VII Época - 57

CONTRA A EXPLOTACIÓN LABORAL, NON HAI OUTRA: ORGANÍZATE E LOITA!

Recén chegou a todos os sindicatos unha pequena guía sobre horas complementarias elaborada polo Gabinete Socioeconómico Confederal. Considero que realmente é unha guía que, entre outras cousas, aborda con acerto a precariedade, que dirixe a atención acertadamente a un aspecto nuclear desta precariedade e que sementa un campo na loita sindical que pode marcar diferenzas e delatar as corporacións sindicais, marcando un camiño, propio e xusto, polo que loitar. A guía ven a fornecer a acción sindical da CGT nos sectores mais precarios e conforma un excelente material de propaganda e formación.

A guía aclara que son e como nos afectan as horas complementarias aos traballadores máis precarios. En primeiro lugar sitúa estas horas no exclusivo marco dos contratos a tempo parcial. Estes contratos son os que o tempo de traballo é inferior á xornada a tempo completo. O contrato a tempo parcial debe especificar o número de horas de traballo ao día, ou ben á semana, ao mes ou ao ano, así como o horario e os días á semana de traballo segundo o previsto no convenio. Só sobre estes contratos poden aplicarse as horas complementarias.

As horas complementarias, comunmente tamén coñecidas como aumento da xornada, non deben confundirse coas horas extras, que só están permitidas nos contratos a tempo completo, excepto as de forza maior. As complementarias, a todos os efectos, como o da cotización, de aí o de “aumento da xornada”, retribúense igual que as horas ordinarias, ou como marque o convenio se establece unha retribución superior, e deben abonarse sempre, sen posibilidade de ser compensadas con tempo de descanso equivalente, como días de vacacións ou de permiso retribuído.

Hai unha estendida costume empresarial de establecer unha bolsa de horas ilegal cos contratos a tempo parcial e o aumento da xornada. Ás empresas interésalles ter ao traballador á súa disposición segundo organicen o traballo, no mellor dos casos, ou como pasa moitas veces que é por capricho ou pola soberbia de premiar ou castigar. Así é común que demanden do traballador xornadas irregulares e ao final de mes facer un axuste sobre as horas do contrato a tempo parcial, aplicando o aumento de xornada coas horas complementarias, se o traballador sobrepasou as horas do contrato, ou quedando a deber o traballador horas senón alcanzou as marcadas polo contrato. Esta práctica ilegal estendese irremediable e impunemente senón hai unha sección sindical organizada e combativa que se propoña pórlle freo.

Estas bolsas de horas, incumpren reiteradamente a regulación sobre as horas complementarias que estipula que a suma da xornada habitual e as horas complementarias, non pode igualar a xornada de traballo a tempo completo, e debe respectar os límites de xornada e descansos, incluíndo descanso entre xornadas, número máximo diario de horas de tempo de traballo efectivo, traballo nocturno e descanso mínimo semanal. Bueno!, calquera afiliado á CGT que haxa tropezado coas horas complementarias na súa vida laboral ou sindical sabe que estes incumprimentos son xeneralizados, sen ser exclusivos desas bolsa de horas ilegais.

Un recurso destacado para a loita das seccións sindicais é a obriga de rexistro pola empresa, diariamente, das horas complementarias, debendo entregar mensualmente unha copia do rexistro ao traballador, incluíndo as horas ordinarias e as complementarias. O número e a retribución das horas complementarias realizadas deberase recoller na nómina e nos documentos de cotización á Seguridade Social. En caso de incumprimento das obrigas de rexistro, o contrato presumirase celebrado a xornada completa, salvo proba en sentido contrario que acredite o carácter parcial dos servizos. Ademais, os e as representantes dos traballadores (comités de empresa, delegadas de persoal e sindicais) teñen dereito a coñecer trimestralmente a realización de horas complementarias polas persoas traballadoras contratadas a tempo parcial, tanto os pactos de horas que se subscriben co contrato como cando se celebran con posterioridade.

Hai que ter en conta que hai dous tipos de horas complementarias, as pactadas e as voluntarias. As horas complementarias pactadas requiren dun pacto por escrito no que a traballadora acepta realizalas e no que se establece o número máximo de horas que a empresa pode esixir. Como traballador ou traballadora podes, teoricamente, negargte a asinar o pacto, pero unha vez asinado, estás obrigado a realizar as horas complementarias que se requiran mentres non superen o máximo pactado. Ollo! No pacto establécese o número máximo de horas que a empresa pode esixir se así o quere, pero en ningún caso está obrigada a solicitalas. Asinar o pacto de horas complementarias non garante que se vaian a traballar esas horas, e polo tanto a cobralas. Como vemos, estas horas complementarias implican unha gran precariedade e inestabilidade, pois obrigan a que esteamos dispoñibles para realizalas, pero non garanten que as vaiamos a facer. Este é outro xeito máis de establecer unha bolsa de horas, esta vez legal, e por tanto legalizar o capricho, a recompensa e o castigo.

De todos xeitos, as horas complementarias pactadas non poden exceder o 30% da xornada ordinaria, ampliable por convenio ata un máximo do 60%. É moi importante coñecer cal é o teu convenio de aplicación para saber cales son os límites vixentes en cada caso concreto. Así, por exemplo, se tes un contrato de 20 horas semanais, non poderás facer máis de 6 horas complementarias pactadas á semana, ampliables por convenio ata 12 horas complementarias. Ademais, como traballadoras, débesenos informar do día e a hora nos que faremos horas complementarias pactadas cun preaviso mínimo de 3 días naturais, a menos que o noso convenio estableza un prazo inferior.

As horas complementarias voluntarias, toda unha perversión do significado de voluntariedade, non requiren dun pacto previo por escrito. Soamente nos contratos a tempo parcial de duración indefinida cunha xornada mínima de 10 horas semanais en cómputo anual, a empresa pode ofrecerche realizalas cando queira e ti podes negarche a facelas e intuír as consecuencias da negativa, o que non poden é sancionarche por iso. Así, estas horas non teñen un prazo de aviso previo mínimo, aínda que si que é necesario que respecten os mesmos límites establecidos para as horas complementarias pactadas.

As horas complementarias voluntarias só poden ofrecerse en contratos parciais indefinidos, e non poden exceder o 15% da xornada ordinaria, ampliable por convenio ata o 30%. Estas horas complementarias non se computan a efectos das porcentaxes de horas complementarias pactadas, o que supón que, en total, é posible facer ata un 45% (30% horas pactadas + 15% horas voluntarias) da xornada adicional en horas complementarias, ampliable por convenio ata o 90% (60% horas pactadas + 30% horas voluntarias). No exemplo anterior, ao contrato de 20 horas + 6 horas complementarias pactadas poderían engadirse 3 horas complementarias voluntarias máis á semana (15%), ampliables por convenio ata 6 horas (30%). Sumadas ás horas complementarias pactadas, a xornada podería ampliarse en total ata en 18 horas semanais, é dicir, o 90% da xornada establecida no convenio.

A emboscada lexislativa para legalizar a explotación está perfectamente amañada. O traballador soamente pode renunciar ao pacto de horas complementarias, cun preaviso de quince días cando cumprise un ano desde o seu inicio, e soamente se é incompatible con necesidades formativas, cun outro contrato a tempo parcial, ou coa atención das responsabilidades familiares contempladas no artigo 37.5 do E.T.. A transgresión das normas e límites legais ou pactados en materia de xornada de traballo en relación ás horas complementarias e o rexistro de xornada, constitúe unha infracción grave, con irrisorias sancións para a empresa que oscilan entre os 751 e os 7.500 euros. Ademais, a empresa está obrigada a pagarche as horas que realizaches como horas extras.

O camiño da loita está aberto para a CGT. Un dos aspectos que na miña opinión debe ser denunciado e o carácter do traballo realizado con estas horas, que como nos contratos temporais, non deberan ser usadas para traballos habituais. Outro elemento a ter en conta é a distribución destas horas equitativamente entre o persoal.

Así, se como explicabamos antes as horas complementarias pactadas legalizan a bolsa de horas nas condicións máis precarias, as voluntarias legalizan o “traballo a destajo”. Unha condición que debera estar erradicada dunha sociedade que pretenda ser de dereito. Para comezar, non hai un organismo estatal, ou un simple programa informático de xestión que por se mesmo, como facenda se non lle cadran as contas, alerte do incumprimento dos límites e regularización destas horas coa obriga de rexistro nos documentos de cotización a seguridade social. É habitual que para realizar horas complementarias sen ningún tipo de pacto escrito previo, non se respecte o carácter indefinido do contrato. É habitual que a empresa non distinga entre horas complementarias pactadas ou voluntarias e que só queira saber de aumento da xornada, para distribuíla como traballo a destajo, e/ou para premiar ou castigar a submisión.

Debido a gran precariedade que sofren os traballadores que vense obrigados a aceptar traballo na figura xurídica da hora complementaria, a loita, como conclúe a guía, debe darse insustituiblemente a través da organización en seccións sindicais para evitar a neutralización da propia loita e a represión se actúas baixo a crenza de que o persoal é político.

 (Fonte: ¿Que son y cómo me afectan? Guía sobre horas Complementarias CGT)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *