza. Agora temos que sumarlle outro máis, ocorrido o 17 de marzo en Calatorao (Valdejón), un traballador que quedou atrapado entre a parede e a plataforma elevadora mentres traballaba na reforma dunha vivenda familiar. Apenas un mes despois, CGT, CUT, IA, ISTA e SOA, volvéronse concentrar, desta volta ante a Inspección de Traballo en Zaragoza, o venres 20 de marzo, ás 11 horas, para denunciar que a maioría dos accidentes laborais poderíanse evitar e para esixir unha investigación que aclare as circunstancias de todos os accidentes laborais, ademais de que se depuren responsabilidades “e en caso de demostrarse imprudencia temeraria empresarial, aplíqueselles a máxima sanción e mesmo pague penalmente a morte destes traballadores”, reclama o comunicado da concentración.

O mesmo martes 17 de marzo de 2026, produciuse outro gravísimo accidente laboral no municipio de Benarrabá, Málaga. Durante as obras de construción dun tanatorio municipal na rúa Sierra Bermeja, un muro de contención viuse abaixo, atrapando a dous traballadores. Como resultado do desprendemento de terras e entullos, un traballador de 39 anos faleceu no lugar e outro resultou ferido de gravidade con diversos traumatismos. O derrubamento dun muro de contención nunha fase de escavación ou cimentación denota fallos críticos, falta de inspección e incumprimento das medidas técnicas de seguridade. É evidente que este sinistro, como case todos, era evitable.

Aínda que timidamente, a CGT, tenta redimirse. Continúa percorrendo distintas localidades do estado a campaña “Sinistralidade laboral. Non somos números” iniciada en outubro de 2023. O próximo 27 de marzo recalará en Jerez cunha concentración as 11h diante da mutua Fremap. En Andalucía no último ano, 2025, 121 persoas perderon a vida durante a xornada laboral. En 2024 foron 128. No comunicado para a concentración exponse que “CGT ten claro que só a acción directa, a loita continuada nos centros de traballo, a solidariedade de clase e o apoio mutuo son a mellor arma contra a explotación, os abusos e os retrocesos en dereitos e liberdades…E ante un feito tan grave, como perder a vida mentres se traballa, só cabe o dereito e o deber de paralo todo”. Semella que estamos dacordo, sen embargo existen desequilibrios que exclúen a uns, inhabilitan a outros, existen linguaxes e accións que desvían a actividade sindical cara a regulamentación orgánica, impedindo que CGT siga restaurando exitosamente a conciencia obreira. Porqué? A quen lle interesa debilitar á CGT?

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *