VII Época - 104

II. CONTRA O ZEITGEIST. REAL E SILENCIADO

Unha desas fatais consecuencias da renuncia á loita de clases é, sen dúbida, a indiferenza social ante os accidentes laborais, por moito que se repitan, unha e outra vez, as mortes no traballo. Nestas páxinas cremos fundamental, á vez que solidario, insistir, unha e outra vez, cada vez, que unha persoa perde a vida durante a súa xornada laboral. Tentamos así, timidamente, redimirnos da impotencia de articular unha resposta axeitada, mais a redención non é posible sen loita. Coa mesma timidez a campaña “Sinistralidade laboral. Non somos números”, iniciada en outubro de 2023 pola CGT confederal vai percorrendo localidades do estado español onde a CGT ten presenza.

Para que esa mensaxe “Non somos números” penetre na sociedade fai falla definir quen “somos”. E somos clase obreira que “están a matarnos”, unha clase obreira sen conciencia colectiva de si mesma, como dende fai un tempo teñen, con esa mesma mensaxe “están a matarnos” as mulleres a través do feminismo. Ou como a conciencia de si mesma que tivo a xuventude durante as revoltas dos anos 60. Ou, na mesma época, sen ir mais lonxe, a xuventude negra norteamericana afastándose do movemento polos dereitos civís, o mesmo que a “segunda onda” feminista alonxouse do sufraxismo, abrazando a loita de clases. En fin, todas estas conciencias identitarias que foron substituíndo á obreira pero que despoxadas da loita de clases perden a súa calidade transformadora.

Sen dúbida, a resposta axeitada ante unha morte traballando podemos atopala na tradición sindical, o paro solidario. Poucos exemplos poden quedar desta tradición, un destes últimos, agora posiblemente xa antropolóxico, o do metal da provincia de Pontevedra, sector que ao día seguinte de producirse o fatal accidente, paralizabase e saía as rúas percorrendo as principais cidades en marchas de rexeitamento e respecto, sen necesidade de comunicar nada ao goberno civil, ou subdelegación.

Ao metal, podería ser que pertencera o traballador falecido o pasado martes en O Grove, xa que manipulaba un trade nunha arqueta cando recibiu a potente descarga eléctrica que lle provocou a morte. Nada máis transcendeu na prensa, nen sequera o seu nome ou a empresa para a que traballaba. Sen embargo, aínda que o descoñezamos todo, aquí, en La Campana denunciamos esa indiferenza.

A mesma brevidade podemos lela na prensa catalá, “Un home que traballaba nunha fábrica do sector alimentario morreu este martes (31 de marzo) nun accidente laboral despois de que lle caese parte da carga dun palé durante a súa quenda nunha fábrica de Sant Joan lles Fonts, Girona”, complementando a nova con outro falecido en Tarragona “Un home de 61 anos morreu este luns (30 de marzo) en Ulldecona, Tarragona, ao precipitarse por un desnivel co volquete que conducía mentres realizaba traballos de mantemento en camiños”. Houbo unha terceira morte en Catalunya durante esta última semana, “un traballador resultou morto nun accidente laboral ocorrido este mércores na estrada N-260a, no termo municipal de Ripoll (Girona), ao caer nunha tolva de terra”, informan sucintamente. Como en Galiza as pequenas notas na prensa subliñan que “non se puido facer nada”, referíndose aos servizos sanitarios e de emerxencias.

En Navarra morreu outro traballador o pasado 26 de marzo. A prensa é un pouco máis explicita “Segundo Pedro Orozco Orozco, un traballador de 52 anos de idade e veciño de Tudela, faleceu este xoves nun accidente laboral rexistrado nunha empresa de xestión de residuos de Valtierra, nun suceso ocorrido ao redor das 13.00 horas nas instalacións de Lombricultura LVA.  O operario perdeu a vida despois de ser golpeado pola pa cargadora mentres se atopaba traballando na planta situada no polígono gandeiro da localidade navarra”. A nova vai acompañada dun pertinente recordatorio, “Cabe lembrar que Navarra rexistrou en 2025 un total de 30 persoas falecidas en accidentes laborais, a cifra máis elevada dos últimos dez anos”. 

            En Aragón, como vimos sinalando nos últimos números de La Campana as mortes se disparan, a última delas en Nachá (Baélls, A Llitera), onde un traballador de 62 anos faleceu mentres realizaba labores de encofrado nunha obra. A CGT xunto a CUT, Intersindical de Aragón (IA), ISTA e SOA concentráronse, como nas outras ocasións fronte á sede da CEOE en Zaragoza para denunciar o aumento da sinistralidade laboral en Aragón.

Cabe lembrar este outro signo dos tempos, unha media que supera as dúas mortes ao día en accidente laboral no Estado español. Unhas mortes evitables e silenciadas.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *