A ENFERMIDADE E A MORTE ESTRUTURAL DUN SISTEMA ORGANIZADO
Un traballador de 28 anos, de orixe brasileira e veciño do municipio luso de Monçao faleceu na mañá deste mércores 22 no municipio de Covelo esmagado por un eucalipto. Segundo os datos confirmados pola Garda Civil, o home formaba parte dunha empresa que estaba a levar a cabo traballos de tala na zona. Nada máis podemos extraer da prensa, non só da do réxime, máis que o protocolario “os equipos de emerxencia só puideron constatar a morte do traballador” que converte o evitable en inevitable, normalizando e agachando a sangría nas páxinas de sucesos.
Outro caso, esta vez tratado como accidente de tráfico, atopámolo rastreando a prensa. Un traballador de 48 anos, veciño de Vigo e identificado coas iniciais I. F. R., perdeu a vida este mesmo mércores 22 ao ser arroiado na estrada PO-531 que conecta Pontevedra con Vilagarcía, mentres traballaba no polígono de O Vao. Non se precisou se estaba vinculado as obras de ampliación do parque empresarial que se desenvolven nas inmediacións do lugar onde se produciu o accidente, aínda que distintas fontes apuntan nesa dirección. O condutor do camión que atropelou ao traballador foi detido e ingresou en prisión por un presunto delito de homicidio.
A clase obreira pontevedresa segue muda ante este fatal estrago.
Xa fóra de Galiza, as seccións sindicais de LAB e CGT en Volkswagen Navarra convocaron unha folga de 24 horas na factoría de Landaben para o próximo martes 28 de abril, o Día Internacional da Seguridade e a Saúde no Traballo, contra os reiterados incumprimentos por parte da empresa da Lei de Prevención de Riscos Laborais; contra a realización de horas extraordinarias; contra o deterioro das condicións de traballo; e en defensa da seguridade e a saúde no traballo. CGT detallou os datos da Memoria Sanitaria de 2024 da factoría -a última publicada-: 258 accidentes de traballo con baixa; 18 enfermidades profesionais recoñecidas con baixa; 1.272 asistencias en fisioterapia (consultas, sesións de tratamento e seguimento); 779 asistencias psicolóxicas sen especificar as causas que as provocan; 254 persoas especialmente sensibles; 884 persoas aptas con restricións dos exames médicos realizados ao 80% do persoal; e 6.260 asistencias por continxencia laboral. O sindicato lembrou que “o 28 de agosto de 2025 no taller de montaxe faleceu un compañeiro que se desvaneceu xunto a unha liña. A situación que se viviu foi surrealista. A pesar da gravidade que entrañaba, pois se estaba tratando de reanimarlle alí, tirado no chan, as cadeas seguiron andando ata que chegou o descanso, dando mostra da deshumanización que impera en quen dirixe os equipos de traballo en VW”.
Como sinalaba a anterior editorial de La Campana, a sinistralidade laboral mortal non é máis que a punta do iceberg dun mal que provoca cada ano miles de lesións corporais e psíquicas, mutilacións, danos irreparables e secuelas. Tamén este mesmo mércores 22 de abril a OIT admitiu que máis de 840.000 persoas morren cada ano por problemas de saúde vinculados con riscos psicosociais como longas xornadas de traballo, inestabilidade laboral ou acoso. Estes riscos están vinculados a doenzas como as enfermidades cardiovasculares ou os trastornos mentais. A OIT tamén calcula que as enfermidades, discapacidades e mortes prematuras provocadas por un traballo mal deseñado ou xestionado, con altos niveis de esixencia, longas xornadas ou inseguridade laboral, producen anualmente perdas equivalentes a 45 millóns de anos de vida saudable. “As grandes transformacións do mundo do traballo, incluídas a dixitalización, a intelixencia artificial, o traballo a distancia e as novas formas de emprego están reconfigurando a contorna de traballo psicosocial, o que pode intensificar os riscos existentes ou crear outros novos”, advirte a OIT. O informe, elaborado con datos da Organización Mundial da Saúde (OMS), alerta do crecente impacto da xestión do traballo na seguridade e saúde dos traballadores.
Os riscos psicosociais, conclúe a OIT, “poden previrse mediante enfoques organizativos que aborden as causas estruturais destes problemas”. Sen embargo, a OIT elude esas “causas estruturais” e eses “enfoques organizativos”, como si abordan as compas da Fesibac, a Federación bancaria da CGT, “Non é un fallo do sistema; é o seu deseño… A saúde mental no traballo non é unha cuestión de resiliencia individual nin de programas de mindfulness corporativo. É unha cuestión de poder: de quen decide os ritmos, as cargas e as condicións en que se traballa”.