VULNERACIÓN SISTEMÁTICA DO DEREITO DE FOLGA EN ZARAGOZA
A folga, ademais de ser a ferramenta máis importante da clase traballadora, é un dereito fundamental. Os dereitos de asociación, libre sindicación e folga, a pesar de ser conquistados a conta da loita, sangue e morte da clase obreira, son imprescindibles para que un réxime, por moi burócrata e capitalista que sexa, poda declararse como minimamente libre. Polo tanto, a folga é un piar que debera ser protexido e calquera transgresión tería que impedirse. Sen embargo, cando exercemos ese dereito activamente comprobamos a felonía da lei e a orde a si mesma. Dende a impunidade das ameazas empresariais, colectivas ou individuais, a represión policial e política ou o abuso da administración que a impide. Este último, é o caso da folga indefinida no Servizo de Instalacións Deportivas do Concello de Zaragoza que foi desconvocada este último xoves 15 de abril, tras máis de 650 días desde o seu inicio. A sección sindical de CGT anunciou a desconvocatoria “por responsabilidade co persoal”, ante a imposibilidade de exercer o dereito de folga que foi “suprimido na práctica” polo Goberno municipal de Natalia Chueca (PP).
O conflito, iniciado en xuño de 2024, desenvolveuse baixo unha dinámica constante de vulneración de dereitos fundamentais. O Goberno municipal impuxo servizos mínimos do 100% do persoal en quenda en cada instalación deportiva, sen decreto formal e con cambios semanais, o que impediu o seguimento real da folga. Unha práctica que contradí mesmo unha sentenza firme do Tribunal Superior de Xustiza de Aragón que, nun conflito anterior de características similares, fixaba servizos mínimos unicamente en tres instalacións.
A este atropelo súmase o uso de prácticas rompefolgas. Entre elas, o traslado de persoal entre instalacións para garantir aperturas, a mobilización de traballadores/as no seu día de descanso ou a substitución directa de folguistas. O sindicato pon como exemplo o ocorrido o 22 de setembro de 2025 no Poldeportivo Municipal César Augusto, onde a xefatura, por orde do concelleiro de Deportes, Félix Brocate, abriu a instalación substituíndo a un traballador que exercía o seu dereito a folga.
Tamén infrinxiuse o dereito a folga con peches patronais en días sen reservas de uso, así como o uso indebido de servizos mínimos, o que chegou a derivar nunha denuncia ante a Policía Nacional polo traslado irregular de persoal entre instalacións, deixando a orixinal sen persoal a pesar de contar con usuarios no seu interior.
O clima laboral viuse agravado por ameazas ao persoal, incluíndo advertencias sobre a posible denegación de permisos para asistir a exames convocados polo propio Ayuntamiento. Unha presión que, en novembro de 2024, levou a suspender temporalmente a folga para evitar prexudicar a persoal temporal que se xogaba a súa estabilización.
A CGT zaragozana enmarcou todo o conflito nun modelo de xestión que cualifican como “a peor da historia” do servizo. Denuncian unha falta estrutural de persoal, 171 efectivos fronte aos 204 necesarios segundo datos do propio servizo, e o uso recorrente de contratación temporal para cubrir necesidades permanentes. “Disfrázase de acumulación de tarefas o que é emprego estrutural”, sinalan.
O sindicato advirte dunha estratexia de externalización encuberta, o Ayuntamiento evita negociar co persoal mentres explora fórmulas para derivar a xestión a empresas privadas, “convertendo un servizo público nun negocio deportivo”. Neste sentido, critican, con certa retranca, que o Consistorio manteña a actividade “ao 100%”, con servizos mínimos superiores “aos dun hospital, priorizando o funcionamento das instalacións fronte a outros servizos esenciais”.
En marzo de 2026, unha resolución de Inspección de Traballo ratificou a vulneración do dereito de folga, aínda que sen capacidade de actuación ao tratarse de persoal funcionario. A pesar de iso, CGT denuncia que nin Recursos Humanos, nin a Alcaldía, nin a área de Persoal mantiveron contacto algún co comité de folga en todo este tempo.
Coa desconvocatoria, o sindicato dá por pechada unha etapa marcada pola imposibilidade de exercer un dereito constitucional. “Suprimido o dereito de folga, só queda o de concentración”, sinalan, anunciando novas mobilizacións en defensa duns servizos públicos “100% públicos, de calidade e con dereitos laborais garantidos”.