INXENUIDADE OU ACCIÓN SINDICAL
ElectroRayma é unha empresa desas que chaman Industria Auxiliar, neste caso de Navantia Ferrol. O persoal de ElectroRayma (dedicada á fabricación, montaxe e mantemento de equipos eléctricos e que fai o servizo de mantemento de Navantia) ten pendente de cobrar a paga extra de xullo e a nómina de setembro. Un embargo decretado por Facenda mantén bloqueadas as contas da empresa, polo que temen que o impago dos salarios vaia a máis e temen, tamén, a quebra da empresa. Os compañeiros de ElectroRayma están mobilizándose na defensa de varios centos de empregos ameazados pola posible quebra da empresa. O pasado luns 4 de outubro fixeron unha asemblea na porta do Arsenal de Navantia. Nos días seguintes acudiron ós concellos de Ferrol e Narón. Na mañá do venres 8 de outubro estiveron a primeira hora nas portas de Navantia impedindo durante dúas horas a entrada na factoría.
Para o comité de ElectroRayma e a maioría sindical de Navantia, a solución pasa por esixir un acordo entre Navantia e ElectroRayma respecto da disputa sobre os traballos realizados a maiores do contrato durante a construcións dos AOR australianos. Electro-Rayma esixe 4,7 millóns e Navantia o rebaixa a algo máis de 230.000 euros.
Exemplos coma os de Alcoa, Vestas ou tantos outros poñen de manifesto o tremendo erro que supón subordinar a defensa dos intereses dos traballadores á defensa das empresas. Que garantías hai de que se ElectroRayma cobra os cartos que lle reclama a Navantia, os socios capitalistas de ElectroRayma non os van utilizar para pechar todo e marchar cos petos cheos? Ningunha. Navantia ten unha responsabilidade social neste conflito, pero non cunha empresa auxiliar senón cos traballadores que sofren a explotación duns empresarios das compañías que son máquinas de amasar cartos. Por iso, e así explicouno a sección sindical unitaria de CGT en Navantia-Ferrol nas reunións nas que participou, para a CGT o punto non é esixir un acordo entre empresas, senón elaborar un plan de loita para salvar ós traballadores.
Un plan cuxo obxectivo debe ser que Navantia se faga responsable con carácter de urxencia dos empregos destruídos en ElectroRayma ou calquera outra compañía ameazada de peche mediante unha bolsa de emprego da que Navantia contrate directamente. Esa bolsa nutriríase tamén con tódolos profesionais que traballan actualmente na industria auxiliar, os que estiveron e hoxe non están a consecuencia da precariedade crónica na industria auxiliar e todos aqueles que se queiran apuntar. Non falamos de cousas máxicas, senón de modelos que existen dende hai tempo na administración pública.
Para a seción sindical de CGT en Navantia-Ferrol non se trata de inxenuidade pois ser inxenuos é confiar no apoio recibido polas Corporacións municipais de Narón e de Ferrol, ou confiar na visita do portavoz municipal e responsable local do BNG á mobilización do 8 de Outubro, ou confiar na preocupación dos responsables do PP de Narón que tras visitar as instalacións de ElectroRayma o pasado 26 de setembro exixíronlle responsabilidade a Navantia coa industria auxiliar. Non se trata de inxenuidade. Para a sección sindical de CGT en Navantia-Ferrol esta batalla non se vai gañar convencendo ós xestores de Navantia. Tampouco con mobilizacións de delegados ou con visitas ás institucións públicas. Necesitase confrontar coa patronal da Industria auxiliar, pero tamén cos responsables políticos que permiten a subcontratación salvaxe na empresa pública.
Necesitase recuperar os únicos métodos de loita que funcionan: paralización da produción, extensión do conflito ó resto das factorías e convocatoria de grandes mobilizacións apoiándose en tódolos traballadores despedidos ó longo destes anos. É difícil, pero é a pelexa que debemos dar.
Se hai un ano nos din que a loita para defender os 129 postos de traballo en Tubacex pasaba por unha folga de máis de 8 meses, moitos sindicalistas realistas nos dirían que “vivimos nos mundos de yupi” e que o realista é negociar o número de despedimentos. Sen embargo os traballadores de Tubacex conseguiron que tras ser despedidos 129 traballadores por un ERE en febreiro do 2021 e tras 236 días de folga indefinida xunto con todos os seus compañeiros, 750 persoas que supoñen toda a plantilla, que rematou o pasado 5 de outubro, todos os despedidos fosen readmitidos. Os traballadores de Tubacex non foron inxenuos e actuaron como din os compañeiros da sección sindical da CGT en Navantia-Ferrol, actuaron coa lóxica sindical, actuaron coas armas que ofrece o sindicalismo de hoxe e de sempre.
Fonte: Sección Sindical da CGT en Navantia-Ferrol