A ESTRATEXIA EMPRESARIAL DA BANALIDADE
O sector do Contact Center segue desvelando as novidades que aplica a patronal para darlle unha volta máis a explotación laboral, pero tamén atrancándolles as pretensións. Nese sentido, o sindicalismo nos Contact Center é unha vangarda á que debemos prestar atención para previr o que nos ven encima. Por suposto, e nese sentido, non son a única vangarda. A obsesión por acumular diñeiro do dogma do “éxito” capitalista que non ten ningún respecto, nin comedimento, nin principio máis que a mesma obsesión, ataca por todas as frontes e sectores.
Unha sección sindical do Contact Center, a da CGT en Foundever, antiga SITEL IBERICA TELESERVICES, logrou unha Sentenza pioneira sobre a aplicación do dereito de información de sistemas algorítmicos que afectan as condicións laborais. A Intelixencia artificial, os algoritmos e demais… convertendo a eliminación dos dereitos laborais en beneficios. Falamos da Sentenza 101/2025 da Sala do social da Audiencia Nacional. Pero a historia ven de lonxe. O punto de partida foi cando a CGT denunciou, fai anos, que a empresa ocultaba os criterios na asignación de descansos semanais, que ademais eran variables, e os solapaba sistematicamente cos correspondentes festivos locais, autonómicos e estatais. Nun primeiro xuízo no 2021, a Sentenza 201/2021 da Audiencia Nacional desestimou a demanda de CGT na que se solicitaba a nulidade da práctica empresarial consistente en solapar festivos e descansos semanais. Durante o xuízo, a empresa, nun intento de externalizar a súa responsabilidade na asignación de tales descansos, afirmou que era un sistema algorítmico o que determinaba este réxime de descanso variable. Sen embargo, tras máis de dous anos, o Tribunal Supremo, en Sentenza 502/2024 deu a razón á CGT e finalmente declarou contraria a Dereito o solapamento dos descansos, ao entender que a empresa estaba a suprimir o dereito ao descanso do persoal. Tras esta Sentenza, en maio de 2025, CGT promoveu unha demanda de tutela de dereitos fundamentais ante a Audiencia Nacional denunciando que a representación sindical en Foundever non recibía información algunha sobre a existencia de sistemas algorítmicos ou de intelixencia artificial existentes na empresa, a pesar de que requiriran ata en tres ocasións esta información. A empresa negou que existisen devanditos sistemas algorítmicos a pesar de que anteriormente recoñecera que si os usaba para asignar os descansos variables do persoal. A Audiencia Nacional recoñece en primeiro lugar que, segundo a STC 281/2005, constitúe un elemento esencial do dereito fundamental á liberdade sindical … o fluxo de información entre o sindicato e os traballadores é o fundamento da participación… , ademais, durante o acto de xuízo, o xefe de produción recoñeceu que se usaban sistemas algorítmicos na asignación de descansos semanais, o que, unido aos feitos probados da Sentenza anterior onde a empresa tamén o recoñecía, conduciu á Audiencia Nacional a declarar a vulneración do dereito fundamental de liberdade sindical por non informar aos delegados/as de CGT das seccións sindicais de Barcelona, Madrid e Sevilla, sobre os parámetros, regras e instrucións nos que se basean os algoritmos que posúe a empresa e que afectan as condicións do persoal, así como sistema algorítmico ou automatizado que se está usando para a asignación das libranzas variables.
Esta é a primeira Sentenza da Audiencia Nacional na que se aplica o dereito de información algorítmica da representación sindical, tras a aprobación da Lei 12/2021, coñecida como “Lei Rider”, que introduciu o dereito de ser informado pola empresa dos parámetros, regras e instrucións nos que se basean os algoritmos ou sistemas de intelixencia artificial que afectan á toma de decisións que poden incidir nas condicións de traballo, o acceso e mantemento do emprego, incluída a elaboración de perfís.
O futuro que intuímos, no que as empresas apostan por desvincularse das responsabilidades e obrigas, tanto contractuais como lexislativas, pola imparcialidade da espectacular Intelixencia Artificial. Ese futuro no que a “banalidade do mal”, que acuñou Hannah Arendt, volve a ser vangardista, no que os sistemas de intelixencia artificial e algorítmicos parecen socavar o poder de mando empresarial. Ao contrario, o noso labor, por tanto, pasa por denunciar as prácticas empresariais xustificadas polos sistemas de intelixencia artificial e sistemas algorítmicos en tanto non son alleos ao poder de mando, senón que, moi ao contrario, son implantados, controlados e supervisados polas propias empresas e a súa obsesión por gañar diñeiro.
Larri (Fonte: Gabinete xurídico confederal)