TRES EXEMPLOS DE VULNERACIÓNS DA LIBERDADE SINDICAL E TRES ALIADAS
A confabulación empresarial coa autoridade laboral ten moitas manifestacións. Unha das máis constantes exhíbese na vulneración do dereito fundamental á liberdade sindical. Xa non coa represión, senón impedindo esta liberdade, ocultando e negando información, ou mentindo directamente. Por experiencia sabemos que case seguido á constitución dunha nova sección sindical nun centro de traballo, o seguinte paso inmediato é a denuncia en Inspección de traballo por vulneración do dereito a información, imprescindible para poder exercer unha labor sindical de defensa dos dereitos laborais. Esta primeira actuación, convertese nun periplo cansino e en moitos casos desesperante debido a connivencia da administración co empresariado.
A sección sindical de Aena, aínda que con dilatada experiencia, volve a denunciar, este 29 de abril, que a Dirección do Aeroporto de Barajas modificou de forma unilateral o que chaman sistema GTA, ocultando así información clave sobre as baixas médicas, permisos retribuídos, reducións de xornada, permisos sindicais, cambios temporais de ocupación, etc., bloqueando deste xeito o control sindical e colectivo. Esta ocultación, entre outras cousas, impide verificar a correcta aplicación do convenio colectivo, opaca a xestión da bolsa de horas, impide distinguir entre ausencias previstas e imprevistas. Todo iso nun contexto de elevada conflitividade laboral cunha intensa actividade sindical de denuncias reiteradas ante a Inspección de Traballo por asuntos tan graves como o exceso de horas extraordinarias obrigatorias ou conflitos constantes polo control de xornada.
En Zaragoza, fai apenas unha semana, o Tribunal Superior de Xustiza de Aragón (TSJA) volveu a condenar á multinacional FCC Medio Ambiente por vulnerar o dereito fundamental de liberdade sindical da CGT. Trátase da cuarta condena consecutiva por feitos similares nunha vulneración continuada de dereitos nos últimos anos. Os tribunais viñeron recoñecendo que esta práctica “quebranta a tutela de liberdade sindical” ao impedir o desenvolvemento da acción sindical, en particular no relativo á transmisión de información entre o sindicato, os seus delegados e as persoas traballadoras afiliadas, un elemento que a xurisprudencia considera “idóneo, necesario, proporcionado e lexítimo” para a defensa dos intereses sindicais. O fallo declara “haber vulneración do dereito fundamental de liberdade sindical na súa vertente de dereito á información”, e condena á empresa para cesar na devandita conduta, a facilitar ás persoas delegadas sindicais a documentación solicitada e a abonar unha indemnización de 7.500 euros en concepto de danos e prexuízos. Non hai dous sen tres, nen haberá catro sen cinco, mentres unha multinacional como FCC poda confiar en que a xustiza laboral non ten capacidade reformadora, así como que a vulneración non lle supoña máis que un pequeno custe, rendible, para o seu obxectivo, desarmar a acción sindical.
Por suposto, a denuncia xudicial é valida como acción sindical, non nos confundamos, como o entenden nas seccións sindicais de Zaragoza, que acompañan a denuncia coa respectiva axitación. Así, CGT denunciou publicamente, este último mércores 29 de abril, a vulneración do dereito fundamental de folga producida durante o conflito laboral de outubro de 2024 no Polígono Praza de Zaragoza, na plataforma loxística vinculada a Inditex, onde a empresa VJ Maintenance Facility Services, S.L. prestaba servizos de mantemento. Aínda que tarde, e sen facer nada por impedilo no momento da vulneración, os feitos foron acreditados pola Inspección de Traballo e Seguridade Social por mor da denuncia interposta pola sección sindical de CGT, dando lugar á correspondente acta de infracción. A resolución constata a substitución de traballadores/as folguistas durante os días 2, 3 e 4 de outubro de 2024 mediante a activación de reténs, práctica incompatible co exercicio efectivo do dereito de folga. Así mesmo, segundo recolle expresamente a resolución inspectora, entre quen participou nas substitucións dos/as compañeiros/as folguistas figura a representación de UGT, quen prestou servizos o 2 de outubro de 2024 en quenda de noite para cubrir a xornada dun traballador folguista, sen que conste o preceptivo rexistro de xornada.
Non debemos esquecer a esas outras aliadas que permiten, coa normalización e o control executivo, a sistemática vulneración da liberdade sindical exercida pola empresa e a administración, as corporacións sindicais. A CGT zaragozana considera que “a gravidade dos feitos non se limita á actuación empresarial sancionada, senón que alcanza tamén ao ámbito da representación sindical, na medida que a participación na substitución de folguistas resulta obxectivamente incompatible coa defensa do dereito de folga”.