REPRESIÓN SINDICAL EN BON REPOS, UNHA RESIDENCIA DE MAIORES DE BARCELONA

Bon Repos é unha residencia da empresa Idade 2000 S.L. situada no Paseo Sant Joan 156 de Barcelona. A CGT conseguiu representación no comité de empresa no ano 2021. Dende a chegada ao comité, a Sección Sindical centrouse na protección e a defensa dos dereitos de todas as traballadoras da Residencia. Durante estes anos loitouse con diversas iniciativas polo dereito á conciliación familiar e por unhas ratios adecuadas que aseguren un coidado digno e un respecto ao traballo, tanto das persoas residentes como das traballadoras.

Como moitas veces que unha sección sindical da CGT chega ao comité de empresa, a obriga patronal de entregar documentación fiable ao sindicato destapa unha chea de irregularidades e ilegalidades que benefician o balance lucrativo das contas de beneficios, aínda que sexa minimamente, pero prexudican enormemente ás traballadoras. A Sección Sindical na residencia reclamou o correcto abono dos salarios, tal como establece o convenio colectivo, o cumprimento do Estatuto dos Traballadores, ET, respectando os descansos mínimos establecidos, así como o desfrute dos días de permiso. Contra o cada vez máis estendido desprezo e agresión á integridade das traballadoras, a sección esixiu o recoñecemento e adecuación das limitacións das traballadoras, para, en primeiro lugar, protexer sempre a súa saúde.

Outras series de reclamacións foron asumidas a través da loita da Sección Sindical como o cumprimento por parte da empresa do Real Decreto 486/1997, no que se establecen as disposicións “mínimas”, subliña a Sección, de Seguridade e saúde no traballo, esixindo “que se nos den uniformes adecuados para realizar as nosas tarefas”. Calquera persoa cun mínimo de experiencia laboral, dáse de conta de cal é a clase de empresa na que caeu cando lle ratean o uniforme ou material. A sección tamén tivo que esixir poder contar co material necesario para a atención dos residentes, así como o seu correcto mantemento e reposición.

Tamén, ante a precariedade xeralizada, reivin-dícanse melloras salariais acordes ao incremento dos custos de vida.

Durante todos estes anos a empresa respondeu con represión e persecución sindical ás compañeiras da CGT, cunha política empresarial sostida no tempo que vulnera os dereitos fundamentais das traballadoras e das delegadas de CGT e que “deteriora gravemente a nosa saúde e a das persoas maiores ás que atendemos” sinalan. Esta persecución foise progresivamente plasmando “con discriminación e desigualdade de trato respecto a outros sindicatos, violencia laboral que inclúen silencios, desprezos, falta de información relevante para o noso traballo como delegadas ou aumentos das cargas laborais ás delegadas e afiliadas a CGT” denuncia a sección, que tamén destapa o miserento, pero normalizado método utilizado, “a empresa mantivo unha actitude de fustigación sistemática cara ás traballadoras afiliadas a CGT utilizando ás gobernantas, afíns a outros sindicatos e á empresa, para prodigar un trato desigual”.

Debido a esta prepotencia empresarial e ao seguidismo e a felonía desta parte do cadro de persoal, ás compañeiros tiveron que sofrer a asignación de tarefas de forma arbitraria sen respectar as limitacións físicas ou os descansos e aumentando o volume de tarefas. Fomentouse un clima de medo e división dentro do persoal, obrigando a cubrir horas sindicais, baixas médicas ou vacacións co mesmo persoal sen contratar suplentes, incumprindo así as ratios de coidadoras e residentes. Pese a ter que soportar o maltrato verbal e psicolóxico ás traballadoras identificadas como afíns ou afiliadas a CGT, instaurando o medo e despedindo a traballadoras “con falsas acusacións só por pertencer á nosa organización”, a sección sindical de CGT–Bon Repos decidiu plantar cara e comezou as mobilizacións, concentrándose o 21 de maio de 2026 diante da empresa e diante dun esaxerado despregue policial, “para expoñer a persecución sindical que sufrimos”, manifestaron.

Na concentración esixiuse o respecto da liberdade sindical, o fin da persecución e represalias ás delegadas e afiliadas a CGT, o cumprimento real das ratios, sen maquillaxes nin escusas, o cesamento das prácticas intimidatorias dos mandos intermedios, ter unha contorna libre de malos tratos verbais e psicolóxicos, cargas laborais acordes a unhas condicións de traballo dignas e un aumento salarial que permita chegar a fin de mes.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *