VII Época - 52

A ESCALADA EN SEVERIDADE DO SERVIZO PÚBLICO DE EMPREGO E O DESPREZO POLAS PERSOAS PARADAS

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, anunciou o pasado luns que todas as persoas inscritas no Paro, Servizo Público de Emprego, en Galicia deberán, a partir de agora, asinar un “acordo de actividade” polo que se comprometen a facer unha busca activa de emprego. De non asinar ou incumprir o “acordo” serán borrados do Paro inmediatamente e perderán todos os dereitos na Consellería de Emprego, incluso á prestación no caso que se estea cobrando.

Hai toda unha perversión nesta medida, ademais da propia da palabra “acordo”, no tratamento que a Xunta dispensa a todos os demandantes de emprego cuestionando e eliminando os dereitos que lles corresponden. Por exemplo o de unha prestación derivada de ter traballado asalariadamente e aboado a respectiva cota de desemprego.

Santiago Boquete, subdirector do Servizo Público de Emprego de Galicia, nunhas declaracións na prensa escrita, desvincula os dereitos e servizos derivados da inscrición no Paro e vincula o acceso á orientación, o asesoramento para o autoemprego, a formación para o traballo e a tutorización na procura de emprego a pasar polo aro da sinatura do “acordo” e prometer que realmente estás buscando emprego.

O Conselleiro de Emprego, José González non se cortou en declarar que trátase de “optimizar” os recursos públicos e que só estean nas listas de desemprego “as persoas realmente interesadas en atopar un traballo”.

Con isto, o Goberno de Galicia quere “profundar aínda máis” na determinación da categoría que impulsa o Programa de seguimento intensivo de demandantes de emprego, posto en marcha en xuño 2023.

Este acordo que deberán asinar tanto as persoas que cobran o paro como as que non, é un paso máis no programa de seguimento intensivo da demanda de emprego, que se iniciou en xuño do ano pasado e que incorporou este ano o uso da intelixencia artificial a través da ferramenta EMi.

Desde xuño de 2023, a Xunta xa revisou a través deste programa a situación de 47.579 rexistrados nas listas, dos que 7.071 conseguiron un traballo e outros 10.388 deixaron de ser demandantes de emprego, ao redor dun 22 % do total, unha porcentaxe que pode ser “unha boa mostra”, segundo González, para o total de 122.000 demandantes de emprego que hai en Galicia.

É dicir, reducir cifras de desemprego, eliminar dereitos e desconfiar das persoas pola súa condición de parados. Sinxelamente é algo que non debemos consentir polo que temos que empezar a articular como nos enfrontamos a esta humillación e engano.

Pola súa banda, os recentes datos referidos ao desemprego no estado mostran unha subida do mesmo de 26.769 persoas no mes de outubro segundo o Ministerio de Traballo e Economía Social. Ademais, evidénciase que nos menores de 25 anos o desemprego instálase, afectando a 200.500 mozos. E en canto aos contratos que veñen realizando, os temporais aumentaron un 9’5% con respecto ao 2023, sendo un total de 862.812 contratos deste tipo. Os contratos fixos representan un 43’5%do total. Para o Ministerio de Traballo, co seguidismo das corporacións sindicais, estes datos son “moi positivos”, e argumentárono facendo referencia a que este incremento do número de persoas paradas é “inferior” á media, resaltando que é a cifra “máis baixa” nun mes de outubro desde 2007.

Sen embargo, os datos do terceiro trimestre de 2024 da EPA mostran que a taxa de paro atópase no 11,21%, mentres que o desemprego de longa duración alcanza o 4,17% e o paro entre os mozos o 26,9% sendo, cos últimos datos, a segunda máis elevada de toda a Unión Europea.

Unha das formas laborais nas que se materializa a precariedade é o emprego a tempo parcial, que no último trimestre aumentou desde o 12,5% de 2023 ao 12,8%. Destes contratos o 73,7% corresponde a mulleres.

Doutra banda, o subempleo e o paro de longa duración, coexisten coa realización de millóns de horas extras e xornadas abusivas. Así, no último trimestre realizáronse 4.057.300 horas extraordinarias pagadas (cifra máxima desde 2009), e 2.515.000 horas extras non pagadas á semana, equivalentes a máis de 60.000 postos de traballo a xornada completa. Ademais, a cifra de ocupados que traballaron habitualmente máis de 40 horas á semana (contando segundos e terceiros empregos) é do 11,75%, realizando unha media de 52 horas semanais.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *