VII Época - 95

CGT ENCHE AS RÚAS DE ARAGÓN CONTRA O CONCERTO DA EDUCACIÓN

O ensino público, como a sanidade, leva anos e gobernos sofrendo un deterioro constante. No caso do ensino o estrago é notable cando se pechan escolas no rural, cando se desatende a diversidade do alumnado, cando se reducen recursos e profesorado, cando a xestión do ensino é cada vez máis piramidal dando máis poder ás direccións dos centros e anulando os consellos escolares, cando os xefes territoriais de educación, como no caso de Pontevedra, exparlamentario do PP, permanecen no seu “sillón” dun xeito vitalicio, a pesar das constantes cacicadas ou presións ao profesorado que se desvía do dogmatismo polo camiño da liberdade de educación.

Un dos principais motivos deste deterioro é o ánimo de lucro que chega ao ensino público co concerto. “Os concertos educativos creáronse co fin de acoller a todo o alumnado que non podía ser escolarizado na escola pública, por falta de prazas, nunha época de explosión demográfica. Nesa época, ofrecéuselles aos centros privados, con pouco alumnado e en risco de peche por este motivo, a opción de ser centro concertado, asumindo a administración o custo do profesorado. Estes concertos fóronse renovando ao longo de décadas, xa sen as necesidades de escolarización pola que se crearon, sendo a inmensa maioría destes centros pertencentes a ordes relixiosas co consecuente adoutrinamento relixioso e ideolóxico que iso supón”, denuncia o chamamento á folga de tres días, 20, 21 e 22 de xaneiro, convocada, laboralmente en solitario, e realizada pola CGT Enseñanza de Aragón e apoiada polas familias e diversas entidades sociais, ao mesmo tempo que tamén a convocaba o estudantado.

“En decembro os centros tiñan colgados os carteis de petición de folga e unha maior intensidade das mobilizacións. Desde CGT tomamos a remuda e convocamos esta folga, e é por iso polo que insistimos en afirmar que é a folga da comunidade educativa aragonesa” afirmaba Cristina Vallés, Secretaria Xeral de CGT Enseñanza, nunha rolda de prensa previa á folga.

As demandas e esixencias da folga son amplas e diversas. A concertación do bacharelato resultaría innecesaria xa que “agora mesmo hai máis de 2.300 prazas sen ocupar en centros públicos”. Tampouco a concertación do ensino de 2 a 3 anos, xa que se trata dunha “subvención a empresas privadas en lugar de ampliar a oferta de vacantes en escolas infantís e colexios públicos”. Así pois, o concerto, é unha decisión política, que detrae á escola pública máis de 20 millóns de euros, só este curso, para concertar unhas etapas que poderían darse sen ningún problema nas prazas públicas que hai vacantes. Ao anterior, hai que engadir cuestións como a falta de persoal non docente nos centros e servizos provinciais, a falta de pagamento de libramentos (son os orzamentos cos que funcionan os centros) e a urxente necesidade de realizar melloras xerais nas instalacións, así como a actualización, renovación e reparación das mesmas. A táboa reivindicativa tamén inclúe o rexeitamento á precarización da Formación Profesional, o atraso das ordes asinadas e de negociacións urxentes, a convocatoria dun número ridículo de prazas para as oposicións de mestras, a falta de opcións de estabilización, e mesmo o abuso de poder dalgún dos cargos provinciais. Para CGT, “todos estes motivos sintetízanse nun: o ataque frontal desta administración contra a escola pública aragonesa”.

Uns días antes de que comezara a folga, o 19 de xaneiro, comezaba un encerro no IES Pignatelli de Zaragoza. Enseguida sumábanse as familias dos institutos Domingo Miral e Pirineos de Jaca. A asemblea da Comunidade educativa da zona onde está o IES Pignelli, Oliver, Valdefierro e Miralbueno, denuncia que o presidente do Goberno de Aragón, Jorge Azcón, e a conselleira Tomasa Hernández “pretenden entregar millóns de euros anuais á escola privada e relixiosa” mentres os centros públicos da zona enfróntanse “a unha situación de abandono deliberado”.

Durante os tres días de folga a comunidade educativa encheu ás rúas e prazas de Aragón seguindo a convocatoria de CGT cun rotundo éxito de participación que desbordou as estimacións máis optimistas, a pesar duns servizos mínimos abusivos e a unha campaña de informacións falsas que pretenderon desmobilizar ao profesorado e ás familias. O seguimento da folga tamén foi xeneralizado no rural, o cal é especialmente poderoso. A manifestación final, celebrada en Zaragoza para culminar os tres días de mobilizacións descentralizadas xuntou a máis de 45.000 persoas e sacou titulares na prensa burguesa como “A escola pública inunda ás rúas de Zaragoza”, ou “CGT analiza o “éxito rotundo” da folga educativa que convocou en Aragón: “Non esperabamos unha resposta tan brutal””.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *