O QUE BUSCAN AS EMPRESAS É ESGOTAR. E SOBRE TODO ABAI O QUE FAI É ISO, LEVAR AO EXTREMO
Entrevista a Adrián Seijas, delegado sindical da Sección Sindical da CGT de Abai Coruña
Expoñíamos a semana pasada como existía un paralelismo entre o éxito comercial de El Corte Inglés e a lexitimación do fran-quismo polo capitalismo. Agora, dunha semana a outra, atopamos un paralelismo, ou máis ben unha condición dese capitalismo, entre dúas empresas aparentemente distantes, a negación dos dereitos aos coidados e a persecución ás persoas que os exercen, a deshumanización connatural do traballo asalariado fóra do terreo das ideas, nos centros de traballo de El Corte Inglés e de Abai na provincia coruñesa.
Que tal Adrián!!! Fai tempo que non falamos e semella que Abai persiste en maltratar ás traballadoras/es. Agora está maltratando ás traballadoras que están enfermas e ás que necesitan conciliar o traballo cos coidados. Esto é moi grave, non si? Concretamente, como executa esta denigración?
Pois si, este acoso materialízase dunha maneira moi vil, que é enviando cartas intimidatorias aos correos persoais. A empresa dispón dos correos persoais das traballadoras, sobre todo desde que se implantou a posibilidade do teletraballo, pero eses correos persoais nunca, e ese era o compromiso da empresa, nunca ían ter como fins comunicar nin sancións nen ningún tipo de medida represora. A empresa está incumprindo iso, está enviando aos correos persoais das traballadoras cartas claramente ameazantes, Despois, por outra banda, tampouco respecta a desconexión dixital, é dicir, envíaos en calquera momento estean dentro ou non da xornada laboral ou incluso en período vacacional.
Certamente, as relacións entre empresa e cadro de persoal en todo o sector de telemarketin son moi tóxicas debido ás constantes violacións. Podes explicarnos os motivos principais para este deterioro en Abai?
Primeiro, hai que sinalar que o sector do telemarketin é un sector altamente feminizado, é un sector que a pesar de levar organizado durante décadas, conta cun convenio colectivo que ampara unhas condicións laborais tremendamente penosas e unha precariedade salarial ata o punto de que o salario das teleoperadoras foi absorbido xa en varias ocasións polo salario mínimo interprofesional. Estamos a falar dunha precariedade absoluta. Despois tamén moitas das xornadas son a tempo parcial, temporalidade…, bueno, hai unha serie de circunstancias.
CCOO e UGT, que sempre ostentaron a maioría nas mesas de negociación, fixeron un marco normativo, a través do convenio colectivo, que lles dá ás empresas a posibilidade de facer uso das teleoperadoras dunha maneira moi indecente, con carga de traballo desmesurada, sin tempos de descanso, formacións escasas, con moitísima presión… o que leva, moitas veces, incluso a enfermar.
Moitas empresas tratan de boicotear os permisos, os poucos permisos que poidan existir por conciliación. É dicir, son unha serie de trabas, o que buscan sempre as empresas é esgotar. E sobre todo Abai o que fai e iso, levar ata o extremo. Abai é unha das principais empresas do sector e o que busca é maximizar os beneficios á costa do sufrimento humano.
Todo isto semella unha campaña constante para reducir a resiliencia aos vosos empregos. Cres que o malestar é algo que busca a empresa, que é parte dun plan?
Nós, dende a CGT, sinalamos moitas veces que creemos que detrás destas manobras e desta persecución e acoso que está levando a cabo Abai nos centros de traballo, hai, por un lado unha cuestión de intentar gañar máis cartos, intentar aumentar os beneficios á costa da explotación laboral, pero tamén hai outra cuestión de fondo, outro plan de fondo, que nós cremos que é o desmantelamento dos centros de traballo, os centros de traballo que ten no Estado Español. E explico isto, por que? Porque Abai é unha empresa, unha multinacional do telemarketin, que nos últimos anos abriu centros noutros países, principalmente en Latinoamérica. Moitos dos servizos, os de Movistar, Endesa, están sendo atendidos nos centros de traballo en Latinoamérica; soamente por unha razón, porque alí as condicións laborais son aínda máis penosas, as condicións salariais son aínda máis lamentables, o que lles permite aumentar a marxe de beneficios. Entón nós, o que tamén creemos é que se busca que as traballadoras que están nos centros do Estado Español, pouco a pouco se marchen das empresas por unha cuestión de esgotamento, por unha cuestión de saúde, porque levan ás persoas aos límites, polo tanto o que buscan é desesperar. Nesa desesperación creemos que hai claramente unha estratexia, para deslocalizar os servizos, desviar as chamadas e ser atendidas noutros países, nos que lamentablemente as compañeiras teñen aínda peores condiciones laborais que as nosas. Así, maximizan aínda máis os beneficios.
Cal dirías ti que son as condicións persoais que poida ter unha traballadora/or de Abai para estar máis afectada polo despotismo empresarial. Quen é máis vulnerable?
Bueno, evidentemente Abai sabe, e as empresas saben, qué persoas son máis vulnerables. Calquera persoa que poida sufrir unha enfermidade crónica, moitas veces provocadas polo propio traballo e as dinámicas que se establecen na empresa, persoas que teñan problemas familiares, criaturas a cargo, familiares a cargo, ou persoas enfermas na familia, están nunha situación de maior vulnerabilidade. Son persoas que se ven obrigadas a exercer o dereito do permiso de hospitalización, e Abai non quere iso. Ou calquera persoa que teña que ir ao médico, teña que facer probas, todo iso Abai non o quere. Entón, o que fan é cargar sobre esas persoas que xa se encontran nunha situación límite, moitas veces de maneira psíquica. Primeiramente intentan boicotear que poidan coller eses permisos e despois, unha vez que os teñen, intentan facerlle a vida imposible para que renuncien ao permiso.
Como foi agora, o último caso. Unha compañeira que ten unha garda legal cunha concreción horaria, que leva anos con esta concreción porque ten fillos menores de 12 anos. Ou sexa, é un dereito que campa na lei, un dereito que supón a perda de salario, non é ningunha bicoca. É unha perda de salario por unha redución de xornada para poder atender aos seus fillos. Pois, agora mesmo, á empresa esa concreción horaria non lle interesa, por capricho, e está intimidando e intentando que a traballadora renuncie a ese horario e se adapte aos caprichos da empresa, cando Abai presta servizo de luns a domingo, é dicir, ten unha ampla posibilidade de acomodar ás traballadoras en diferentes quendas.
Pensas que as tra-balladoras/es están atopando comprensión e percibindo que o comité de empresa e os sindicatos están a dar unha resposta axeitada a todo esta tiranía que sofren intimamente, individualmente?
No centro de Abai Coruña temos a gran sorte de que somos unha plantilla na que existen moitos lazos de solidariedade entre nós, e existe un compañeirismo e unha maneira de apoiarse. Tamén unha plantilla onde existe unha alta sindicalización; a xente está afiliada, está afiliada aos sindicatos. A CGT somos o sindicato maioritario dentro da empresa e nós buscamos sempre o acompañamento, o apoio mutuo, intentar entre todas funcionar colectivamente. O individualismo, aparte de ser nefasto porque fai que retrocedamos en dereitos, tamén produce moita máis vulnerabilidade e que se den condicións de abuso. Polo tanto, o noso apoio e saber e facermos conscientes todas da situación que viven as compañeiras, é importante.
É certo que o teletraballo sitúanos nesa soidade e é aproveitado pola empresa para forzar e provocar situacións que, estando seguramente todas xuntas, sería máis complicado.
E a autoridade laboral e os xulgados, están sendo comprensivos?
Creo que a ninguén se lle escapa que tanto a nivel xudicial como a nivel da autoridade laboral existe claramente un sesgo de clase. É dicir, son xente, funcionarios de rango alto, de clase alta, que moitas veces non entenden nin son capaces de empatizar coa situación que viven, que vivimos, as traballadoras que estamos extremadamente precarizadas. Respecto da autoridade laboral e da inspección de traballo na Coruña, a verdade é que temos experiencias moi negativas, porque é unha inspección que, bueno, lle falta esa empatía e sempre traballa a favor da empresa. Entra moito nas chantaxes das empresas, de que os postos de traballo, etcétera, etcétera. A verdade é que non encontramos un amparo, non. E despois, os procesos xudiciais, pois algúns se gañan, pero moitas veces, desgraciadamente, depende do xuíz, porque hai casos case idénticos e se teñen sentencias totalmente diferentes. Por parte da CGT activamos todas as armas. É dicir, hai unha vía, a xudicial e a autoridade laboral, e intentamos todo levalo alí porque é unha vía para defender os dereitos, ou intentar, polo menos, protexelos. E despois, cal é a vía na que nós temos máis empeño? Pois é todo o que ten que ver coa vía sindical, que é a mobilización, a denuncia nos medios, comunicados constantes e facer ver cal é a situación dentro da empresa e crear unha conciencia colectiva.
