RECUPERAR A ESENCIA. DEIXARSE DE FANTASÍAS
Vivimos nun tempo insulso, aburrido, inmóbil. Nin tan sequera un xenocidio como o palestino é capaz de facer reaccionar a unha sociedade anestesiada. Incluso moitas das persoas que non toleran este xenocidio e que esfórzanse por denuncialo e poñer o seu gran de area para paralo, están cegas, incapaces de saír do chamado marxinal das súas pequenas e tímidas convocatorias, desconfiando enormemente da esencia humana e solidaria que tantas veces ao longo da historia tense rebelado contra a imposición dos poderosos, da lei e do sistema de propaganda e represión, e resignándose á ineficaz estratexia política, desenrolada ademais dende as marxes endógamicas.
A solidariedade é substancial para nós. Xa non só como un valor humano e social senón como a ferramenta de loita na que se vertebra a acción sindical. Á contra do individualismo que pretende impoñer o capitalismo despoxándonos da esencia social humana, animal ou simplemente de vida que tan ben soubo expoñer Kropotkin, a solidariedade manifestase tanto nas pequenas xuntanzas de cada luns no comité local do SUTSO como nas grandes loitas obreiras. É importante sinalalo, lembrar que a solidariedade non se pode substituír por unha boa campaña nas redes sociais e no mundo virtual. No desaxuste do mundo que padecemos, así como as mobilizacións cualifícanse pola maior ou menor asistencia en vez de pola consecución dos obxectivos, a propaganda, por certo base insubstituíble da estratexia obreira, por si sola, por moi ben feita e retwiteada que sexa, non alcanza os obxectivos senón é difundida na esencia solidaria. Tamén é importante sinalar que as redes sociais é unha apropiación do capitalismo, non só lingüística, do que realmente significan, redes humanas de solidariedade e apoio mutuo, despoxando de solidariedade e de funcionamento en rede ás relacións sociais. Este “detourment”, este desvío, remexería as mentes situacionistas que axitaban aos estudantes do movemento de ocupacións e ao sindicalismo do maio francés.
As redes sociais, certo, teñen bastante que ver co inmobilismo e adormideira actual. Esta apropiación por parte do capital das relacións en rede, confunde a horizontalidade e asemblearismo organizativo co chismorreo e incapacidade decisoria que tanto lle convén ao status quo. Mais tamén é certo que existe a represión, nese sentido pouco ten cambiado dende antes de que existiran as redes sociais, ou dende moito antes, dende calquera tempo ou lugar no que a solidariedade artellase contestación.
O sindicalismo, polo tanto, leva aparellado unha reacción represora. Non deberiamos ser inocentes e pensar que podes exercer acción sindical sen que o empresariado, a lei, a policía, a xustiza, os gobernos e o sistema capitalista, tente eliminarte.
Nos últimos tempos e non só debido á lei mordaza, que por suposto ten moito que ver, a represión chega a límites críticos onde está ameazada a acción sindical. Pasando de longo as causas, cada quen que analice ás súas, deixémolo nun mal sistémico, temos moitos exemplos moi preto de nós.
Lembramos o caso dos compañeiros da CGT de Vigo que foron reprimidos por manifestarse á porta da librería Librouro de Vigo. Un empregado de Librouro que reclamaba certas cantidades que se lle adeudaban e que xa non era posible reclamalas polo xulgado, pois os prazos estaban caducados, decidiu reclamalos pola acción sindical. Estas mobilizacións á porta da empresa, tan comúns na acción sindical, foron motivadas tamén por solidariedade. Había outra empregada á que machacaron laboralmente; presionándoa e humillándoa mentres traballaba para contratar á filla da xerente no seu posto e conseguiron que a antiga traballadora marchase cunha baixa voluntaria ao borde dunha depresión, sen paro nin indemnizacións. O trato a esta traballadora foi o catalizador das mobilizacións. O resultado destas accións sindicais foi que o xerente de Librouro denunciou por coaccións e esixiu unha indemnización de 12.000 euros en concepto de supostas perdas en ventas orixinadas polas protestas visibles e públicas á porta da librería. O Xulgado de Instrucción nº2 de Vigo condenou ao traballador por delitos leves de coaccións e co pago de 760 euros a Librouro por indemnizacións e 400 en concepto de multa.
Sen embargo, as veces, hai outros casos nos que hai esperanza de reverter a situación e de que a sociedade tome nota de como se fan as cousas, da forza da soliodariedade. Sen ir máis lonxe a CGT de Ferrol convocou unha concentración de unidade sindical xunto coa CIG, CCOO e UGT o pasado día 20 de xuño pola derogación da lei mordaza e polo indulto de Xesús Anxo López Pintos, ex secretario comarcal da CIG en Ferrol, condenado a seis meses e un día de prisión por un delito de atentado a axentes da autoridade no curso dunha mobilización no ano 2012. Aínda que a Audiencia Provincial suspendeu a pena imposta, exíxese que se retire por completo a condena.
Mais sobre todo, nos últimos tempos, temos unha loita exemplarmente solidaria. O caso dos 6 da pastelaría La Suiza de Xixón. Un manobra claramente represiva da acción sindical orquestrada polos diversos poderes do sistema para rematar coa acción sindical e contestada coa esencia solidaria. Así CNT, CGT, CCOO, UGT, CSI, LCT e os sindicatos que forman a Intersindical Asturiana camiñan conxuntamente para que estas 6 sindicalistas, da CNT, non entren en prisión por practicar a acción sindical. O sindicalismo non é un delito, é unha conquista e a solidariedade a súa esencia. Que tomen nota os desconfiados.