VII Época - 37

CONTUNDENTE RESPOSTA DOS TRABALLADORES DE ZARA-LOXÍSTICA

Como en tantas outras ocasións, estas páxinas, ademais de informar, teñen a intención de amosar loitas que poidan servir de exemplo á hora de enfocar os conflitos laborais que poidan xurdir nos nosos respectivos postos de traballo. Indubidablemente, este é un.

Falamos con Luis, presidente do comité de empresa no centro loxístico de Zara en Arteixo que atendeunos poñendo inmediatamente toda a información a nosa disposición e respondendo as nosas preguntas.

            O 12 de maio unha manifestación, convocada por todo o comité de empresa, saía da Praza de Lugo en defensa da carga de traballo estable. Ollo! Carga de traballo estable! Se vos parades un intre a pensar que unha multinacional como esta, INDITEX, non teña conseguido que as vidas das súas traballadoras e traballadores non estean constantemente alteradas pola adaptación dos seus horarios de traballo á lei da oferta e a demanda, podemos entender aquelo de que os dereitos conséguense loitando.

A mirar!, antes, o 1 de maio a empresa decide pechar o centro de traballo pretendendo que ese peche sexa visto polos traballadores como unha liberación. Enseguida o comité de empresa reacciona e distribúe un comunicado, o mesmo día que a empresa comunícalles a decisión con “premeditación e aleivosía” nunha xuntanza urxente. Informase puntualmente ao persoal que a empresa negouse con “rotundidade e altanería a calquera negociación. A reunión era unicamente para impoñer o que xa tiñan decidido”. O comunicado distribuído desenmascara o engano que pretende a empresa, “Alegan falta de carga de traballo, aínda que todos sabemos que non é máis ca unha medida de aforro despois do pagamento extraordinario dos días de semana santa” nos que a empresa gastouse máis de 800.000 euros en xornadas non planificadas e que agora pretende compensar. E continúa “Con independencia das cuestións económicas, trátase dun ataque directo, inédito e esaxerado aos nosos dereitos. Pretenden aplicarnos a xornada irregular e acabar dun día para outro co que tanto traballo nos custou: uns calendarios anuais estables e inamovibles. Hoxe é o 1 de maio, mañá pode ser calquera outro día ou horario o que nos modifiquen con calquera escusa. Sería un retroceso de 20 anos nas nosas condicións laborais”. A imposición é evidente e rompe unilateralmente o punto 20, relativo ao Calendario Laboral, do Acordo de Condicións 2023-2025 que especifica que calquera modificación dos calendarios sobre o modelo pactado, sempre que supoña un empeoramento, esixirá o acordo entre as partes.

Tras o descubrimento do engano, a empresa “cuspe” un panfleto que outra vez é desenmascarado polo comité. No panfleto, “unha cerimonia de confusión superlativa” a empresa pretende comparar o traballo voluntario en semana santa, no que ademais dos cartos conséguese un día libre a maiores, coa alteración obrigatoria dos calendarios. Moi ao contrario, a empresa pretende que o día de traballo do peche, o 1 de maio, recupérese noutro día. O comité aclara que “Esta modificación que pretende impor a Empresa de maneira unilateral, significaría a perda dun piar fundamental nos nosos dereitos, e tería unha consecuencia fundamental na nosa calidade de vida no que respecta aos descansos semanais, sistema de libranzas e vacacións”. Con mala intención, a empresa fai mención ao artigo 26 do Acordo de Condicións 2023-2025, relativo as vacacións que omiten citar completamente. O artigo establece que se gozaran de 40 días naturais de vacacións, 10 días correspondentes á dispoñibilidade por traballar en festivos, certo, pero esquecen a parte final do artigo que subliña que eses 10 días se gozaran aínda que os festivos se deixen de traballar. Ante a evidencia, o comité di ao persoal que “non nos podemos fiar de quen nos engana desta maneira”

            A empresa, nesa faceta panfletaria e enganosa, incluso afirma que existe un “diálogo construtivo” co comité, co que se reuniu a iniciativa do propio comité. Sen embargo, a xuntanza a que se refire produciuse tras o peche do comité na cabina de acceso á Fundación das instalacións de ZARA loxística ameazando con entrar. Senón fora por ese peche a empresa xamais o tería recibido debido a súa postura impositiva e unilateral. De feito, o comité sempre ofreceu a posibilidade dunha negociación. Chegou a solicitar a mediación do AGA, o Consello Galego de Relacións Laborais, sen resultados. A Empresa aceptou ir a mediación no servizo de conflitos simplemente para quedar ben. Como informou o comité noutra circular aos traballadores, nesa reunión a empresa “deixou moi claro no servizo de mediación que a decisión está tomada, e que lle dá igual o prexuízo que lle poida causar o persoal, tanto na calidade de vida pola afectación do calendario, coma na perda do recargo de festivo, en fin son Inditex e fago o que me dá a gana.”

            Para o comité a situación non agocha ningún segredo e en maiúsculas destacan que “TEMOS QUE PARARLLE OS PÉS Á EMPRESA. A VERDADEIRA CAUSA DESTA DECISIÓN É INICIAR O RETROCESO NAS NOSAS CONDICIÓNS LABORAIS. EMPEZAN POLOS CALENDARIOS E, SE NON O PARAMOS E DEMOSTRAMOS QUE SABEMOS DEFENDER OS NOSOS DEREITOS, CONTINUARÁN CO RESTO”. Por eso o comité actúa e chama á mobilización. O martes 30 de Abril convoca paróns de 1 hora nas tres quendas de traballo de mañá, tarde e noite. Os paróns aproveitáronse para facer concentracións diante do Edificio INDITEX. As 21:30 dese mesmo día 30 de abril, tras non ter resposta da empresa e ante esta exhibición de desprezo e abandono, o Comité tomou a decisión de pecharse nas instalacións a partir desa mesma noite e facer pública esta medida de presión en rolda de prensa, convidando “a todos os compañeiros e compañeiras que queiran mostrar connosco o seu desagrado pola maneira de comportarse a empresa” a acompañalos. Collendo por sorpresa á empresa o comité acudiu ao edificio INDITEX. Ante a visita inesperada, accedeu a reunirse co Comité e coa “actitude prepotente de sempre, recoñeceron que a modificación dos calendarios era unha imposición que non ían retirar e fían todo a que a xustiza lles dea a razón. Para máis desprezo, cominaron ao Comité a que reeducara o persoal. Consideran que, no sitio de protestar, deberiamos explicar ao persoal que o peche patronal do 1 de maio era un asunto sen importancia e que todos e todas deberiamos dar as grazas polas condicións que temos. Ao mesmo tempo, e con gran cinismo, recoñecen que non se poden comprometer a que esta sexa a última vez que impoñan un cambio unilateral no calendario”. Tras esta xuntanza chamouse aos traballadores á manifestación do 12 de maio e a paróns de 4 horas na saída de cada quenda, o luns 13 e o martes 14.

Luis contestou ás nosas dúbidas.

 

O tema central do conflito son os calendarios, é dicir os horarios de traballo. Podes explicar aos lectores como funcionan os calendarios no voso centro de traballo? Negócianse ou son potestade da empresa?

O tema principal é o peche patronal do 1 de maio por falta de carga de traballo, xa que as intencións de INDITEX son as de condenar o noso almacén a un paulatino abandono en beneficio doutros.

O peche ten unha consecuencia directa nos calendarios, xa que pretenden obrigarnos a cambiar ese día de traballo, e nós temos uns calendarios anuais estables e inamovibles.

 

Miremos atrás. Decides que vos levou moito tempo establecer os calendarios. Canto tempo e como conseguistes establecelos?

            Fai 20 anos realizamos unha manifestación para a mellora dos calendarios, e desde iso, cada 3 anos acordamos un pacto de empresa onde a mellora dos calendarios é un píar básico nas nosa condicións laborais.

O 1 de maio a empresa decide unilateralmente e con toda prepotencia alterar o calendario pechando o centro de traballo. Inmediatamente argallades dende o comité de empresa unha resposta contundente. Peches, paros, manifestación, asembleas, por algo que a empresa di que non ten a maior importancia. Sen embargo, manifestades que foi a gota que colmou o vaso. Cales foron as causas anteriores para que ese vaso estivera así de cheo?

            O Comité leva tempo reclamando unha carga de traballo suficiente que garanta un futuro estable para o almacén. A Empresa sempre se negou a traer carga de traballo até que o 1 de maio somos o único centro loxístico do grupo INDITEX que pecha, isto é a gota que colmou o vaso. Os demais centros loxísticos facturaron todos.

E porqué este peche patronal do 1 de maio, esta alteración dos calendarios, é tan importante para o comité de empresa? Que se agocha detrás desta modificación do calendario?

            A intención da Empresa nos calendarios é a de apli-car a xornada irregular, infrinxindo o pactado no Acordo de Condicións 2023-2025 ao respecto do calendario laboral.

O éxito da resposta, en canto participación dos traballadores, esta sendo case total, non si?…Pero respecto a resposta da empresa? Como está sendo? Augurades un conflito longo?

            Os paróns secundámolos unha ampla maioría, o 90% os dous días e en tódalas quendas. Esperamos que INDITEX rectifique e nos convoque para resolver o conflito. De persistir a empresa no seu desvarío, convocaremos asembleas para decidir entre todos os pasos a seguir.

Podes dicirnos como está constituído sindicalnente o comité de empresa? E, como son as relacións entre as distintas forzas?

O Comité está conformado por CGT: 8 delegados, CIG: 6 delegados, CC.OO.: 6 delegados e UGT: 3 delegados. A relación entre os sindicatos que conforman o Comité é boa.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *