NON VAI HABER UN EXÉRCITO MÁIS PODEROSO QUE A SOCIEDADE CIVIL ORGANIZADA
Conversa con San, a representante de Galiza na Flotilla Sumud Global
Mentras que resposta as nosas preguntas, San confésanos “de verdade que isto é esgotador. Non sería mariñeira nunca, e iso que son de terra de mar”. Mentras ela pon o seu corpo, o noso corazón e a nosa esperanza navega nesa flotilla porque, como moitos recoñecemos, o importante non é a flotilla, o importante é Palestina, do seu futuro depende a humanidade, do seu fin, o fin da humanidade, da súa liberdade, a nosa.
Agora a flotilla está ancorada en Tunes, repoñendo forzas ao mesmo tempo que se vos xuntan máis barcos. Confeso que non agardaba que vos atacaran mentres parabades en porto e ademais invadindo a soberanía do estado que vos alberga. Como viviches que vos mandaran eses dous pepinazos?
Como un acto mais da soberbia dun ditador. Non tolera que se lle cuestione. A flotilla recolle o sentir da sociedade civil mundial contra a barbarie que Israel e, no seu nome, Netanyahu, está a cometer co holocausto do pobo palestino, polo tanto a súa reacción, tal e como anunciou, é a de acabar con nós como o está a facer con Palestina.
Esperábamos un ataque, sí, pero nin tan pronto nin tan descarado.
Viviuse en xeral como unha exhibición de poder dun criminal que se considera (e é até o de agora), inmune e impune. Como unha orde de desistir da misión. Como un arma de guerra tamén: sementa medo e colleitarás división. Polo de agora surtíu o efecto contrario.
Se non lembro mal, chegastes a Tunes en pleno eclipse, coa lúa vermella… Como vos está recibindo aí a xente? E as autoridades tunesinas?
De verdade que eu estou absolutamente impresionada. Tampouco teño tanto mundo, non sei como se move o mundo árabe, si que estiven en Exipto… pero é impresionante. Autoconvocanse en minutos. Cando foron os pepinazos, aos 10 minutos estaban coches, taxis, autobuses… indo para o porto onde foran os pepinazos. Os dous días!. E mantivéronse alí horas e horas e horas, berrando, apoiando. É impresionante o apoio de Tunes!… nos bares párante a saudarte, a darte as gracias, a invitarte a cousas. É impresionante, impresionante a solidariedade de Tunes con Palestina.
É brutal, e a institucional tamén. Na praza do porto onde estamos hai un mapa de Palestina, ou sexa, é un monumento, e é o mapa de Palestina. Aquí Palestina é un tema sobre o que non hai dúbidas, é a unión de todos os colectivos tunesinos, aí está claro. Logo, eu creo que está o problema da presión que están recibindo. Sobre todo despois dos pepinazos. Foron en barcos fondeados, non atracados, supoño que ese foi o límite de cuestionar a soberanía de Tunes, que non o fixeron en barcos que estaban atracados en porto, senón que estaban fondeados no Porto, como para ter esa certa…, ese certo baleiro legal. Pero bueno, institucionalmente, o apoio das autoridades tunesinas, ao principio foi total e despois todo eran trabas, de repente convertémonos nunha pataca quente. Obvio, o porto onde estabamos, Port Sidi Bou Said, estaba ao lado da casa do primeiro ministro. Primeiro, recibíronnos estupendamente e todo foron trámites sinxelos, despois era…, por favor que saísemos de alí como fose. Normal, nin pepinazos, nin moito menos ao lado da casa do ministro. Pero bueno, hai apoio e enfrontamento a Israel, aínda que sexa de baixa intensidade, sí que hai porque a flotilla estamos aquí. Ben é certo que, dende que foron os pepinazos non queren que esteamos aquí, pero, quen querería? Agora mesmo, non nos quere ninguén.
E en Barcelona como foi o trato coas autoridades?
En Barcelona o trato con autoridades tamén foi moi sinxelo. Sí que houbo un certo apoio, non expreso, pero sí tácito, de non poñer trabas, non estar mirando barco por barco, que eso si o están facendo agora en Tunes para saír, sino que bueno, pois simplemente intercambio de documentación. Houbo solidariedade, pero non de apoio expreso. Pero si, si houbo apoio, o certo é que o houbo.
Aquí en Galiza, organizouse unha boa pola partida da flotilla. En Pontevedra foi a manifestación máis numerosa en solidariedade con Palestina dos últimos anos. Sen embargo, sei de certo sabor agridoce nalgúns compas que non foron seleccionados para embarcar, pero que de inmediato seguiron a loita enfrontándose á policía e ao paso de “la vuelta” por Galiza. Chegouvos o subidón que foi para nós conseguir boicotear a Israel e os seus cómplices deportivos?
Pois si, viuse por toda a flotilla. Porque claro, todo o mundo íamos compartindo, a xente de Euskadi compartía o de Bilbao, a xente de Cataluña o de Olot, e cando me tocou a min, vamos! Na flotilla sentímolo como unha parte da nosa loita. Unha flota de xente no estado que corría en paralelo. Viviuse como un triunfo propio, foi alucinante. A min, vamos!, felicitábanme como se fora eu a que serrara o eucalipto. Todo o mundo aquí quere camisetas da motoserra. Viviuse como un triunfo contra o sionismo.
Si claro, a motoserra é un arma cargada de futuro!… Agora que estades a punto de volver a levantar áncoras. Cal é o teu ánimo? E o da Flotilla en xeral?
Esta é unha boa pregunta! Cando foron os pepinazos, cando foron as trabas que comezaron a poñer en Tunes, as propias trabas dos barcos… Porque no momento en que comezou a travesía comezaron os problemas de barcos. Porque moitos eran vellos, o Sirius era un barco museo, outro acabara de mercar un motor e estaba sen probar… todos os problemas… De Barcelona a Menorca xa saíron un montón, pero de Menorca a Tunes houbo barcos que tiveron que ser remolcados, que agora xa están arranxados… pezas europeas que logo non atopas en outros portos. Hai un montón de trabas, o estado do mar, os mareos da xente… hai un montón de trabas que non podes prever, que só podes prever que é fácil que pasen! E cando están pasando, pois son un problema xigante, logo cando xa se solucionaron dis, hostia!, parece que imos como tocaos por… por unha luz… que vanse solucionando cousas que ao principio dis, isto acabouse, e non.
Si é certo que hai varios barcos que acabaron, isto tamén é verdade, hai barcos que xa sabemos que non poden chegar e menos segundo vaise achegando o outono, porque o mar vaise poñendo peor, entón hai barcos que non poden ser máis pequenos que as ondas ás que nos imos enfrontar.
Despois hai frustración, de feito unha parte da flotilla tívose que quedar en terra e é moi doloroso. E esa outra parte da flotilla que non se quedou en terra, pero si o seu barco, houbo de ser recolocada. Isto significa que imos un pouco superpoboados… Iso son problemas de convivencia, problemas de hixiene, problemas de abastecemento. Pero co ánimo, ou sexa, temos claro, queremos ir a Gaza. Se nós estamos pasando penurias desde o absoluto privilexio, que significa estar nunha cidade arrasada? É que, eso faite tirar para adiante, e dicir, pois si nós estamos aquí pasándoo mal con nada…temos que chegar alí para que acaben co bloqueo. O bloqueo mata, mata máis que unha bala.
Ademais do seu gran significado político e humanitario a flotilla desborda beleza rebelde, enfrontarse a un exército cruel e asasino, nestes momentos o máis depravado do mundo, sen ningún tipo de protección nin de armas, soamente coa vida e a determinación. Porqué tes a determinación e a coraxe para embarcarte?
A determinación vén de que realmente estamos nun punto de inflexión. Se o mundo asiste a un xenocidio, a un bloqueo infernal, peor aínda que o xenocidio militar, que é matar a xente de fame, de enfermidades, de pena, deixar una cidade inhabitable ao mesmo tempo que están bloqueadas as vías de escape… E que é de tal magnitude a crueldade que si isto triunfa, se permitimos que isto pase sen facer nada, a humanidade perde, perde o significado, perde a capacidade de poder chamarse humanidade. Eso é o que temos claro todo o mundo aquí, que estamos no sitio onde hai que estar porque se isto continúa e acaba, perdemos todas. O mundo cambia, e nese mundo que quere o sionismo non queremos estar.
O risco é algo no que pensamos todas as que estamos na flotilla, e despois dos pepinazos máis, pero é que antes de estes dous pepinazos foi o Madleen, foi o secuestro do Handala, foron outras flotillas que foron atacadas, e seguiu habendo flotillas. Pero é que… , agora con máis razón, no mundo que quere deixar o sionismo, e o fascismo en xeral, non queremos vivir, pero queremos vivir.
As novas que chegan de Palestina son terribles. Israel intensifica a matanza en Gaza e prepara a anexión de Cisxordania mentres o dereito internacional e humanitario segue enterrado baixo os entullos en Gaza. O 18 de setembro remata o prazo da Asemblea Xeral das Nacións Unidas para que Israel puxera fin á súa presenza ilegal nos territorios ocupados e que cumprira coas medidas provisionais ditadas pola Corte Internacional de Xustiza no caso de xenocidio. Existe un chamado internacional das ONG’s palestinas onde incorporan a demanda, entre outras, á Asemblea Xeral de Nacións Unidas do despregue en Palestina dunha forza multinacional de protección. A min esta demanda éncheme de dúbidas. Que pensas ti?
Non vai haber un exército mais poderoso que a sociedade civil organizada. Un mundo está falando, o mundo enteiro está falando de Palestina. A sociedade civil é un exército tamén. Entón, que exército da ONU? A ONU chega tarde a todo. Da ONU saíu a orixe do problema. Non actuou en 1948, e cando actuou, foi para delimitar unhas fronteiras dun estado que non tiña dereito, en ningún caso, a ocupar a outro, nin sequera que fose minimamente. Como diría Audre Lorde, as ferramentas do amo non serven para desmontar a casa do amo. Xa está!, a ONU non nos vai a sacar desta!. Imos ser nós, a sociedade organizada. Somos un exército, un exército de almas. Eso é o que penso, non esperar pola ONU, non estamos esperando, non podemos, non debemos.
