CORREOS EN LOITA
Como vimos advertindo nos últimos números de La Campana o Sindicato Federal de Correos está en loita. A primeira xornada desta loita produciuse o mércores pasado, 26 de febreiro, cunha folga xeral en todo o territorio do estado español, tamén en Pontevedra. As 12:00 concentrabámonos diante da oficina pontevedresa da rúa Oliva, a Oficina Principal. Ata alí acudiron, ademais de militantes, traballadores e traballadoras de Correos tanto afiliadas á CGT como non afiliados, un indicador do éxito da folga en canto a seguimento. Aínda que, como sempre, os datos de seguimento da folga varían entre os da empresa e os da CGT, o Sindicato Federal de Correos estimou o seguimento nun 70%. Tamén comprobouse un paro case total en unidades de servizo estratéxicas, como o CTA, o Centro de Tratamento Informatizado, de Compostela que é o centro principal para Galicia no que, ocupando unha gran superficie, Correos realiza a clasificación de cada paquete e carta que logo deben repartir. Neste centro mobilízanse paquetes de ámbito nacional, pero tamén internacional, así como todas as entregas que pasan directamente ás oficinas. Tamén desde este centro xestiónase o correo que se tira ás caixas de correos amarelas que ás veces atopamos na vía pública. Este éxito estratéxico da convocatoria provocou que a xornada de folga afectara a todo o servizo, incluso en días posteriores ou alí onde a folga non foi secundada.
Se ben é certo que a única loita que se perde é a que non se loita, esta loita da CGT contra a dirección de Correos e as corporacións sindicais CCOO, UGT, SL (Sindicato Libre) e CSIF de Correos, amosa a conveniencia de loitar aínda que o sistema de negociación, imposto polo réxime para ir despoxando dos dereitos laborais progresivamente á clase obreira, non deixe posibilidades de éxito, a priori. A priori, porque tanto a dirección de Correos como as corporacións sindicais queren pechar un IV Convenio Colectivo para Correos co Acordo Marco alcanzado entre eles e sen consultar aos traballadores, a pesar de ser un acordo que propón unha revisión de case a totalidade do convenio, modificando as condicións da xornada laboral, das vacacións, retribucións e a clasificación profesional. O devezo é reducir persoal de maneira drástica e flexibilizar as condicións de traballo: proponse a mobilidade funcional, xeográfica, retribucións variables, cambios de quenda, xornadas variables á carta e todo iso sen ruborizo algún por parte dos asinantes do Acordo Marco, que son a maioría na mesa de Negociación do Convenio. Esta mesa está constituída por unha banda de 12 membros da empresa, 5 de CCOO, 3 de UGT, 2 de SL e 1 de CSIF e por outro lado, en solitario, 1 da CGT. A cousa é de alucinar. Durante as reunións da Mesa Negociadora do Convenio en decembro do 2024, a dirección de Correos impón a súa proposta de modificación do Convenio Colectivo, para persoal laboral, e o Acordo Xeral, para funcionariado, a través dun Acordo Marco mediante un ultimato. Ademais no mesmo ultimato, quitase do medio o dereito á negociación colectiva a través da representación sindical e inventase unha Mesa de Seguimento do Acordo, onde só teñen cabida quen asine o Acordo, que substitúe á de Negociación do Convenio, rompendo así, ao seu antollo, os mínimos asumidos e establecidos para manter a paz social e as ferramentas de solucións de conflitos do sistema democrático liberal que padecemos. Ostias!!! Ver para crer!!! As corporacións sindicais, lonxe de non tolerar a ruptura do contrato social, asinan o ultimato o 31 de decembro e con el, preparan o terreo para a sinatura definitiva do Acordo Marco o 15 de marzo deste 2025, a toda présa despois de non renovar durante 10 anos o III Convenio que leva caducado dende 2014. Ademais das medidas legais oportunas pola súa exclusión, CGT pon en marcha un calendario de mobilizacións e loita para frear a avalancha de regresións e agresións do que este 26 de febreiro foi a súa primeira etapa. E como, a única loita que se perde é a que non se loita, o pasado 20 de febreiro a banda da empresa e as corporacións non se atreveu a convocar a Mesa de Seguimento para ver o xeito de implementar o Acordo Marco e viuse obrigada a convocar á Mesa Negociadora do Convenio, tragándose a presencia de CGT. A CGT comprobou ese día que algunhas das corporacións sindicais comezaron a ter dúbidas sobre se asinar ou non o Acordo Marco definitivamente o 15 de marzo. Se hai dúbidas é porque “o persoal está esixindo que rendan contas” manifestou o Sindicato Federal de Correos que engade “Non é CGT, é a mobilización dos traballadores, CGT é a ferramenta e os traballadores son a forza e temos que seguir ese camiño” advertindo as corporacións sindicais.
Así as cousas, non só en Pontevedra houbo mobilizacións, tamén as houbo en Ferrol, diante da Oficina Principal e en Coruña cunha concorrida manifestación que saíu do obelisco. De feito, o Sindicato Federal publicou, con anterioridade ao 26 de febreiro, unha ampla listaxe de concentracións e manifestacións por todo o estado que quedouse curta pois houbo moitas máis das que se conseguiron recompilar nesa listaxe. O propio Sindicato Federal declarou a súa “ampla satisfacción polo seguimento da folga. Houbo numerosas concentracións en toda España e miles de traballadores expresaron a súa rotunda oposición ao Acordo Marco”, na valoración da xornada de folga do 26 de febreiro, e recalcou “este é un éxito dos traballadores que son os que teñen a forza”. Os datos de seguimento confirman que “as mobilizacións foron as maiores en correos en 30 anos”. Nunha octavilla moi reconfortante o Sindicato Federal di que “o éxito das folgas pódese medir por moitos factores: a porcentaxe de participación, o número de persoas participantes nas manifestacións, a capacidade para influír no obxectivo da convocatoria, a credibilidade cara as organizacións convocantes, o co-ñecemento dos par-ticipantes do problema polo que realizan a folga, a indignación ante os que din ser os seus representantes, a cantidade de persoas as que apertas feliz de volver a atopalas de novo loitando, a cantidade de compañeiros cos que vas á folga ou a manifestación, o orgullo de loitar polo que cres xusto e tentar facer o posible para defendelo, o saber que estas facendo o correcto ou que non te deixaron outra opción” para rematar cun “En CGT consideramos que a mobilización dos tra-balladores cumpriu, alo menos, a maioría destes obxectivos”.
Tanto é así que nun movemento un tanto grotesco e sucio, a CIG xunto con ELA, ESK e LAB convocou algunhas concentracións o propio 26 de febreiro baixo a consigna de “unión sindical Euskadi-Galiza en correos contra o Acordo Marco”. Ademais de, como sempre fai o entorno político da CIG, autoproclamarse como o pobo galego por moi minoritaria ou escasa que sexa a cantidade de galegas que conseguen concentrar, neste caso uns poucos liberados en Compostela, tentaron desastrosamente sacar rédito á convocatoria de CGT. Desgrazadamente, outros que se afunden no lodo. Agardemos que recapaciten e non convoquen máis contra-folgas e se realmente están en contra do Acordo Marco, únanse á loita.
Ao contrario destas manobras, as pretensións e estratexia de CGT non están ocultas e son expostas sen medos nen artificios. Xa que son os traballadores os que posúen a forza, chamar aos traballadores para que coa loita freen o Acordo Marco. Pero non só iso, como apercibía o panfleto repartido na concentración en Pontevedra “Estamos nun momento fundamental, a negociación do convenio está aberta e o persoal de Correos temos que dicir alto e claro que necesitamos mellorar as nosas condicións laborais e que nós non podemos pagar as súas crises. É o momento de recuperar dereitos! E ninguén nos vai regalar nada, toca loitar!”. Toda unha ofensiva á liña de flotación da banda empresarial coas corporacións sindicais que nestes momentos está ameazada. De momento a ofensiva vai seguir entre o 5 e 13 de marzo con folgas zonais e o 14 de Marzo con unha folga xeral en todo o estado co obxectivo de que o 15 de marzo o Acordo Marco decaia. Despois, o asalto por un convenio favorable por e para a clase obreira de Correos.


