CANDO O TRABALLO CHE ROUBA QUEN ES, O PROBLEMA NUNCA, NUNCA, ES TI
Hai sinais que non aparecen nos informes de recursos humanos nin nas enquisas internas, pero que revelan máis dunha empresa ca calquera KPI. Chegar á casa e non quitar o uniforme. Mirarse ao espello e non recoñecerse. Sentirse baleiro, esgotado, sen curiosidade, sen ganas de aprender nin de relacionarse co mundo. Seguir funcionando, cumprir co esperado, pero deixar de sentirse persoa. Isto non describe unha mala semana: describe unha empresa tóxica.
A perda de identidade do traballador é un proceso silencioso, lento e profundamente corrosivo. Non fai ruído, non provoca conflitos inmediatos, non baixa de golpe a produtividade. Pero vai desgastando por dentro. Os seus efectos son reais e devastadores: persoais —ansiedade, apatía, depresión, perda de autoestima—, sociais —illamento, empobrecemento das relacións— e organizativos —baixa creatividade, rotación constante, presentismo, desaparición do compromiso real—. Non acontece dun día para outro nin responde a unha debilidade individual. É o resultado directo dunha cultura organizativa que esixe adaptación permanente sen respecto polos límites, que uniformiza condutas e borra diferenzas —agás as salariais e de casta— en nome dunha suposta eficiencia. Cando isto sucede, o traballo deixa de ser unha actividade e convértese nun estado de pesar constante.
Nun primeiro momento, a identidade profesional constrúese arredor do sentido: o que fago, o que aprendo, o que achego, o que me fai medrar, incluso o que disfruto. Pero cando a organización impón ritmos imposibles, formas alleas e valores que contradín os propios, prodúcese unha fenda interna. A persoa segue indo, segue cumprindo, pero xa non se recoñece no que fai. Non cambia o exterior: cambia a relación co traballo. Comeza entón unha ruptura invisible pero perigosa: entre o que se pensa e o que se fai, entre a vida persoal e a laboral, entre a identidade e a función. Faise por inercia o que antes se facía con sentido.
Un dos mecanismos máis habituais desta erosión é a uniformidade extrema. Non falamos só de vestir igual —que xa supón unha forma de control— nin de seguir protocolos necesarios, senón de pensar igual, calar igual e reaccionar igual. A uniformidade aplicada ás persoas, e non aos procesos, converte ao traballador nunha peza substituíble. A mirada crítica incomoda, a creatividade molesta, a diferenza interprétase como un risco. O resultado é un suxeito disciplinado, obediente… pero baleiro.
Outro factor decisivo é a desaliñación de valores. Cando o traballo obriga a normalizar o abuso, aceptar presións continuas, competir de forma agresiva ou silenciar o malestar, a persoa entra nun conflito interno permanente. Este conflito non adoita expresarse en protestas nin en confrontación aberta. Moitas veces tradúcese en apatía, cinismo ou retirada emocional. Non é que a persoa non queira implicarse: é que implicarse doe.
A isto súmase o burnout crónico, que vai moito máis alá do cansazo físico. É esgotamento emocional, perda de sentido, despersonalización. O burnout rompe a identidade porque destrúe a percepción de utilidade e de recoñecemento. O traballador segue indo, segue facendo, segue cumprindo… pero xa non sente que iso diga nada sobre quen é. Funciona en automático, como quen leva un uniforme que xa non sente propio.
A perda de identidade tamén se manifesta na invasión do traballo na vida privada. Cando o uniforme non se queda no vestiario, cando o traballo acompaña á persoa á casa, ás relacións e ao tempo libre, o espazo persoal desaparece. Sen ese espazo non hai descanso real, nin recuperación, nin reconstrución do eu. A vida vaise reducindo ao mínimo necesario para seguir rendendo.
As consecuencias son profundas. A nivel individual, medra o sufrimento silencioso. A nivel colectivo, empobrecese o traballo e a convivencia. A empresa pode manter a produción durante un tempo, pero faino consumindo persoas. E unha organización que se alimenta da identidade dos seus traballadores está, inevitablemente, condenada ao fracaso.
É fundamental comprender que isto non é unha cuestión de resiliencia persoal. Non se trata de persoas fráxiles nin de falta de vocación. Trátase de estruturas que non recoñecen os límites humanos nin aceptan que a identidade tamén forma parte do traballo. Unha empresa saudable non borra persoas: dálle lugar, sentido e recoñecemento.
Cando un traballador perde a súa identidade, non perdeu capacidade nin valor. Foi empurrado a un entorno que lle pediu que deixase de ser para poder encaixar. Nomear esta realidade é o primeiro paso para combatela. Porque cando o traballo che rouba quen es, o problema nunca, nunca, es ti.