VII Época - 67

ALTRILIXO 2025, UNHA ARTE QUE PAGA A PENA

É o noso desexo que todas as persoas que colaboran e expoñen se sintan cómodas e que o seu paso polo ALTRILixo2025 sexa agradable e gozoso. Porque as cousas tamén se poden facer así; entre moitas, onde cada unha achega o que saiba e poida e sen máis interese que participar nunha convocatoria de arte aberta, ecoloxista e colectiva”

Colectivo ArteLixo

Este pequeno certame que se celebrou en Redondela entre o 4 e 12 de Abril, o ArteLixo que para esta edición de 2025 mudou o seu nome a ALTRILixo, sorprende polas súas características levando a unión de arte e ecoloxismo a un terreo libérrimo. Só existe unha norma, as obras teñen que estar feitas de material de refugallo, que ninguén vixía que sexa cumprida. O Colectivo non ten unha identidade, nen a busca, non está rexistrado en ningún rexistro municipal ni de asociacións ni de ningún tipo e non ten relación con ningún banco. O escasísimo diñeiro que move provén do apoio mutuo, sendo capaz de realizar distintos eventos ou producións deste xeito. Actualmente conta co apoio do goberno municipal que colabora con medios e traballos máis que economicamente ou activamente. Aínda que esta colaboración sexa cuestionable, non supón ningún tipo de atadura, pois esta situación non é permanente. O ArteLixo está afeito a ter unha maior ou menor colaboración ou obstrución, segundo como se mire, dependendo do partido que goberne, pero ningún atreveuse a ignoralo por moito que quixera.

O colectivo organizador do evento é variable e informal, sen embargo é depositario dun coñecemento e recoñecemento, da confianza e do apoio popular que o fai posible. Non existen cargos nin especialidades dentro do colectivo organizador adicándose cada quen a labor coa que máis goce e sempre tentando facer un oco ou incorporando novas ocupacións acordes as inquedanzas das persoas que o conforman en cada momento. As tarefas máis rutineiras ou menos gratificantes son asumidas colectivamente conforme as dispoñibilidades individuais. Estas tarefas fóronse simplificando e incluso eliminando ao longo das edicións ao mostrarse innecesarias.

Aínda que en cada edición o colectivo organizador esforzase en ofrecer un catálogo das obras sinalizándoas nun rueiro, ano tras ano aparecen obras polas rúas, prazas e incluso escaparates de Redondela das que non ten constancia algunha. Esto non supón ningún problema e sempre é desexable se así o quere o artista. Por outra banda colexios, colectivos e entidades sociais ademais de artistas, sobre todo locais e da contorna, aínda que os hai de fóra de Galicia, inscríbense no certame. Nesta edición houbo 90 inscricións, moitas delas colectivas, que xunto coas anónimas roldan as 100 obras.

Deste xeito, durante uns días, un gran colectivo indefinido, anónimo sen pretensións e formado por todas aquelas persoas que dun xeito ou outro participan ou colaboran no ArteLixo inunda Redondela de arte despoxado da mercancía. E isto é importante e escaso, descosificar a arte e recuperar o seu valor humano, comprender a arte como unha necesidade humana e estética para o goce. Pese a esta radicalidade, destaca a variedade de participantes, temáticas, materiais, etc…, a mostra ten o seu lado amable. A pesares da esencia efémera das obras, nas primeiras edicións chegouse a queimar as obras ao concluír o certame, a organización ten indultado obras no pasado e dende fai xa un par de edicións hai obras autoindultadas nunha curiosa, colectiva e espontánea evolución.

Con estas características, con este acollemento e participación, resúltame difícil atopar, seguro que o hai, algo similar, cando menos aquí en Galicia. Sen embargo a súa difusión e interese limítase practicamente a Redondela. Aínda que hai algúns medios de prensa que todos os anos son fieis ao ArteLixo, os chamados alternativos ou incluso libres non logran entender a beleza deste certame. É algo contraditorio que nin tan sequera se molesten en facerse eco dunha pequena nota de prensa, mentres cobren outros eventos onde exclusivamente ofertase mercancía ou outros, que aínda que conservan certos residuos da estética da vida, teñen un carácter marcadamente endogámico ou marxinal.

Nesta ocasión o colectivo organizador non tivo dúbida en propoñer, coma sempre cunha profunda natureza reivindicativa, a reflexión sobre a macrocelulosa ALTRI. Como todos os anos apareceron obras con todo tipo de temáticas, motivos ou reivindicacións atendendo a idiosincrasia libre da mostra, pero Redondela desbordou de rexeitamento a ALTRI. Curiosamente, só soubo miralo a Cadena Ser que nun titular do seu programa La Ventana Metropolitana de Radio Vigo proclamaba que “Redondela se transforma en el epicentro de la protesta artística contra Altri”.

A que si tivo visión foi a Consellería de Educación da Xunta de Galicia. O luns 7 de abril chegou o rumor ao colectivo organizador de que a Consellería estaba reñindo aos coles por participar no ALTRILixo. O mesmo luns pola mañá o rumor foi confirmado polo profesorado ao Colectivo ArteLixo. Dos 15 coles e institutos, incluída a educación infantil existentes en Redondela, 12 participaban nesta edición do ALTRIlixo xunto a algún máis da contorna. Nos días seguintes comezaron a correr mensaxes que denunciaban as represalias. CCOO e UGT denunciaron publicamente “coaccións encubertas”. O xoves 10, a Federación de ANPAS de Redondela emitía un comunicado onde consideraba “totalmente desproporcionado e inadmisible o feito de que desde Dirección Territorial se solicitase á Inspección que cursase unha petición formal de información aos equipos directivos”. O Concello de Redondela sumouse tamén a estas críticas e esixe á Consellería de Educación “o cese deste tipo de presións impropias dun sistema democrático”. Pola súa banda o BNG anuncia que levará o acontecido ao Parlamento de Galicia. O colectivo ArteLixo respondendo as preguntas de Radio Redondela explica que “O ArteLixo propón todos os anos un debate, unha reflexión, un análise dende unha perspectiva ecoloxista. Esto pode ser polémico xa que outras visións como a económica, a política etc., quedan desprazadas… Esto pode preocupar os intereses de alguén. Preocupou ao xefe territorial da Consellería de educación, César Ares, este ex-parlamentario do PP que ostenta o cargo de xefe territorial de educación dun xeito, ao parecer, vitalicio e que xa nos ten acostumados a estes abusos de poder. Nada novo na súa liña habitual… Sen embargo, direccións e profesorado non se deixaron amedrantar. Esta é unha actitude que nos enche de confianza na calidade do presente da educación pública”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *