CESIÓN ILEGAL DE TRABALLADORES NA EMPRESA MUNICIPAL
Con un grande rebumbio na prensa local valenciana, a inspección de traballo abre unha sanción a Empresa Municipal de Transportes, EMT, de Valencia e as subcontratas Covamur y Ballester como resposta a unha denuncia da sección sindical da CGT na EMT de Valencia. As sancións poden acadar os 180.000 €. Ollando un pouco esta nova, non sorprende que a foto máis repetida polos xornais dixitais que consultei sexa unha foto do actual alcalde e concelleiro de transportes de Valencia posando diante dos autobuses estacionados nas cocheiras da EMT. A foto foi un produto de propaganda do goberno municipal cando anunciou a adquisición de autobuses híbridos. É o espectáculo do que chaman política, a política reducida ao espectáculo. Os textos que seguen a esta fotografía aproveitan para cotillear sobre as persoas que saen na foto, emitindo un grande cheiro a directriz de poltrona opositora. Pouco importa o feito que produce a noticia, unha falta moi grave, cesión ilegal de traballadores, nen as causas que permiten que estas faltas se produzan, o tinglado empresarial de concesións, contratas e subcontratas. Non, disto non se fala, falase do mundano. Posiblemente porque ningún partido político atrevese a falar destas causas porque no que están dacordo é en ocultalas, aínda que como neste caso as teñamos diante das narices. A política espectacular dominante, a dos partidos democráticos, non se atreve a xestionar ou regular condicións que claramente limiten o abuso que a clase empresarial exerce sobre os traballadores, ao contrario banalizan os problemas, e defenden o progreso e a recuperación da economía que sempre o fai a costa de dereitos laborais. O estado permanente de recuperación.
A decisión de Inspección de Traballo vén a raíz dunha denuncia realizada desde a sección sindical por vulneración do artigo 43 do Estatuto dos Traballadores, infracción que foi catalogada polo inspector de traballo como moi grave e que pode carrexar sancións económicas de entre 100.000 e 180.000 euros para cada unha das empresas implicadas, ademais de liquidar as cotas á seguridade social dos traballadores en cuestión, derivadas da diferenza salarial do convenio das empresas subcontratadas e o convenio da empresa contratante con polo menos catro anos de retroactividade.
Os feitos denunciados por CGT consisten en que os traballadores cedidos realizan os seus servizos nos centros de traballo de EMT, xunto aos traballadores da empresa municipal, desenvolvendo a mesma actividade que estes e ás ordes directas dos cadros de mando, encargados de EMT. Estes cadros de mando controlan o desenvolvemento concreto do traballo. Ademais os traballadores cedidos realizan traballos e funcións que non están descritos nos contratos, sen a formación adecuada en materia de prevención e riscos laborais, a requirimento dos encargados de EMT, utilizan as mesmas ferramentas e medios que os de EMT e teñen idéntico horario de descanso de bocadillo. As empresas Ballester e Covamur non aportan unha autonomía técnica, nin valor engadido, só man de obra, en concreto para realizar o traballo de condutor de manobras, actividade que vén recollida en convenio e que é realizada tamén por traballadores de EMT en todas as quendas, malia que estas empresas non teñen entre os propósitos da súa actividade empresarial e laboral a condución de vehículos para os que se necesite o permiso de condución da clase D, con todo contratan a traballadores cuxa actividade única é a condución destes vehículos. Estas empresas contratistas cobran en base á produtividade, non existe un contrato de obra e servizo, o traballo realízase indistintamente por eses traballadores e polos traballadores adscritos ao persoal da empresa principal. No prego de condicións EMT resérvase o dereito de organización, concretamente o dereito de veto de calquera traballador cedido, é dicir ten facultade para tomar decisións sobre a baixa na actividade dos traballadores de persoal das empresas contratistas.
A seción sindical da CGT na EMT de Valencia ten declarado que a intención de CGT nunca foi a de que se sancionase á EMT, pero si acabar cun modelo de precariedade que vén dándose desde 2003, os traballadores deberían estar no convenio de EMT Valencia e cobrar o mesmo que quen realizan as mesmas tarefas. Con acerto e loita quizais no futuro próximo a sección sindical consiga as súas pretensións, a base de loita sindical protagonizada polos propios traballadores. Non é que esté facendo eu propaganda do anarcosindicalismo da CGT, só estou difundíndoo. É o que temos diante das narices.