VII Época - 108

OUTRA SEMANA CON NOVAS DE ERES, MAJOREL E WIZINK

Os EREs non paran no sector do telemarketin. Agora en Majorel SP/Teleperformance. Trátase do cuarto ERE en Majorel e o sétimo no grupo Teleperformance en apenas dous anos, acumulando máis de mil despedimentos nese período. “Cando unha empresa encadea sete EREs, xa non estamos ante medidas excepcionais, senón ante un modelo de negocio baseado en destruír emprego”, sinalan dende a sección sindical de CGT que cualificou o expediente como “unha execución”.

Segundo os datos trasladados pola empresa, o ERE afectará a 769 persoas: 422 en Zaragoza e 347 en Barcelona. No caso aragonés, a cifra supón máis do 60% do persoal actual, estimada nunhas 750 persoas, o que fai sospeitar dun posible peche encuberto da empresa en Aragón.

O pasado 22 de abril Majorel, integrada no grupo francés Teleperformance, comunicou formalmente a súa intención de iniciar o despedimento colectivo, e este pasado 29 de abril quedou constituída a mesa negociadora, coa entrega da documentación inicial á representación sindical. A comisión negociadora quedou constituída con representación de CCOO (4 membros), UGT (3), USO (3), OSTA (1), SOA (1) e CGT (1), alén da dirección da empresa. O período de consultas prolongarase durante un mes, cun calendario de reunións que se desenvolverá en maio con citas os días 11, 13, 19, 21, 27 e 28.

Desde a representación sindical denúnciase a contradición de que, mentres se expoñen despedimentos masivos, a empresa continúe recorrendo a Empresas de Traballo Temporal (ETT), precarizando aínda máis o emprego no sector do telemarketin.

Durante a primeira reunión, a dirección presentou unha “fotografía apocalíptica” da situación dos centros de Zaragoza e Barcelona, argumentando perdas económicas e perda de clientes como causas do axuste.

Con todo, a representación sindical cuestiona estas xustificacións, especialmente porque a empresa introduce agora supostas perdas desde 2024, un argumento que non fora utilizado en expedientes anteriores. Por iso, solicitaron documentación detallada que desglose as perdas por centros de traballo e o número de saídas producidas desde xaneiro de 2026, incluíndo despedimentos, baixas voluntarias e finalizacións de contrato.

Ante este escenario, OSTA, CGT e SOA anun-ciaron que defenderán o mantemento do emprego “con firmeza”, esixindo alternativas reais aos despedimentos. Non descartan a convocatoria de mobilizacións e mesmo convocar unha folga.

Cambiando de escenario, o peche de Wizink Xestión, a filial de xestión de recobro do banco dixital, levouse a cabo co despedimento da práctica totalidade do seu persoal, integrada por 68 empregados (aínda que dous foron reincorporados máis tarde á matriz). Case oito meses despois, a decisión empresarial, executada sen acordo, foi declarada “non axustada a dereito” polo Tribunal Superior de Xustiza de Madrid (TSJM), condenando a “ambas as empresas demandadas ás consecuencias de tal declaración”, isto é, aumenta a indemnización con respecto á contía ofrecida no momento do despedimento, 27 días por ano.

Sen embargo a FESIBAC, a Federación Bancaria da CGT pedía a nulidade do despedimento polo que interpoñerá un recurso ante o Tribunal Supremo. Desde a FESIBAC cren que este caso expón “cuestións relevantes en materia de responsabilidade de grupos empresariais e garantías de negociación colectiva que merecen un pronunciamento definitivo”.

Fronte á pretensión entre Wizink Xestión e Wizink Bank de considerarse dúas empresas diferentes, “O cadro de persoal de ambas as empresas en realidade é compartido”, subliña a sentencia. “Prodúcese un exercicio abusivo da dirección unitaria e acredítase un uso fraudulento da normativa que permite constituír sociedades con personalidade xurídica diferenciada, pero neste caso Wizink Xestión serviu de pantalla á empresa verdadeira, co que se pretende a dispersión ou elusión das responsabilidades laborais”, conclúe o tribunal. Fronte ao defendido pola empresa, que sostivo que o despedimento colectivo era consecuencia inevitable do peche dunha filial sen actividade propia, o tribunal achaca a orixe nas decisións adoptadas dentro do propio grupo. “A decisión de redución de carga de traballo corresponde a Wizink Bank, sen que poida posteriormente imputarse a Wizink Xestión como causa extintiva”, di a sentenza. Así mesmo, a Sala alega que “a desvantaxe competitiva de Wizink Xestión foi xerada por Wizink Bank”, e conclúe que “non hai unha causa real de extinción, aínda que se extinguise o contrato entre ambas as empresas, e no fondo o despedimento obedece a causas que afectan a Wizink Bank”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *