6 DE “LA SUIZA”, UNHA CONXURA CONTRA O SINDICALISMO
Este último xoves, nunha charla no salón de actos do edificio sindical de Pontevedra e organizada pola CGT, Herminia, do Grupu Sofitu de apoio ás 6 da Suiza expuxo o caso con claridade. A pouca afluencia amosa tanto a propia desorientación da clase obreira pontevedresa como o corporativismo sindical máis absurdo.
Herminia falounos de como unha poderosísima conxura xudicial e empresarial toma como chivo expiatorio unhas concentracións de denuncia dos abusos empresariais nunha pastelaría de Xixón, La Suiza, para encarcerar a 6 sindicalistas e penar a solidariedade e o apoio mutuo como acción sindical. Precisamente foi esta solidariedade e apoio mutuo o que fixo que o caso transcendera a nivel internacional, “houbo concentracións ata en Nova York”, contounos Herminia.
Na charla, Herminia desmiuzou o caso, paso a paso. En primeiro lugar, como unha traballadora de “La Suiza” dirixiuse á CNT de Xixón coa firme decisión de frear a explotación laboral que case lle provoca un aborto non desexado. O sindicato comezou unhas tímidas concentracións diante da porta da pastelería denunciando a restra de abusos ao mesmo tempo que ante o insoportable trato, tentaba negociar unha saída para a traballadora. Sen embargo o dono da pastelería nunca quixo negociar, polo que as concentracións seguiron no tempo. Ata aí, o habitual. A habitual mobilización sindical coa solidariedade como resposta. É entón, cando a conxura decide usar o seu poder para castigar a 6 sindicalistas dun xeito exemplarizante para a militancia sindical, pero tamén para o sindicalista de corporación. Son agora case dez anos que dura a ameaza sobre “algo que non vai a ningures”, unha frase que as 6 non queren escoitar máis. Foi en 2021 cando o xuíz Lino Rubio Mayo, coñecido como o “Verdugo de Poniente” -Poniente é un barrio obreiro de Xixón-, condenou a 8 sindicalistas da CNT nun proceso que perseguía e criminalizaba actividades sindicais recoñecidas pola Constitución como dereitos fundamentais. O posterior recurso ante a Audiencia Provincial absolvería a dúas das condenadas, pero ratificaría as sentenzas das outras seis. Aínda que a solidariedade foi estendéndose, sobre todo por Asturies e a CNT, non foi ata 2024, cando o Tribunal Supremo ratifica a sentencia, cando se produce a unidade de clase. Ademais da condena a pagar 125.428 € e tres anos e medio de cárcere, o Supremo senta xurisprudencia, polo que a partir desa, calquera xulgado pode basearse nela para condenar penalmente a acción sindical máis fundamental e reprimir a liberdade sindical ata o punto de non poder saír a rúa organizadamente. O Tribunal Constitucional desestimou o recurso de amparo polo que o “Verdugo de Poniente” executou a sentenza e as 6 entraron en prisión o 10 de xullo de 2025. CNT elevou o caso ao Tribunal Europeo de Dereitos Humanos que polo de agora non se pronunciou.
Herminia destacou a labor de Sofitu, que significa apoio en asturianu, por conseguir estender o conflito, por lograr unha unidade de clase, sindical, política e asociativa “de esquerdas” sen que ningunha organización tentara fagocitar o caso, polas mobilizacións e pola presión na rúa. Chegado o momento, utilizouse tamén a mediación política. Por poñer un exemplo, Antonio Díaz García, Secretario Xeral da CNT, acompañado de Cristina, unha das 6 condenadas, levaron o caso ao Parlamento Europeo. En xuño de 2025, Esquerda Unida realizou unha petición de indulto das condenadas que foi aprobada polo Consello do Goberno do Principado de Asturias. A vicepresidenta segunda do Goberno de España, Yolanda Díaz, apoiou a título privado a petición. Ademais, máis de 22 organizacións sindicais apoiaron a petición de indulto. O 31 de marzo de 2026 o Consello de Ministros aprobou un indulto parcial que elimina o cumprimento da condena de prisión restante pero non modifica a condena de 125.428 €, de acordo coa Lei do 18 de xuño de 1870, nin anula a sentenza, polo que as 6 alcanzaron a liberdade, aínda que todas esteamos máis amordazadas. O indulto, actualmente está recorrido polo empresario.
O que entendeu toda a “esquerda” é que a conxura logrou criminalizar e penar a acción sindical máis fundamental, despoxando o dereito de reunión e de manifestación e á liberdade sindical de garantía legal para á súa práctica. A loita pola anulación da sentenza que deberá darse, se o sindicalismo non quere extinguirse, abre un camiño esperanzador en canto á recuperación da conciencia de clase.
De todos xeitos, durante toda a charla rondoume na cabeza a condena a 22 anos de cárcere e 15 anos respectivamente a dúas viguesas por incendiar dous autobuses durante a folga de Vitrasa, o servizo de autobús urbano de Vigo, en abril de 2023. Tiveron que comelo sen ningún grupo de apoio, nin ningunha “esquerda” dixo nada, nin comité, nin sindicato. Aínda que a ela, condutora de Vitrasa, absolveuna o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e a el, a parella, reduciulle a pena, a 9 anos e medio, isto nos tempos do meu pai, cando a reconversión naval, non pasaba, a clase obreira non o permitiría.