ENTREVISTA DO SUTSO CO DELEGADO PROVINCIAL DE EMPREGO
O pasado xoves 20 de marzo, unha delegación do SUTSO CGT de Pontevedra, acudiamos, en cumprimento do acordo plenario da CGT de Galicia, a unha entrevista, tras ser solicitada, co delegado provincial para Pontevedra da Consellería de Emprego da Xunta de Galicia. O tema a tratar era a aplicación por esta Consellería da nova lei de emprego 3/2023. En concreto da aplicación do “acordo de actividade”. Como vimos denunciando en La Campana, este “acordo” consiste nun ultimato que ten que asinar obrigatoriamente o traballador en situación de paro no mesmo momento en que solicita na oficina de emprego a súa alta como demandante de emprego. O ultimato é condición necesaria para ser dado de alta e para acceder a calquera tipo de prestación, subsidio ou outras rendas, non pudendo, así, o traballador negarse a súa sinatura pese a que se considere este “acordo”, a efectos legais, como voluntariamente aceptado. O redactado do ultimato ven ditado polo modelo publicado no BOE núm 302, de 16 de decembro cunha Resolución do 5 de decembro de 2024 na que se establece o modelo para a formalización do “acordo de actividade”. Como confirmouse na entrevista, a Xunta de Galicia implementou a medida uns días despois, sendo así pioneira no desenrolo deste aspecto da nova Lei de Emprego.
Fomos recibidos tanto polo delegado Provincial, como por dúas xefas, coordinadoras creo lembrar que se titularon, das oficinas de emprego. Unha da zoa norte da provincia, outra da sur da provincia. Estas dúas mulleres foron as que levaron o peso da entrevista. A primeira aclaración foi que a Consellería está a aplicar unha lei de emprego estatal, a 3/2023 do 28 de febreiro, desenrolada polo R.D. 438/2024, de 30 de Abril. Ademais, reafirmando esa primeira responsabilidade do goberno central, indicamos que tamén o modelo do “acordo de actividade” foi ditado dende o ministerio, expresando así o noso acordo con esa circunstancia. Sen embargo, amosamos o noso malestar coa implantación pioneira por parte da Xunta de Galicia. Recoñecendo, as coordinadoras e delegado, que outras CC.AA. non están a aplicar o ultimato. Inmediatamente as coordinadoras tentaron explicarnos que a intención da Xunta de Galicia non é a de sancionar, senón a de cumprir a lei e dar un mellor servizo ao demandante de emprego. No transcurso da conversa, na que insistían sobre as súas intencións, nomearon en repetidas ocasións á “xente que non quería traballar”, e a utilidade de localizalos e segregalos dos demandantes de emprego. Pola nosa parte manifestamos o noso desacordo coa lei e co seu desenrolo e aplicación, baseándonos en dous aspectos, a imposición de medidas coa obrigatoriedade de ter que ser aceptadas como voluntarias polo traballador en paro, e, en segundo lugar, o carácter sancionador da lei.
A sinatura do ultimato implica unha serie de obrigas, ou como di o ultimato, compromisos. O traballador en paro adquire o compromiso, voluntario imposto obrigatoriamente, a participar activamente, a cumprir coas obrigas inherentes e asumir os demais compromisos previstos pola lei e o Real Decreto. Entre outros, cumprir coa carga lectiva de formación, someténdose a avaliacións, tamén a manter unha actitude activa e á aceptación dunha colocación axeitada. Quixeron adoutrinarnos sobre a clara delimitación e definición que a lei establecía para a colocación axeitada, sendo esta unha colocación de carácter indefinida e a xornada completa no contrato. Advertimos entón, de que a lei tamén contemplaba a temporalidade e a parcialidade dos contratos, como no caso do de substitución, como colocación axeitada. Recoñeceron entón, que había máis tipos de temporalidade e parcialidade, aceptados como colocación axeitada, que os contratos de substitución.
O ultimato tamén establece unha serie de compromisos por parte do Servizo Público de Emprego de Galicia. A propia lei e o desenrolo que fai o Decreto, utilizando sempre esa torticeira imposición da voluntariedade da persoa traballadora, marca uns prazos para chegar a un itinerario personalizado a partir da solicitude do servizo de orientación. Ao preguntar sobre si esta solicitude ao servizo de orientación era potestade do traballador en paro, déronnos unha resposta un tanto enrevesada para acabar recoñecendo que non. O prazo para a elaboración do itinerario personalizado pode ser de catro meses e pasa polas seguintes etapas. Primeiro, a elaboración dun perfil individualizado tras unha avaliación individualizada, segundo a asignación dun titor para finalmente chegar a ese Itinerario ou plan personalizado que debe conter alo menos un plan formativo, unha identificación de alternativas laborais de emprendemento e unha identificación de accións de busca de emprego. O titor controlará e fiscalizará o cumprimento do itinerario. En caso de incumprimento se considerará incumprido o Acordo de Actividade, consecuentemente procederase a suspensión da prestación ou subsidio e da condición de demandante de emprego. Advertimos, e mostrámonos contrarios a este proceso, de carácter obrigatorio e sancionador, tal e como percibimos e que sen dúbida percibiran as persoas que o sufran. En este punto dixéronnos que polo de agora non están aplicando este proceso e que é posible que a lei se “dilúa”. Así o expresaron. Fixémoslles notar que para implementar o proceso facían falta moitos orientadores e contestáronnos que xa tiñan convocadas 50 ou 60 prazas.
Finalmente apuntamos que a lei abre a porta a externalizar o servizo de orientación ás Axencias de Colocación, ás ETTs, e preguntamos se a Consellería tiña avanzado neste aspecto. Aínda que sabíamos a priori de que si realmente tiñan algo avanzado non nos ian adiantar nada, estiveron de acordo coa nosa lectura da lei, e negaron calquera actuación nese sentido.