VI Época - 49

A NORMALIDADE DA ENFERMIDADE

Cuando te llamo,
me das excusas,
te da vergüenza
y te comprendo.

Estoy Enfermo. Golpes Bajos. 1983.            

Se nun futuro alguén quixera historiar o anarcosindicalismo da nosa época contemporánea tería que estudar profundamente a actividade sindical da CGT no sector de contact center, antes telemarketing. Para as persoas que estamos a vivir esta época impasible, a loita nos contact center está a ser un auténtico termómetro que mide a saúde anarcosindicalista. Con certeza que todas as loitas son importantes, tamén é certo que as loitas se nutren unhas de outras. Estas son outras razóns para que o anarcosindicalismo mire de cerca o que pasa nos contact center.

Sen ir mais lonxe, este luns 20 de setembro a CGT da Coruña convoca unha concentración as 11:30 da mañá diante da tenda de Movistar da Praza de Pontevedra para denunciar públicamente un ERE encuberto levado a cabo pola dirección do contact center Atento. Atento é a principal subcontrata de Movistar. Como ven sendo habitual nestes tinglaos empresariais de subcontratas, externalización de servizos, etc… a redución dos dereitos laborais e os despedimentos están á orde do día debido á ansiedade pola redución de custes, froito da avaricia máis usureira. Xa informabamos no nº46 de La Campana sobre a loita contra este ERE encuberto. Daquela Atento tiña despedidas a polo menos 30 traballadoras, despedimentos todos eles argumentados con mentiras, tal e como a propia empresa recoñece nas conciliacións previas ás demandas presentadas polas compañeiras. Atento quere que eses despedimentos sexan individuais polo que deixou pasar deliberadamente 95 días para superar o limiar dos 30 despedimentos que marca a lexislación para considerar os despedimentos como colectivos, polo que terían que tramitarse como un ERE, intentando eludir un dos poucos limites, o de 90 días, que a lexislación pon ao despedimento libre. A usura empresarial en todo o seu esplendor. Agora, no que vai de ano máis de 60 traballadoras perderon o seu emprego. Nos últimos 15 días, no centro que a empresa ten en Bilbao leváronse a cabo 13 despedimentos, todos eles de persoas que pertencían aos departamentos de atención ao cliente de pequena e mediana empresa de Movistar, o que pon de manifesto o desmantelamento que están levando nestes servizos. Estes despedimentos, únense aos xa realizados noutros centros de traballo, como o de Lleida ou A Coruña. E segue coa mesma, a propia empresa recoñece a súa improcedencia nos actos de conciliación previos ás demandas de despedimento, deixando en evidencia a falta de motivos dos mesmos. A ansiedade da dirección de Atento é unha enfermidade grave, chegan a publicitar os despedimentos polos chats internos, mentindo insanamente, dando a entender que as despedidas son unhas lacazáns.

A concentración deste luns na Coruña tamén terá lugar en outras cidades do estado español, pero sobre todo en Bilbao onde teñen convocada unha folga de 24 horas xa que é o centro de traballo máis afectado por este ERE encuberto. As seccións sindicais da CGT en Atento teñen cumprida experiencia na loita e téñense enfrontado a numerosas situacións, dende La Campana teñen toda a nosa solidariedade.

Ollando o último boletín da sección sindical de CGT en Unísono Vigo tamén podemos diagnosticar a enfermidade nos directivos do contact center. Tras unha reunión do comité de saúde a sección sindical corrobora o que viña denunciando e como a parte empresarial segue a mentir ante as evidencias das súas insanas tretas. Existe un total recoñecemento do impacto negativo na saúde dos traballadores do telemrketing se o tempo de chamada é insuficiente, pero tamén se o tempo entre chamadas é insuficiente. Estas insuficiencias provocan ansiedade e estrés. A pesar de que estes tempos están claramente regulados, a dirección de Unísono mantén reunións cos traballadores, que cualifica de informais, para reducir eses tempos argumentando a busca dunha maior eficiencia. Eso sí, asegúrase de que cada traballador que recibe dita informalidade asine un papel onde consta que foi informado das medidas para unha maior eficiencia. Isto constitúe unha modificación substancial, encuberta, das condicións de traballo segundo a CGT.  Pero quizais o máis grave desta situación é que a empresa recoñece que a redución do tempo de chamada está a provocar estrés en algúns traballadores. Non lle importa, din que o tempo entre chamadas, Hold na linguaxe da empresa, cura este estrés. Por saúde laboral enténdese que debe haber 23 segundos entre chamadas; non sempre se cumpre. Os directivos queren estender a súa propia enfermidade entre os traballadores, é algo típico de certas persoas que so miran un mundo que xira entorno elas e pensan que están en posesión da verdade; “se me pasa a mi, é o que hai, e ten que sufrilo todo o mundo, pois o mundo é así que seino eu”. Enfermidade.

Non sabemos se Unísono seguirá chamándose así ou cambiará a Intelcia. A pesar de que o artigo 64 do estatuto dos traballadores obriga á empresa a informar e consultar á representación dos traballadores sobre estes cambios o comité de empresa non foi informado sobre a venda de Unísono a Intelcia. Este proceso de venda, cifrado en 200 millóns de euros, pode supoñer un empeoramento das condicións laborais de miles de persoas dun sector moi precario e feminizado. Todo parece indicar que os antigos accionistas venderon Grupo Unísono ao Grupo Intelcia, de orixe marroquí e controlado á súa vez polo multimillonario israelí Patrick Drahi a través de Altice Group. Esta información chegou de xeito indirecto á representación dos traballadores o día 1 de setembro de 2021 cando a venda está formalizada desde o día 6 de agosto de 2021. A partir de aí descoñecemos demasiadas cousas e iso preocúpanos. O Grupo Unísono ten no Estado español a máis de 5.000 persoas en activo, ademais de contar con centros de traballo en Chile e Colombia. O Grupo Unísono caracterizouse por levar a cabo unha política empresarial baseada nos enfrontamentos constantes cos seus persoais, con multitude de demandas nos tribunais e denuncias en Inspección de Traballo, derivadas de incumprimentos laborais. Ademais, nos últimos 18 meses, por mor da pandemia de Covid-19, a maior parte do seu persoal tívose que acoller ao teletraballo sen alcanzar un acordo satisfactorio para compensar os gastos deste como esixe a lei.

Transcom WorldWide en España é unha das empresas históricas que forma parte da patronal do sector. Poucos días despois de anunciar aos seus socios que triplicara os seus beneficios no ano 2020 grazas entre outras cousas a unha significativa diminución dos seus gastos salariais, Transcom quere seguir engrosando o seu beneficio anual a costa dos dereitos do seu persoal, neste caso do máis elemental, o seu posto de traballo. O 3 de setembro de 2021, reuniu á Representación Legal dos traballadores de Madrid e León para anunciar un salvaxe despedimento colectivo de, segundo as súas estimacións preliminares, unhas 380 persoas, o 7% do seu persoal, nos centros de Pozuelo e San Fernando en Madrid, máis o de León. O anarcosindicalismo está a prepararse para outra loita que acaba de comezar.

Inasequibles ó desalento, a popularizada frase de resistencia podería aplicarse plenamente a loita anarcosindicalista nos contact center. Se en xuño foi o tribunal supremo quen ratificou que os empregados de contact center deben parar cinco minutos por cada hora traballada, en xullo, o mesmo tribunal deu a razón á demanda interposta en solitario pola CGT conseguindo un novo dereito non recoñecido ata agora, que cando se usan os permisos retribuídos se sigan cobrando os complementos salariais. Agora 21 anos despois a CGT logra que a audiencia nacional déanos a razón e anule o artigo 14 do convenio colectivo asinado pola patronal, CCOO e UGT, que fala dos contratos de obra. En concreto anula e deixa sen efecto o art. 14 b) do II Convenio Colectivo de Ámbito Estatal do Sector de Contact Center, que di: “A tales efectos entenderase que teñen sustantividade propia todas as campañas ou servizos contratados por un terceiro para a realización de actividades ou funcións de Contact Center cuxa execución no tempo é, en principio de duración incerta, e cuxo mantemento permanece ata a finalización da campaña ou cumprimento do servizo obxecto do contrato”. A Sala do Social da Audiencia Nacional di que procede anular este artigo porque define e identifica as tarefas e traballos que serían considerados como lexítimos contratos temporais de obra e que iso “non se compadece” co art. 15.1.a) do estatuto dos traballadores, nin coa interpretación xudicial do mesmo que fai actualmente o Tribunal Supremo. Esta sentenza ratifica o que sempre pensou a CGT xa que a parte que se anula estivo nos 6 convenios de Telemarketing/Contact Center publicados no BOE ata agora, e di que a parte do convenio que identifica como temporais os contratos vinculados á campaña ou servizo contratado, apártase do Estatuto dos Traballadores segundo das actuais esixencias xurisprudenciais. Deste xeito o anarcosindicalismo gaña o pulso en materia de contratación ás empresas do sector do Contact Center. O sector federal de telemarketing da CGT está moi satisfeito con este avance de dereitos que fará que decenas de miles de persoas de telemarketing, co contrato de obra actualmente, pasen a ser indefinidas.

O sector do contact center no que actualmente traballan uns 120.000 teleoperadores segundo as contas da seguridade social, onde o 80% das traballadoras son mulleres que de estar a tempo completo, 39 horas semanais, apenas levan 750-800 euros ao fin de mes, onde cada vez hai máis contratos a tempo parcial de 30 ou 25 horas semanais onde a duras penas chegan ata os 600 euros mensuais.

O índice de absentismo laboral é dos mais grandes, o 15%, capitalizado por baixas como consecuencia do estrés, a angustia, a depresión. A enfermidade estendéndose.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *