VI Época - 56

NO QUINTO ANIVERSARIO DO ASASINATO DE MOSHIN FIKRI, O HIRAK SEGUE VIVO

É normal que os nosos mozos vaianse do Rif. Saen en patera porque prefiren morrer no mar que quedarse en Alhucemas. A represión por parte do réxime é moi grande: torturas, detencións arbitrarias, cárcere” afirmaba Souhaila, a nai de Nasser Zafzafi, un militante do Hirak encarcerado polo réxime marroquí, cando percorreu España e Europa o pasado ano 2020 dando a coñecer a situación do pobo Rifeño. Souhaila viu acompañada de Ahmed Zafzafi, o pai do encarcerado Nasser, ambos case octoxenarios. “Quen ten a culpa desta migración que non é segura para ninguén? Nós non. Nós soamente queremos traballo para os mozos, que non se teñan que ir, que o Estado constrúa universidades para as nosas fillas e fillos e poidan seguir na súa terra cando terminen a secundaria. Só queremos que se cumpran os nosos dereitos”, apuntaba o pai.

Outro rifeño, de nome ficticio Ayib, que escapou en patera da represión, declaraba á prensa española no 2018 “Encerráronme tres días só porque fun a varias manifestacións en Alhucemas. Había máis detidos e nos torturaron a todos. Dábannos golpes, pegábannos con paus, tirábannos auga fría na cela… A outros lles daban descargas eléctricas”, recorda serio este rifeño de pouco máis de 30 anos, casado e cunha filla. “Enfermei e os policías deixáronme tirado preto dun acantilado. Foi entón cando tiven claro que tiña que irme de Alhucemas, que había que escapar do Rif”. A fuxida de Marrocos deste rifeño foi de madrugada. A planeou xunto a outros 13 mozos que tamén temían detencións. Os 14 mozos saíron da praia de Alhucemas e, logo de máis de 20 horas no mar, chegaron á costa de Motril. “Foi moi canso, o motor quentábase, parábase cada pouco tempo e só tiñamos un compás para orientarnos. Pasamos medo pero aterrorízannos moito máis as torturas do réxime de Marrocos”. Non tardaron moito en ser localizados por varios axentes da Garda Civil, que lles perseguiron por un pequeno bosque de Motril próximo á praia onde baixaron da patera. Tres deles lograron escapar e non volveron a ter noticias súas. “Estabamos tan cansos que non podiamos nin correr. Colléronnos e leváronnos a comisaría. Estivemos tres días nun calabozo, pasamos frío e fame”. Catro deles levaban documentación, puideron ser identificados e devoltos a Marrocos en menos de 72 horas. Os sete restantes foron trasladados ao Centro de Internamento de Estranxeiros (CIE) de Aluche, en Madrid. “Queriamos pedir asilo, pero non entendiamos nada do que dicían os policías, non tiñamos avogados e tiñamos medo de falar coa Policía por si decatábanse en Marrocos de algo”. Alí pasaron ao redor duns 15 días, pero non saíron os sete. Dous deles foron deportados a Marrocos malia solicitar asilo e de ter protagonizado unha folga de fame ata o día que se lles expulsou.

Alhucemas está esquecida en todos os aspectos, politicamente, economicamente, para a prensa… En todo, e nós vivimos esta situación desde fai moito, desde 1959. Desde o século pasado vivimos unha matanza terrible”, sostén Ahmed Zafzafi, o pai do encarcerado Nasser. Alhucemas era un antigo Protectorado de España en Marrocos. Marrocos non é o único causante de todos os males de Rif, que entre 1921 e 1926 chegou a ser unha república independente proclamada por Abdelkrim al Jatabi tras vencer aos españois na batalla de Annual. Ahmed recorda que os rífeños non queren independizarse, algo do que lles acusa Marrocos, senón simplemente “non ser invisibles e que se teñan en conta os seus dereitos”, por exemplo unha sanidade adecuada. O hospital oncolóxico na zona é unha das principais esixencias do Hirak para unha rexión onde o cancro campa ás súas anchas. En 2015 presentouse un ensaio en Rabat que estudaba a terrible influencia dos gases dos bombardeos españois sobre o Rif, case un século despois, no alto índice de enfermidades na rexión. O 80% dos adultos e o 50% dos nenos doentes de cancro atendidos no hospital de oncoloxía de Rabat proceden da mesma zona do Rif bombardeada pola aviación española. “Eu mesma teño cancro. A miña filla ten cancro. Toda a miña terra sofre o cancro”, advirte Souhaila, a nai.

Para estes dous anciáns e o seu fillo, así como para outros condenados e os seu familiares e como para moitos rifeños, a confianza na xustiza desapareceu. O propio Nasser, condenado a 20 anos de cárcere, non apelou a súa sentenza. Entenden que estas decisións “van máis aló da Xustiza”. Souhaila teno claro e afírmao con contundencia: “Non confío nada nin no réxime nin na súa xustiza. Os militantes rifeños non merecen ser condenados por reivindicar dereitos básicos. Quen merecen ser condenados son os responsables do réxime que deixaron un país moi empobrecido”. Nasser Zafzafi foi detido o 29 de maio de 2017 tras interromper nunha mezquita a un imán que criticaba ao Hirak.

Para lembrar o desencadéante do Hirak rifeño, un movemento social que desenmascarou a corrupción e o abandono do réxime de Mohamed VI, debemos remontarnos ao 28 de Outubro de 2016. Este movemento xurdiu a raíz do asasinato do pescador Mouhcine Fikri, de tan só 31 anos, en Alhucemas, aquel 28 de outubro, cando foi triturado por un camión mentres desafiaba a confiscación do seu peixe polas autoridades marroquís. Mouhcine Fikri foi esmagado dentro dun camión de lixo, no que se meteu para protestar contra a confiscación da súa mercancía. Alguén accionou o mecanismo da trituradora.

As protestas, baixo decididas proclamas como “Morte antes que humillación”, ademais do Rif, estendéronse rapidamente por outras cidades como Casablanca, Fez, Tánxer, Nador, Marrakech, Uchda, Agadir e Rabat. Así naceu espontaneamente o Hirak, un movemento que logrou poñer entre as cordas a todo un réxime que non dubidou en utilizar todas as ferramentas dispoñibles para reprimir e desacreditar os levantamentos.

Naqueles primeiros días o fillo de Souhaila e de Ahnmed Zafzafi, Nasser, declaraba “Se non imos a unha causa común, o Majzén aproveitarase diso e o escenario será igual ou peor ao de 1958 ou 1984”. Majzén é a palabra árabe que designaba antigamente ao Estado marroquí e na actualidade á súa oligarquía ou goberno na sombra, “as elites económicas son quen realmente dirixen o país, non a policía ou os funcionarios, senón os que deciden que sucede as 24 horas ao día”, afirmaba Nasser naqueles primeiros días.

O Majzén actuou, e fíxoo con contundencia. As autoridades chegaron a apresar a dez militantes por día. Pero o empuxe nas rúas mantívose. Durante o discurso da festa de Entronización, Mohammed VI encomiou as actuacións policiais que causaran a morte de Imad Attabi, tras ser alcanzado por un proxectil de gas lacrimóxeno na cabeza durante a manifestación do 20 de xullo en Alhucemas e a morte de Abdelhafid Hadad, tras unha semana hospitalizado ao respirar gas lacrimóxeno na manifestación do 9 de agosto.

Tras as detencións, e no primeiro aniversario da morte de Mouhcine Fikri comezou un xuízo contra os militantes do Hirak, entre eles Nasser Zafzafi, tras cinco meses en prisión. Durante este tempo máis de 40 dos 53 militantes presos en Okasha, Casablanca, mantiveran unha folga de fame extrema durante 44 días. Outra causa, contra outros 21, comezara a mediados de setembro, na que se estaba xulgando ao considerado número dous do Hirak, Nabil Ahamjik. En estes e máis xuízos foron condenados mais de 700 persoas. Tras as condenas de 20 anos de prisión Nasser Zafzafi, e o militante Mohamed Haki coséronse os beizos e declaráronse en folga de fame en protesta polas duras condenas ratificadas polo tribunal de apelación de Casablanca e contra o despregue policial na súa rexión do norte de Marrocos.

Dende o primeiro momento a CGT mostrou a súa solidariedade e apoio co Hirak rifeño. O pasado 28 de outubro e con motivo do quinto aniversario do asasinato de Mohsin Fikri, a CGT emitiu o seguinte comunicado:

O 28 de outubro cúmprense cinco anos daquel brutal asasinato dun humilde e indefenso traballador chamado Mohsin Fikri a mans do Majzén, un lastre de séculos que segue a data de hoxe condicionando a vida de millóns de persoas alén do Estreito. Un réxime corrupto que abriu de pao a pao as portas ao colonialismo onte e que hoxe segue patentando o saqueo sistemático dos seus recursos polas grandes multinacionais. Este asasinato é un máis no haber daqueles que deberían estar entre os barrotes no canto dos valentes mozos, que saíron ás rúas despois do fatal asasinato, a reclamar dignidade, xustiza e unha oportunidade para vivir preto dos seus e non ter que arriscar as súas vidas cruzando o Mediterráneo.

Desde a Confederación Xeral do Traballo condenamos as prácticas dun estado ditatorial instaurado e amparado polas mafias capitalistas. Marrocos, un estado fabricado despois de que a elite europea reunida na conferencia de Berlín (1884-1885) decidiu levar a barbarie (civilización) ao continente africano, o seu reparto en forma de fronteiras e Estados condicionaron o destino dos millóns de africanos que hoxe en día, vítimas, foxen despavoridos cara a unha Europa cuxos gobernantes, lacaios do capital, son tan responsables do auxe da corrente fascista como a amnesia pretendida dalgúns e a ignorancia de moitos daqueles que creen que a solución á precariedade pasa pola caza ao inmigrante.

O Estado español e francés, cómplices da ditadura Alauita, deben render contas polos seus actos criminais perpetrados durante a chamada guerra do Rif, onde se empregaron elementos químicos prohibidos, o gas mostaza está na orixe do número elevado de afectados polo cancro na zona do Rif. A creación dun hospital especializado no seu tratamento foi unha das reivindicacións do Hirak, xunto á derrogación do decreto 1.58.321 que considera á rexión de Alhucemas como zona militar.
A represión debe cesar, os miles de torturados e encarcerados inxustamente no estado de Marrocos deben recuperar a súa liberdade. Os responsables desta barbarie e dos crimes como este terán que ser xulgados.

Unha vez máis, reiteramos que detrás das bandeiras, as fronteiras e os Estados a única verdade son as persoas como Mohsin Fikri esmagado pola maquinaria capitalista un 28 de outubro do ano 2016.

Viva o HIRAK.

Viva a loita do Pobo Rifeño.

Ata que sexamos todxs libres!

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *