VII Época - 44

ANARCOSINDICALISMO OU METÁSTASE

Comezamos un novo ciclo na CGT despois da época estival coa grande tarefa dunha folga xeral. Revolvémonos e levantámonos contra a crueldade da inacción de gobernos, capital e parte da sociedade ante un xenocidio. En CGT témolo claro, despois de 11 meses de xenocidio diario o goberno e capitais españois seguen facendo negocios cos asasinos en serie de Israel, seguen negociando e seguen tendo relacións políticas, culturais, deportivas e de toda clase. As institucións internacionais e os distintos estados tamén o fan, e toda declaración, medida ou denuncia deste sistema de gobernanza, local e mundial, é unha enganosa farsa. Realmente, a resistencia do pobo palestino está verificando a inxustiza, inutilidade, engano e caducidade do sistema que padecemos. E isto faino como facía tempo non se destapaba, como facía tempo que o sistema non era capaz de agochalo, de confundir. Sen embargo, si que está sendo capaz de minimizar e controlar a resposta e reacción da sociedade. Sobre todo, a través do control político da protesta.

O 28 de abril, nunha plenaria extraordinaria, a CGT rompeu con ese control político co convencemento, substancial, de que soamente a clase obreira pode cambiar o rumbo, iniciando o proceso de contactos e debate para a consecución dunha folga xeral estatal e internacional o máis unitaria posible contra o xenocidio e o apartheid en Palestina. Dese proceso, que aínda non está rematado, saíu a convocatoria de folga xeral para o vindeiro 27 de setembro.

En todo este proceso e a todos os niveis, topámonos, ademais de coas manobras de control político, cunha confusión xeneralizada e estendida con respecto os xeitos de organizarnos, concordar e actuar. Non é a primeira vez que navegamos entre a dispersión e a confusión, non nos estraña, sospeitamos, máis ben cremos, que é un logro do sistema co que seguir mantendo a desarticulación da protesta. Sen embargo, a medida que se achega o día da folga, a determinación da CGT de convocala, vai poñendo a cada quen no seu sitio e despexando o camiño de atordamento. A vella clase obreira organizada, que a intelligentsia deu por sepultada, está poñendo a súa mellor ferramenta conquistada, a folga xeral, como xeito válido, actual, ambicioso e iluminador para a protesta.

A CGT está a interpelar a todo tipo de organizacións e colectivos non só para dar un paso adiante e elevar a controlada e tímida resposta social ata o conflito aberto cos gobernos, institucións e sistema capitalista que en case un ano seguen sen romper cos asasinos en serie xenocidas e seguen sen aplicar ningún tipo de medida efectiva e incluso colaborando, a CGT está tamén a mostrarlles a esas organizacións e colectivos os puntos de partida para o necesario enfrontamento. Esto faino interpelando a toda a sociedade e a cada persoa para que amose a súa postura ante a barbarie. Humanismo ou barbarie. Sindicalismo ou barbarie.

Si, sindicalismo en vez de confusión, ou mellor dito, anarcosindicalismo. A CGT vai poñer a funcionar toda a súa capacidade sindical, dende a afiliación, as seccións sindicais de cada empresa, os sindicatos, federación locais e de ramo, a axitar a esta sociedade para que desperte do seu sono. Ten que ser así, a través da organización estruturada sindicalmente e con toda a herdanza anarcosindicalista que fai a cada un de nós necesario.

Non o temos doado. Como intuímos, a alienación coa que pouco a pouco váisenos despoxando da nosa esencia humana conseguiu acadar a fase espectacular na que todo o que unha vez foi vivido directamente converteuse nunha mera representación. E como argumentaba Debord a historia da vida social pódese entender como a declinación de ser en ter, e de ter en simplemente parecer. Esta condición na cal a vida social auténtica substituíuse pola súa imaxe representada, é o momento histórico no cal a mercadoría completa a súa colonización da vida social. O espectáculo é a imaxe invertida da sociedade na cal as relacións entre mercadorías suplantaron as relacións entre a xente, en que a identificación pasiva co espectáculo suplanta a actividade xenuína. O espectáculo non é unha colección de imaxes, en cambio, é unha relación social entre a xente que é mediada por imaxes. E se dificilmente podemos escapar da alienación e do espectáculo tamén dificilmente poderémolo facer da metástase, do encadeamento maquinal de todos os procesos, da programación e repetición ao infinito, sen transcendencia, por pura promiscuidade e continuación, por propagación algorítmica e insensata das redes e os softwares. Alí onde deixa de funcionar unha forma vivente, non alienada, como nas metástases canceríxenas as células comezan a proliferar ata producir un perigoso atasco, a perda da esencia orgánica posibilita que un conxunto de células poda manifestar a súa vitalidade asasina, proliferar infinitamente ata acabar coa vida.

Non vai ser esta a primeira ocasión que a propaganda e axitación para chegar a unha folga xeral vai ser confiada principalmente á repetición e proliferación de imaxes e slogans nas redes sociais. Xa pasou naquela que convocou a CGT polo 8M e que un ano despois, se non lembro mal, xusto despois de volverse a celebrar o 8M unha pandemia pasou a gadaña ás súas posibles consecuencias. En fin.

Ademais de loitar coa servidume voluntaria temos que loitar coa incerteza involuntaria utilizando a capacidade sindical, a relación directa, horizontal e asemblearia de toda a afiliación, de todas as seccións sindicais e sindicatos dende o noso posto de traballo e o noso entorno como é substancial e orgánico ao anarcosindicalismo.

Na medida que consigamos poñer en practica esta “ximnasia” poderemos seguir empregándoa, cada vez máis constantemente e con maior efectividade. Somos xente que levamos un mundo novo nos nosos corazóns.

E vainos facer falla. Con todos os elementos para crear a confusión, a incerteza voluntaria e en pleno verán, o 31 de xullo, as corporacións sindicais CCOO e UGT xunto co goberno e a patronal, no que chaman a Mesa de Dialogo Social, colan no Carto Acordo das Pensións privatizar as baixas comúns de orixe traumático a través das mutuas. A metástase da repetición ao infinito, sen transcendencia, por parte do goberno e as corporacións sindicais como defensores da sanidade pública, a metástase de presentarse como a única alternativa viable á privatización vai asasinando pouco a pouco esa sanidade. Desta volta, introducindo unha célula canceríxena moi virulenta e letal, a cesión ás mutuas de baixas comúns. Despois de todo non é estraño que haxa unha confusión xeneralizada. Moitas persoas manifestáronse, saíron a rúa chamados polos partidos políticos do goberno e as corporacións sindicais contra a privatización da sanidade do PP e seus aliados. E posiblemente dentro de pouco tempo a incerteza involuntaria culpará ao PP e seus aliados da introdución desta medida privatizadora.

A cesión vén agromando desde hai dous anos. Pedro Sánchez resumiu a medida brevemente: “O que facemos é aproveitar mellor os recursos das mutuas”. Referíase ao punto 7 do Acordo e o seu obxectivo aparece no texto: “Evitar a prolongación innecesaria dos procesos”. É dicir, acurtar as baixas. Segundo o acordo, os médicos das mutuas poderán diagnosticar, tratar, rehabilitar e intervir cirurxicamente ás persoas traballadoras que sufrisen unha lesión de orixe traumática fora do horario laboral. Para confundir máis o acordo sinala que “require o previo consentimento informado do paciente”, presentándoo así como unha liberdade de elección cando existen unhas condicións desiguais entre hospitais públicos saturados e consultas para médicos de cabeceira sen citas dispoñibles en un mes, e as clínicas e hospitais privados das mutuas desexando xestionar todas as baixas, non só as de orixe traumática tal e como avisou o sindicato vasco, LAB, tras ter acceso a un documento asinado polo exministro de seguridade social, José Luis Escrivá e a patronal das mutuas. Todo un pastel para as mutuas.

Outra gran confusión é a da seguridade no traballo. Aquí en La Campana coincidimos con toda a CGT en sinalar este síntoma da explotación laboral e da vida humana. No primeiro semestre de 2024, producíronse 360 mortes no traballo, 23 máis que no mesmo período de 2023 e practicamente 2 cada día. Como sinala a CGT valenciana, fonte habitual destas páxinas, “É unha tendencia moi grave, que se vén dando durante todo 2024 e que supera os datos alarmantes de anos anteriores”. O maior aumento de mortes no traballo dáse en xornada: 299, por 277 en 2023. Os accidentes de traballo mortais in itinere subiron de 60 a 61.

A industria manufactureira segue liderando a sinistralidade laboral no que respecta a accidentes de traballo con baixa. Rexistrou neste semestre 48.182, moi por diante da construción, 40.561, e o comercio e reparación de vehículos, 35.076.

Con todo, á hora de analizar os accidentes máis graves, os mortais, o triste podio cambia. A construción rexistra a maior mortalidade en xornada, 70 persoas, seguida de transporte e almacenamento, con 60 mortes no traballo. É dicir, a pesar de ser o sétimo sector en accidentes con baixa, a gravidade dos accidentes que se producen nel é moito maior. A industria manufactureira pecha os sectores con máis mortaldade, con 39 persoas falecidas.

Andalucía, Cataluña, Madrid e Comunidade Valenciana son as comunidades autónomas con máis mortes no traballo neste semestre. Cifras que, con todo, van en consonancia co volume de poboación traballadora que teñen estas comunidades e que supoñen que, en realidade, a incidencia relativa sexa menor que noutras autonomías que teñen cifras globais máis baixas. É o caso de Galicia, que, con 26 mortes no traballo, é o terceiro peor territorio se o comparamos coa súa poboación traballadora.

E resulta que os migrantes non morren no mar nin teñen que traballar en condicións deplorables senón que lles dan piso e unha paguita, que existe o dereito a vivenda, que hai que esforzarse no traballo, que a loita sindical está caduca, que temos que renovarnos constantemente… porque existe tanta confusión?

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *