VII Época - 61

O SINDICALISMO ABRE O CAMIÑO COA COMPLICIDADE DO POBO. O APARATO DO RÉXIME É INCAPAZ DE OCULTALO

A pancarta co lema “Salvemos la educación pública. Su privatización nuestra ruina” encabezou a concorrida manifestación que percorreu rúas principais de Madrid este último domingo, 23 de febreiro, pola maña. A manifestación foi convocada polo Bloque Asembleario Intersindical, integrado polos sindicatos Co.bas, CGT, CNT, Solidariedade Obreira e STEM, xunto a máis de 20 organizacións da comunidade educativa, unificando as reivindicacións de persoal docente, laboral, alumnado e familias. Entre os colectivos organizadores da manifestación atópanse os movementos de profesores e estudantes pola pública das universidades UCM, UAM UC3M e UAH, a plataforma FP sen prácticas, colectivos de alumnado como Sindicato de Estudantes ou Abrir Brecha, diferentes asociacións de familias e a asemblea de docentes Menos Lectivas, entre outros.

O singular éxito da convocatoria obrigou as corporacións sindicais, CCOO e UGT, así como a vicepresidenta segunda do Goberno e ministra de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz, a ministra de Mocidade e Infancia, Sira Rego, e os grupos Más Madrid e PSOE, entre outros, que, por suposto, atraeron a atención do aparato de prensa do réxime, a acudir a manifestación. Existe nesa comunidade autónoma unha mesa sectorial de educación da que forman parte estas corporacións sindicais, como tamén o CSIF que non acudiu a manifestación “por su marcado carácter político”, aliñándose así co Consejero de Educación, Ciencia e Universidades da Comunidade de Madrid, Emilio Viciana, quen afirmou que “A educación impórtalles cero, só buscan réditos políticos” referíndose aos convocantes nun intento de confundir e desviar a atención. Coa mesma intención, os mesmos medios do aparato de prensa do réxime que subliñan a participación das ministras e partidos políticos do goberno español e opositores no goberno da comunidade autonómica madrileña, resaltan as críticas de uns a outros cun cruce de declaracións durante a maña da manifestación coa mesma seriedade que unha conversa de bar ao día seguinte dun derby futbolero. Así a todo este aparato non oculta as reivindicacións e exhortacións dos convocantes, posiblemente debido ao gran seguimento que tivo a convocatoria. Aínda que por suposto moitas das críticas dos convocantes centráronse na política de ensino da CCAA de Madrid, que como as demais ten transferida a competencia, non se deixou de subliñar o carácter estrutural do abandono da educación pública e a dilección pola concertada, coa responsabilidade do Goberno central, “cómplice de permitir que a educación pública se mercantilize, responsable de que se cedan espazo e recursos a centros privados e concertados, de que se precarize ás traballadoras da educación e de que se criminalize toda protesta” destacaban os convocantes.

Polo reflectido no aparato de prensa e pese ao gran éxito da convocatoria, ata 120.000 asistentes segundo a organización, non semella que nin un nin outros, gobernos e oposicións, vaian mudar as súas políticas. Pero, sen dúbida algunha, ademais do visible desastre no que se atopa o ensino público, a acollida da convocatoria adianta pola dereita ao réxime e as súas corporacións sindicais. Nese sentido, a gran unión conseguida xoga un papel determinante.

Así encarouse un traballo previo de concienciación e chamada a convocatoria con amplitude de miras. Sen ir máis lonxe editouse un panfleto amplamente distribuído chamado “Porque manifestámonos o 23F?” Nel, en primeiro lugar, destacábase que “a falta de recursos, de prazas públicas, a segregación educativa e o empeoramento xeneralizado das condicións laborais do profesorado e do persoal non docente, impide que a sociedade poida gozar dunha educación pública, universal e de calidade que se merece”. En segundo lugar, expoñíanse brevemente as eivas das distintas etapas do ensino. Respecto a etapa de infantil xa se introducen algúns dos males estruturais do ensino público, precarización das condicións laborais, ratios excesivos, desatención a diversidade…. “A Comunidade de Madrid apenas oferta prazas públicas para escolas infantís, o que dificulta o acceso universal nesta etapa. As condicións laborais das docentes en escolas infantís son moi precarias. Ademais, o número de alumnado por aula é superior ao que recolle a lei, o que dificulta a atención ás diferenzas individuais do alumnado e empeora a calidade da educación pública desde as súas primeiras etapas”. Seguindo coa etapa de primaria o panfleto destacaba “O elevado número de alumnos por clase e a carga horaria fai moi difícil que as mestras poidan atender as necesidades da aula. Ademais, as condicións nas que se atopan os centros e a falta de mestras de Pedagoxía Terapéutica e de Audición e Linguaxe non permite educar en calidade” reiterando o empeoramento do ensino co avance do itinerario. Introdúcese tamén, nesta etapa un das principais queixas do profesorado, a imposición dun traballo burocrático en contraposición á falta de recursos “A carga de horas de clase, o aumento do traballo burocrático e as elevadas ratios (alumnos por clase) impide que dediquemos o tempo necesario ao noso alumnado. Ademais a falta de Orientadoras nos centros, PTS, Técnicos dificulta aínda máis que podamos atender á diversidade na aula e impartir unha educación de calidade”. Cando chega ao FP botamos de menos algunha mención ao incremento da posta a disposición do FP ao interese do capital en detrimento do ensino dun oficio e a introdución do empresariado nas cualificacións “Na Comunidade de Madrid cada vez hai menos prazas públicas de Formación Profesional, provocando que só poidan acceder a elas quen pode pagalas en centros privados ou que o alumnado teña que desprazarse moi lonxe para estudar” facendo fincapé soamente na privatización. Finalmente chega a quenda da universidade “A Universidade pública sofre un infrafinanciamento crónico e a privatización e externalización de parte das súas actividades. Isto tradúcese nunha falta de recursos destinados a infraestrutura e funcionamento, menos profesores e altas taxas para o acceso á universidade”.

Nese mesmo traballo previo editouse outra circular dirixida as familias chamando a unidade de acción “A miúdo téntase enfrontar os intereses dos docentes e as familias coma se non perseguisen o mesmo: calidade educativa, mellores condicións para poder ofrecer a mellor atención ao alumnado e traballar cuns recursos que faciliten a aprendizaxe óptima”. Acertadamente, inclúense na octavilla aspectos de xustiza social dirixidos ás familias “A educación pública madrileña, do mesmo xeito que outros servizos públicos, sofre desde hai décadas unha política de recortes e privatización. Se a isto sumámoslle a realidade de Madrid, cos índices de desigualdade máis altos do Estado, a situación faise moi preocupante, polo que necesita unha resposta de todos e todas as madrileñas”. Quizás un dos aspectos principais para contribuír ao éxito de asistencia na manifestación foi a habilidade de darlle este carácter social a partir dunha loita sindical “Dende fai máis dun ano gran parte do profesorado está a se mobilizar para reivindicar unha mellora da calidade do ensino público. Pero chegou o momento de estar unidos e demostrar que é responsabilidade de todos, alumnos, familias, traballadores da comunidade educativa confluír e sumar forzas en defensa da educación pública” co que remata a octavilla.

O Bloque Intersindical, a súa vez emitiu un comunicado previo onde ademais de remarcar o xa exposto facía fincapé nas condicións e reivindicacións laborais “subcontratación desmedida de servizos e figuras laborais; recortes orzamentarios cada vez máis acusados; elevadísimas taxas de temporalidade; previsión de cesamentos masivos de persoal experimentado, inestabilidade e recorte de dereitos laborais, que levan ao límite a situación do persoal”. E prosigue “a inestabilidade laboral xera unha atención sen continuidade ao alumnado. Nas distintas categorías de Persoal Laboral que traballan en Educación (o chamado P.A.S., Persoal de Administración e Servizos), atopamos que, tras máis de 25 anos sen convocatorias de oposición, e realizado o proceso de estabilización, a quen aprobou abócaselles a aceptar postos fixos-descontinuos e por baixo do 70% de xornada, nalgúns casos ao 19% de xornada. Os cesamentos derivados dos chafalleiros procesos de (des)estabilización, causarán un dano invaluable ao alumnado e ás traballadoras/es, algo especialmente grave cando afecta os casos de categorías laborais que prestan servizo ao alumnado de necesidades educativas especiais, necesitado de continuidade nos seus referentes. Atopámonos cunha Comunidade de Madrid que maltrata e infravalora ao seu persoal e á súa poboación máis vulnerable”.

O bloque Intersindical tamén toma distancia coas corporacións sindicais no comunicado “Para remate, o novo Convenio de Persoal Laboral, asinado polos sindicatos maioritarios coa Comunidade de Madrid, contén medidas moi lesivas e vén a precarizar aínda máis o traballo do P.A.S. Ao que se suman problemas como a falta de regulación das funcións nos centros ou a sobrecarga de traballo”. O manifesto desvinculase previamente do desvío de atención e a confusión que como sempre provocan o espectáculo dos partidos políticos e o aparato de prensa e contextualiza o problema sen quedarse na superficie “Os centros presentan graves carencias e problemas, empezando pola segregación socioeconómica do alumnado, habendo un alto grao de racismo institucional e discriminación de estudantes migrantes; favorécense as lóxicas de mercantilización e competitividade entre centros; as ratios desproporcionadas anulan calquera posibilidade dunha correcta atención educativa, máxime cando non se dotan recursos suficientes para facilitar a inclusión de todo o alumnado, especialmente o que ten necesidades de apoio educativo; hai gran escaseza de prazas e prácticas, especialmente en Formación Profesional e Universidades. Mentres, reprímense as protestas do persoal e as familias. E todo isto, mentres convivimos cunha intensa promoción política e económica, con diñeiro público, dos modelos educativos impulsados por intereses e capitais privados: a educación concertada e privada”. Decididamente e con toda a claridade o manifesto aposta pola loita obreira en contra da banalidade política “Demostrando a importancia da unidade de acción do persoal e as organizacións sindicais que apostan por modelos asemblearios,de clase e combativos”.

Pese a quen lle pese, as cuestións expostas son extrapolables a calquera outra comunidade autónoma, se ben en moitas habería que engadirlle as desigualdades e falta de oportunidades do alumnado da zona rural, en parte debido a falta de vertebración do territorio que obriga a desprazar este alumnado cara as cidades cando rematan a ESO, e a falta de opcións de ensino non obrigatorio no rural. Todo enmarcado no abandono do ensino, e outros servizos públicos como a sanidade, coa escusa da pouca poboación. En Galicia, moi especialmente, hai que situar o papel lingüisticamente castelanizante do ensino que provoca a perda da fala galega nunha gran parte do alumnado que chega a escola obrigatoria con esa fala.

O bloque intersindical segue no camiño comenzado e prepara o seguinte paso. “Se a Consejería de Educación non atende as nosas demandas, seguiremos adiante con accións máis grandes, mesmo con folgas máis contundentes das que realizamos ata o de agora”, advertiu ao remate da manifestación Almudena Raboso, integrante de Menos Lectivas e unha das portavoceiras desta xornada. Unha intención que xa estaba anunciada polo Bloque Intersindical “Cara a folga xeral no ensino público madrileño” consigna que remataba o mencionado comunicado do Bloque.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *