ALL POWER TO THE PEOPLE
A mentira é a que manda, a que causa sensación.
A verdade é aburrida, puta frustración!
CEREBROS DESTRUÍDOS. ESKORBUTO. 1985.
As persoas que lemos este semanario sabemos, estamos convencidas, do papel manipulador dos medios de comunicación dominantes que deforman a realidade e adoitan ofrecermos propaganda e falsidades no seu lugar. Non soamente nós sabemos isto, calquera lembra os “Hilillos de plastilina” do Prestige, a acusación a ETA do atentado na estación de Atocha, ou que nunca se atoparon as famosas “armas de destrución masiva” que levaron aos EEUU e aos seus aliados á destrución de Iraq, matando a máis de 200.000 civís, algúns din moitos máis, en nome da “democracia e a preservación da paz”. Ao pesar de que estas falsidades propagandísticas fosen desenmascaradas, incluso polos propios medios dominantes, non impediu que Rajoy ascendera a presidente ou que anunciaranse tres retiradas militares de EEUU de Iraq, a máis recente anunciada por Biden fai apenas un par de meses. Os propios medios de dominación, desméntense ao informar da parcialidade destas retiradas. Ou tamén do regreso das tropas de EEUU e internacionais ao Iraq que ordenou Barak Obama alá polo 2011 coa escusa da loita contra o falso califato de Estado Islámico.
Se a este aspecto do espectáculo, que son os medios de dominación, sumámoslle o inmediatismo da dixitalización da información, que reduce o “cuestionar” a unha nube que eleva o pensamento e a práctica a un ceo mareado de falsas emocións, frivolidade, banalidade e esquecemento, quizais puidese eu xustificar o actual desastre e apatía do dialogo entre as persoas que “levamos un mundo novo nos nosos corazóns”, quizais. Se fai uns anos era difícil establecer estratexias de loita con grupos diferentes por unha causa común, esta dificultade é hoxe mais severa. A vida na rede converteuse en realidade e a opresión, a traxedia, a inxustiza e o asasinato en pequenos vídeos e comentarios que enterran a denuncia na terra da insubstanciabilidade consumista, do entretemento. Así, nin tan sequera existe un terreo común para o dialogo onde a comunicación exista. Terreo aboado para o xurdimento de grupos autoritarios, de estratexias autoritarias, de dereitas ou esquerdas, radicais ou moderadas. Intercambiar perspectivas faise cada vez máis difícil tras a xeneralización de novos dogmas.
Moitos destes dogmas infíltranse directamente dende as estruturas do poder como poden ser as universidades e non só directamente dende a policía. Disto temos cumprida experiencia no anarcosindicalismo. Tamén temos unha riquísima experiencia en organizarnos horizontalmente, sen embargo, esta experiencia non está recoñecida fora do pensamento libertario. Xorden así novas estruturas de loita, parciais, específicas, sectoriais que sitúan aquel mundo novo polo que loitamos de corazón, nun plano oculto, e ao inmediatismo da pequena reforma nun mapa único. A maioría destas loitas tropezan coa incapacidade de organizarse horizontalmente extinguindo o lume dunha inicial rebeldía.
Deberamos de deixarnos de lerias e non seguir consentindo a tremenda traxedia africana, que século tras século, impertérrita, desposúe aos desposuídos deste mundo das súas vidas. Sobre África pesa unha verdade terrorífica. Non fai falla remontarse aos tempos da escravitude basta con ler o informe Dereito á vida 2021 elaborado por Caminando Fronteras. Dito informe presenta os datos do primeiro semestre do 2021, uns datos terribles que deberan levantarnos e destruír o sistema que os provoca. Unha lectura correcta dos datos igualaría a política de inmigración da unión europea á Solución Final do Nacionalsocialismo alemán, ou case. Os datos deste semestre, o máis terrible, suman 2087 vítimas mortais nas rutas de acceso a España. En solo seis meses faleceron tantas persoas como en todo o ano anterior, cun aumento do 526% respecto ao mesmo semestre do ano anterior, o que da unha idea do crecemento exponencial desta traxedia. Na ruta Canaria, a máis mortífera do mundo, o Observatorio De Dereitos Humanos Na Fronteira Occidental Euroaficana, fundado no 2014 por Caminando Fronteras rexistrou 1922 vítimas en 57 naufraxios. Na ruta do Mar de Alborán 93 vítimas en 9 naufraxios. Na do Estreito 36 vítimas en 9 naufraxios. Na ruta de Alxeria 36 vítimas en 4 naufraxios. Desta ruta Alxerina a organización manifesta a súa preocupación por descoñecer a verdade do que realmente está a acontecer, pois ten escasa información. O 95,83% das vítimas rexistradas desaparecen no mar, apenas un 4% dos corpos son recuperados. A organización Caminando Fronteras, tras anos de traballo, recibe alertas das propias embarcacións, de familiares ou persoas preocupadas. Unha vez recibida a alerta transmítese aos países aos que corresponde a defensa do dereito á vida no mar nesta zona da fronteira, estes son: España, Marrocos, Alxeria, Mauritania e Senegal. O mantemento das fronteiras que marcan a soberanía dos estados une a estes países nunha política común de intolerables consecuencias. A magnitude desta traxedia apenas é documentada polos medios de comunicación alternativos como para intentar provocar unha reacción. Non é unha noticia viral, non ten carácter inmediato e non se adapta ás características da rede, resulta repulsivo darlle ao like.
As persoas que conseguen chegar, xa sabemos, atopan unha Europa que as explota, as encarcera en centros de internamento, as apalea con a súa policía abusiva ou, nos mellores casos, malviven precarizadas cando conseguen os papeis. De feito son xa poucas as noticias que nos chegan de encerros de inmigrantes protestando pola súa situación. Lemos, entre liñas, do brutal esforzo para denunciar esta cruel inhumanidade. En Bruxelas, dende o 23 de maio, máis de 400 persoas están en folga de fame para reclamar a súa regularización. Segundo Muriel Gonçalves, responsable de comunicacións de Médecins du Monde Belgium “Chegamos a situacións extremas É espantoso ver a alguén destruíndo a súa saúde dese xeito. As persoas tragáronse follas de afeitar e outras coséronse a boca. Canto máis tempo pasa, máis se debilita a saúde dos inmigrantes indocumentados”. Pola súa parte, Sophie Devillé, do Servizo de Estudos e Políticas da Coordinación e Iniciativas para Refuxiados e Estranxeiros (CIRÉ) explica que “a moral das persoas en folga de fame adoita estar no seu punto máis baixo”, este tocar fondo é consecuencia das recentes declaracións do Secretario de Estado de Asilo e Migración Sammy Mahdi. O goberno non deixa porta á negociación e Sammy Mahdi, fillo dun refuxiado iraquí, ata cualificou a folga de fame como unha “chantaxe á que non cederá”. Quizais non só sexa racismo.
O racismo é, sen dúbida, unha crueldade existente na sociedade que temos que denunciar, visibilizar e analizar, incluso dentro da nosa organización ou no meu, e teu, propio comportamento. Deste xeito, resulta inexplicable a inexistente información sobre o Partido das Panteras Negras en galego, tamén resulta incrible a escasa información en castelán. Poucos son os libros relacionados coas Panteras Negras ou estudos máis ou menos documentados aos que podemos acceder. Estes poucos libros e estudos non saen precisamente do ambiente universitario. Existe un gran vacío para comprender que significou aquel movemento de liberación negra, cales foron os seus principios, cales os seus erros e éxitos. Case todo o publicado sobre o Partido das Panteras Negras o trata de forma tanxencial, e dicir, como unha anécdota dentro da revolución xuvenil dos anos 60. As chupas de coiro, o pelo afro, as armas colgadas dos cintos ou o enfrontamento coa policía fannos chegar unha visión estética das Panteras promovida polo espectáculo. JoNina Abron, profesora universitaria e ex-membro das panteras, deuse de conta no 1998 que nin os medios de comunicación nen os historiadores nen os politicólogos proporcionaran nunca un estudo completo sobre o Partido das Panteras Negras. Aínda hoxe resultan escuros os seus fundamentos teóricos. Consideraban que “os negros debemos unirnos para que o Poder Negro permita que exerzamos o control, político, económico e físico sobre as nosas vidas”, plantexamento teórico que pódese considerar precedente do Zapatismo indixenista. Recoñecendo a enorme coraxe coa que as Panteras enfrontáronse ao goberno dos EEUU non é menos importante sacar á luz os proxectos sociais comunitarios que estenderon a influencia das Panteras por todo o territorio dos EEUU. No ano 1971 estes programas pasáronse a definir como Programas de Supervivencia, supervivencia era a única saída ata alcanzar a revolución, afirmaban. O Partido das Panteras Negras sempre foi moi controvertido e poliédrico. Esta decisión de dar máis relevancia aos Programas de Supervivencia provocou un conflito interno coas persoas que apoiaban unha política militar ofensiva por encima destes programas comunitarios. Este desacordo tácito, foi aproveitado polo programa de contraintelixencia do FBI, COINTELPRO, para provocar a morte de varios Panteras, como recoñeceu o propio senado dos EEUU en 1976.
Dende 1966 ata 1982 o Partido das Panteras Negras instituíu unha serie de proxectos específicos comunitarios que incluían Patrullas de Alerta de Policía, Programa de Almorzo de Balde para Crianzas, Clínicas de Saúde de Balde, a Escola Comunitaria de Oakland, Servizo de Autobuses de Balde ás Cárceres, o Programa de Xantares de Balde, o Programa de Roupa e Calzado, O Programa de Servizo de Ambulancias, o Estudo sobre a Anemia de Células Falciformes, unha enfermidade rara que afecta sobre todo ás persoas negras, o Programa Maiores Contra un Entorno Inseguro ou o Servizo de Balde de Control de Pragas entre outros. Todos estes programas tiñan a súa base na propia comunidade que os autoxestionaba segundo as súas necesidades específicas. A día de hoxe, hai evidencias de que os Programas de Supervivencia do Partido das Panteras Negras non só contribuíron a mellorar a posición negociadora dos principais grupos de dereitos civís, senón tamén as condicións de vida dos pobres de EEUU. A reflexión das Panteras sobre que os negros e os pobres non son xulgados por un xulgado paritario e que o crime e a pobreza están inextricablemente vinculados segue a ser unha verdade universal. Nos Programas de Supervivencia das Panteras mirase, quizais máis claramente que noutros lugares, que o codificado como conflito racial enmascara e incluso oculta problemas socioecónomicos máis enquistados na actualidade. “Á comunidade negra e aos pobres”… lemos en múltiples ocasións nos textos destes Programas de Supervivencia.