VII Época - 75

TRAMPAS, RUINDADES E FANTASMAS

A crise dos dereitos sociais e do sistema democrático segue afundindo a esperanza e confianza da clase traballadora que algún día creu na xustiza e a igualdade das leis ditadas por gobernos seleccionados entre partidos políticos, mediante o sufraxio universal. Esta crise non é exclusividade de EEUU, como se promulga dende que Trump gañou por segunda vez unhas eleccións libres, nin tampouco de Israel, a única democracia da rexión. A crise dos valores ou do estado de dereito, do que se gaban os gobernos, é manifesta en todo occidente, ou norte global, ou primeiro mundo, ou como se lle chame a eses estados nación que explotan á súa clase obreira e á de outros estados, que esquilman igualmente os recursos para aumentar os beneficios dunhas compañías de negocios que están por encima deses estados. España, españa… e todas as súas nacionalidades tamén están por baixo, por moito que Marcial Dorado ou Amancio Ortega miren polos seus.

Un dos exemplos máis ferintes, no que a unión dos poderes democráticos, lexislativo e xudicial co, para nada depreciable, poder policial, serven ao interese da acumulación de diñeiro é o das “6 da Suiza”. O titular do Xulgado do Penal 1 de Xixón, Lino Rubio Mayo, denegou a petición das defensas para evitar que se execute a condena de tres anos e medio de prisión que se lles impuxo, corroborada pola máis alta xustiza española, o tribunal supremo. Castíganlles por un falso “delito continuado de coaccións graves” e por un “delito contra a administración de xustiza”. O xuíz desestimou a suspensión da pena de prisión. Lembraredes que o delito foi unhas accións de protesta contra o acoso empresarial a unha traballadora embarazada, todas coa correspondente notificación legal para realizalas e totalmente pacíficas. O maxistrado sostén que os propietarios se viron abocados ao peche do negocio pola campaña de loita, criminilizando deste xeito a acción sindical lexítima, tradicional e legal. Ademais minte sen vergoña, pois o local xa estaba en proceso de venda con anterioridade ás protestas. Cun ruín despotismo, o xulgado nega tamén a posibilidade de pagar as fianzas impostas ao sindicato CNT, porque cre que iso non é unha mostra de “arrepentimento” das persoas condenadas, que deberían pagar de maneira individualizada.

O despotismo ruín da lei mordaza tamén alcanzou a tres traballadores de Airbus Puerto Real que están sendo procesados. O fiscal solicita para cada un deles 3 anos e medio de prisión e 6.500 euros de multa, o que suma un total de 10,5 anos de cárcere e case 20.000 euros en sancións, ademais dunha indemnización conxunta de 53.000 euros, por uns supostos danos na estrada durante a manifestación do 14 de abril de 2021 contra o peche da planta. Ningún dos tres tivo relación cos danos que se lles imputan. O importante é criminalizar a protesta lexítima da clase traballadora e intimidar a quen defende os seus dereitos. O seu único “delito” foi participar nunha manifestación na que tamén estiveron presentes miles de persoas de Airbus e de toda a provincia de Cádiz. O próximo mércores 18 de xuño é o xuízo contra eles. Ademais de unha concentración no xulgado do penal de Cádiz, CGT creou unha Caixa de Resistencia destinada a cubrir as multas e indemnizacións que tivesen que asumir os compañeiros acusados. Os datos para colaborar na caixa de resistencia son:

Titular: CGT Metal Cádiz

IBAN: ES65 0081 0340 5200 0231 3533

Concepto: Caixa resistencia As 3 de Airbus Puerto Real

Lamentablemente, tamén vemos como persoas que semellan ter sensibilidade e capacidade de análise préstanse á ruindade. O mércores pasado, 11 de xuño, acudimos dous compañeiros da CGT de Pontevedra a unha xuntanza, por ser invitado o sindicato, explicativa da presunta mobilización nacional, enténdase por nacional españa, convocada por parar la guerra. E digo presunta porque consta que incharon as convocatorias, en Redondela pese a estar convocada, como unha das moitas convocatorias fantasmas que fixeron, non apareceu ninguén polo lugar e hora da convocatoria. Hai que ser ruín para apropiarse da solidariedade que amosa o pobo de Redondela coa resistencia e o pobo palestino todos os luns ininterrompidamente dende novembro de 2023. As explicacións que nos deron na reunión foron toda unha cortina de fume coa intención de despistar á opinión pública chamando a unidade de acción para pedirlle a dios, como din na canción protagonista das concentracións do sábado, “sólo le pido a dios”, que remate co xenocidio, que permita a entrada de axuda humanitaria e o fin do terrorismo e a entrega dos reféns. Eses eran os tres obxectivos que se marcaron. A paz que desexa Israel. Pero nada, por moito que lles digas que así non pode haber unidade, que non se pode igualar xenocidio e resistencia ou lles pidas que teñan un pouco de empatía co sufrimento do pobo palestino e non lle chamen terroristas, empénanse en lavarlle a cara ao sistema político actual para desenterralo de embaixo os escombros de Gaza. Só lles queda pedirlle a deus porque calquera reclamación concreta, segundo o seu discurso, dividiría á cidadanía demócrata, aínda que en realidade calquera reclamación concreta estea sinalando a complicidade das democracias occidentais coa democracia israelí outorgándolle a impunidade, as armas, a economía e todo tipo de relacións… en fin… chamaron matices a idea básica de respectar a resistencia do pobo palestino nos slogans, cartaces e os 3 obxectivos que manifestaron. A democracia e a progresía achegándose ao fascismo para sobrevivir e manterse dentro dunha sociedade á que decepcionan.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *