VII Época - 104

I CONTRA O ZEITGEIST, FALSO E ESPECTACULAR

Dando continuidade as mobilizacións que sinalabamos fai un mes, en La Campana nº99, a CGT valenciana convocou unha folga xeral, para o 31 de marzo, no ensino da súa comunidade autónoma. A folga foi, con seguridade, consecuencia da axitación levada a cabo pola sección sindical d’Ensenyament da CGT Valencia que retomou a mobilización, estancada dende a folga do 11 decembro, alertando do manifesto desleixo das negociacións coa Conselleria de d’Educació, por parte tanto das corporacións sindicais como da propia Conselleria, e esixindo a dignificación da escola pública, laica, social, inclusiva e de calidade. Esta axitación obrigou aos demais sindicatos e corporacións sindicais, STEPV-Intersindical, COS, UGT, CCOO, CSO, e os estudantís, SEPC e o Sindicato de Estudantes, a realizar unha convocatoria unitaria. Sen embargo o éxito da convocatoria, cualificada como histórica ou éxito rotundo, na maior parte dos artigos da prensa, debeuse a autoorganización do profesorado en asembleas de docentes, de centro e territoriais. Unha vez máis constatamos que cando a clase obreira toma conciencia de si mesma como suxeito político e social, ademais de constituírse nunha forza activa e poderosa, por moito que digan as teorías posmodernas, faino seguindo o modelo anarcosindical, de clase, asembleario, autónomo e autoxestionario.

Futuro Vexetal, o notable colectivo de des-obediencia civil e acción directa que loita contra a Crise Climática mediante a adopción dun sistema agroalimentario baseado en plantas, apoiou a convo-catoria de folga “das compañeiras da CGT” e sinalou unha cuestión substancial, “O ecoloxismo sen loita de clases é xardinería”. Esta frase, cunha linguaxe herdeira do mellor das vangardas artísticas, concentra en poucas verbas e exemplifica un dos principais erros dos movementos so-ciais e unha das principais estratexias do poder, esta é a desviación da loita ao terreo da reforma política mediante a especialización, a semellanza da estrutura de produción, despoxándoa da xustiza social que supón o fin último, e por tanto substancial, dunha sociedade sen clases. Abofé, a explotación laboral e a destrución do planeta non deixarán de medrar ata que o capitalismo sexa eliminado.

No social, non hai que ser inocentes e pensar que as leis, impostos e reformas redistribúen a riqueza. Todo o contrario, organizacións como a OIT, Oxfam Intermon e moitas outras veñen cuantificando e comprobando como a riqueza acumulase, cada vez, en menos mans. Os datos ofrecidos varían pero, como simple ilustración, podemos sinalar que o 1% máis rico acumulou os 2/3 da nova riqueza xerada a nivel global, case o dobre do 99% restante. Esta tendencia segue subindo nos últimos anos.

No laboral, crer que as condicións teñen mudado a súa esencia dende a época da revolución industrial, amosase inxenuo. O informe Análise Económico-Financeiro da Empresa Española 2025, elaborado por AEA, Analistas Económicos de Andalucía, e Unicaja a partir da información dos Rexistros Mercantís correspondente ao exercicio 2023, desvela como a clase obreira do Estado español xera de media 262.730 euros ao ano por emprego, pero apenas recibe 39.900 euros. É dicir, por cada euro pago en salario, cada traballador/a xera 6,6 euros en ingresos ao empresario/a. Esta brecha de máis de 222.830 euros por traballador/a representa o excedente que a clase obreira produce e que os/as empresarios/as se apropian, destinando unha parte a gastos e embolsándose o resto. O informe evidencia e profunda con claridade nesta dinámica de explotación, así en Galiza alcanza 310.899 euros fronte aos 37.448 de salario.

Segundo os datos históricos do mesmo equipo de analistas a evolución dos últimos anos confirma esta tendencia de transferencia de rendas do traballo ao capital. No 2021 as ganancias empresariais por empregado/a roldaban os 234.000-261.000 euros de media segundo a mostra, con soldos ao redor de 36.000-39.000 euros. O informe tamén mencio-na a produtividade dos/as traballadores/as nas empresas do Estado español, medida como “ingresos de explotación por empregado”, e como esta mostrou unha tendencia alcista nos últimos anos, pasando de niveis próximos aos 234.000-261.000 euros en 2021 aos 262.730 euros rexistrados en 2023. Aínda que o crecemento das vendas se moderou ese ano tras o forte repunte do 23% en 2022, os ingresos xerados por cada traballador continuaron aumentando.

E aínda hai quen se cre os discursos de moderación salarial, absentismo, e tantos outros que o empresariado vincula á pouca marxe de rendibilidade, como un zeitgeist, o espírito da época. Non, o  signo do noso tempo é a renuncia á loita de clases e as súas fatais consecuencias.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *