O COMITÉ, É DA EMPRESA, O SINDICATO, DOS TRABALLADORES
e cando a túa voz achégase á miña voz,
as cicatrices do ceo desaparecen,
as cicatrices do ceo xa non choven.
Xa non choven, xa non choven.
Cicatrices en el cielo.
Corcobado Y Los Chatarreros De Sangre Y Cielo. 1993.
Hai certas cousas que non cambian, permanecen atascadas mentres as causas que as producen non desaparezan. Mentras que La Campana descansaba este verán, o sindicato, non podía. Coma sempre a tripla alianza de O Eixo; goberno, patronal e corporacións sindicais, aproveita o descanso estival para arranxar medidas as costas da clase obreira. Un clásico do verán que se repetirá ata que sexamos capaces de destruír ese Eixo da tripla alianza.
Mais durante este agosto, na web da CGT de Galicia publicábase unha entrada que falaba da transparencia e intromisión na liberdade sindical. Esta entrada aínda que referida a EMAFESA-Ferrol, amosa unha antiga cicatriz da CGT. Neste caso a sección sindical de CGT en EMAFESA aproveita o que denomina unha suxestión para falar sobre as horas sindicais. Coma sempre unha suxestión de alguén alleo á sección sindical que utiliza o xogo sucio, verte acusacións falsas e desvía a atención do importante, coa mentira e o cotilleo, para ocultar a verdade. Unha verdade de inmoralidade tanto no persoal como no colectivo. Unha vez máis, a CGT é acusada de mal comportamento por persoas, colectivos ou organizacións que miran ás demais dende un plano superior, como miran os xuíces aos pobres. Non fai falla que sexa inverno para que nos caian chuzos de punta, do que a sección sindical da CGT en EMAFESA chama, eufemisticamente, suxestións.
Se ben hai outros clásicos, a acusación de malversación de horas sindicais é un dos máis prevaricados, sobre todo porque moitas veces a propia acusación ven dende auténticas estruturas malversadoras de horas sindicais. Neste caso, en EMAFESA, as horas sindicais “as enfocamos como unha utilidade colectiva da sección de CGT para a acción sindical na empresa, e así definimos e decidimos, como as utilizamos”, como din na propia entrada. Descoñezo se o acusador entende que é a utilidade colectiva, pero non me cabe a menor dúbida de que O Eixo sabe desa utilidade polo que non descansa para eliminala tanto na sección sindical de EMAFESA como no sindicato ao que pertence, na Federación Local Obreira da Coruña, na CGT de Galicia ou no Confederal. Na entrada da web tamén ven publicada a utilización das horas sindicais pola sección sindical da CGT en EMAFESA. Aínda que persoalmente non vexo a necesidade de que eses datos saian do sindicato, os compañeiros fan o correcto se así o deciden. A posición da CGT sobre o uso das horas sindicais é ben clara, basta repasar os acordos congresuais. Así no XVII Congreso celebrado na Coruña en outubro do 2013 acordouse o uso correcto do crédito horario “as horas sindicais son patrimonio do sindicato co que o, ou a, representante presentouse ás eleccións. En calquera momento o sindicato pode esixir xustificación do seu uso ou requirir ás e ós delegados ou representantes a usar as horas do crédito sindical para as funcións que determine o sindicato sempre de acordo cos estatutos de cada sindicato”. Este patrimonio horario é consecuencia directa desa utilidade colectiva da práctica anarcosindicalista. Esto era así moito antes do Congreso de Coruña, xa naquel histórico IX Congreso chamado de Unificación, aínda o Tribunal Constitucional non nos arrebatara o nome de CNT, celebrado en Madrid o 29, 30 de xuño e 1 de xullo acordou que a sección sindical e non o comité de empresa “ten que capitalizar todo o labor que realicen os delegados de CNT; controlará o uso de horas sindicais e posuirán cartas de dimisión en branco asinadas por todos e cada un dos compañeiros que se presentaran; convocará aos delegados antes e logo de cada reunión do comité de empresa e marcaralles a liña a seguir, así como tomará os acordos que estes han de defender no marco exclusivo da súa competencia na empresa”.
Estes principios, ben asentados na CGT, son un feito diferenciador co resto dos sindicatos e por suposto coas corporacións sindicais. Tamén son uns principios que nos definen sindicalmente. A sección sindical da CGT en EMAFESA o aclara a aquel acusador e, de paso, a toda persoa que lea a entrada na web da CGT de Galicia: “Definimos a nosa acción sindical na empresa, como o apoio a toda reivindicación, individual, de grupo ou colectiva, sexan de afiliados á sección sindical, ou non, dado que tales horas véñennos dadas por entrar no modelo sindical de comités de empresa, modelo que nos produce un gran rexeitamento por basearse no falso concepto da representación”. Nin que dicir ten que esta definición da acción sindical en EMAFESA é correcta e verdadeira, coma sempre non porque o diga eu, La Campana, ou calquera persoa con cargo ou respectabilidade moral da CGT. Non, é verdadeira porque tratase do que nos une, do que nos define como persoas, seccións sindicais e sindicatos que loitan, tratase de anarcosindicalismo, este xeito de facer anarcosindicalismo. Por non ir moi lonxe, no XVII Congreso da Coruña de 2013 insistiuse na preeminencia das seccións sindicais: “O traballo da sección sindical será sempre prioritario fronte á actuación nos órganos de representación, polo que ningún membro de comité de empresa, xunta de persoal, delegado ou delegada de persoal elixido por CGT poderá usar a súa posición de representante dos e das traballadoras para apoiar ou votar calquera tipo de actuación en contra do acordado na asemblea da súa sección sindical, sempre que estes acordos respecten os regulamentos dos estatutos e congresos de CGT”.
A sección sindical de CGT en EMAFESA desenrola ese gran rexeitamento ao modelo sindical dos comités de empresa do seguinte xeito: “O noso criterio e reivindicación do uso das horas sindicais, é que poidan ser utilizadas por calquera membro da sección sindical, segundo os obxectivos que nos marquemos, e aquí é onde empezamos a chocar coa Patronal, ao non permitirnos esta utilización, algo que se pode facer vía negociación, a Patronal, pola vía de feito, sen negarse, non contesta, polo que o silencio, é negativo. Moléstanos porque nos corta o poder contar na mesa de negociación cun compañeiro da sección sindical que foi designado por nós e figura como tal na constitución da mesa de negociación. Tal situación interpretámola como unha intromisión na liberdade sindical, por imposibilitarnos levar a cabo unha decisión, que como sección sindical, está fóra do ámbito de control da patronal”, tal e como escriben na entrada da web da CGT de Galicia. A cicatriz.
Esta antiga cicatriz foi causada por unha lei, a Lei Orgánica de Liberdade Sindical, LOLS, que feriu non só á CGT, senón ás aspiracións da clase obreira durante a chamada transición española. Naquel Congreso de Reunificación acordouse asumir a ferida xa que “debemos de considerar e ter presente a unha lei que como a LOLS vén trastornar todo o espectro sindical existente, tendo un carácter reaccionario, antisindical e neoverticalista, posto que trata de implantar un determinado tipo de sindicalismo obrigatorio e doutra banda impedir o desenvolvemento do sindicalismo revolucionario de clase, que é o único que lles pode facer fronte aos empresario-capitalistas, ao Estado e ás súas criaturas, coa potenciación e xeneralización da conciencia-organizativa dos traballadores. Por iso, o PSOE como bo xestor dos intereses do estado e dos poderes reais deste país, é polo que sacou a referida ley sindical, con a pretensión de amarrar o movemento obreiro institucionalizando o sindicalismo e consolidando un modelo sindical burocrático e colaboracionista, como o que xenuinamente representan UGT e CCOO e a pequena escala ELA-STV, INTG e USO e Independentes amarelos desde o que calquera atisbo de loita reivindicativa será unha utopía, posto que o único desenvolvemento centrarase na xestión das miserias que produce o sistema capitalista”. Para que esa ferida non fora mortal, aquel congreso acordou que participaría nas eleccións sindicais cun obxectivo táctico “a CNT participará como organización nas Eleccións Sindicais, non de xeito competitivo para entrar no reparto do pastel que o Estado ofrece ás súas dóciles centrais como premio a súa esforzada “concertación”, pois CNT rexeita radicalmente a firma de calquera pacto social, senón como medio, estratéxico, de recuperar o seu espazo sindical na clase obreira española, así como de implantar as súas Seccións Sindicais, obter a capacidade de negociación e facer posible a súa desaparición a medio prazo, baleirándoas de contido na práctica sindical diaria” …e máis… “O acomodo que se observa na maioría dos militantes e seccións sindicais doutras organizacións a un marco xurídico de acción sindical, o abandono do principio de participación dos traballadores na solución dos seus problemas, o illamento de seccións sindicais enteiras, dos seus propios sindicatos debido á absorción dos seus militantes polas tarefas do Comité, etc. non vai darse na nosa organización, pola nosa práctica anarcosindicalista e polo mantemento e desenvolvemento do noso principio de acción directa”
A día de hoxe a CGT ten ratificados, no ultimo congreso no que tratou o tema, este foi o de Coruña, “os acordos a este respecto que nos vimos dotando desde que iniciamos o noso camiño no Congreso de Unificación, consideramos que están plenamente vixentes e xa que logo non necesitan ser modificados”.
Porén, penso que caemos nunha contradición que se evidencia cada vez que sentimos a cicatriz. Cando repaso os acordos do Congreso de Unificación non podo sentir que estean plenamente vixentes como acordamos en Coruña no que se refire aos froitos desexados pola estratexia e o obxectivo táctico. A pesar diso, os acordos, o espírito ou a ideoloxía que manifestan, o análise, a valentía sindical e mesmo a decisión de asumir esa estratexia de presentarse ás eleccións sindicais os considero, como o Congreso de Coruña, plenamente vixentes. Pero vexo como nos doe a cicatriz e como temos que volver a por en primeiro plano eses acordos vixentes para impoñer a ese Eixo da tripla alianza que, por exemplo, a sección sindical da CGT en EMAFESA-Ferrol impoña que “as horas sindicais poidan ser utilizadas por calquera membro da sección sindical, segundo os obxectivos que nos marquemos”. E que o Eixo cale, máis lle vale. Considero necesario renovar a loita por conseguir os froitos desexados pola estratexia do Congreso de Unificación. Loitar polo que nos une, o noso xeito anarcosindicalista. Hai certas cousas que non cambian, permanecen atascadas mentres as causas que as producen non desaparezan.