VII Época - 109

“AQUÍ SABEMOS O QUE SUCEDE”

Represión na empresa pública Navantia

A policía, por mandato xudicial, desaloxou a pasada tarde do martes 5 de maio a Manuel Balber e Jesús Galván, os dous obreiros da Industria Auxiliar dos estaleiros de Navantia en Cádiz  que permaneceron 28 días a 25 metros de altura nun guindastre. Aos dous días, o xoves, tiveron que presentarse na comisaría da Policía Nacional baixo acusacións de desorde público, danos a propiedade, coaccións e resistencia. Outro exemplo máis da alianza entre o poder xudicial e o político a través das forzas de seguridade do estado, co empresariado. A histórica e recorrente tripla alianza para reprimir a loita da clase obreira.

Os acontecementos desta protesta foron amplamente seguidos polos medios de comunicación, uns e outros, polo que non fai falla repetilos, pero si é acaido resaltar a solidariedade.  O mesmo xoves, 7 de maio, a Sección Sindical Unitaria da CGT en Navantia Ferrol “tras propoñelo sen éxito no seo do comité de empresa, convoca unha concentración de solidariedade con Manuel e Jesús, e contra as listas negras ou calquera outra represalia contra os compañeir@s da Industria Auxiliar que loitan por unhas condicións laborais dignas”, anunciaban, tras o desaloxo, no seu boletín “A Folla da CGT”. Coa convocatoria, unha concentración diante da sede do PSOE en Ferrol, ás 7:30 da tarde, explicaban a difícil situación dos compañeiros gaditanos “foron despedidos dunha compañía auxiliar de Navantia Puerto Real no verán de 2020. Unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Andalucía considerou que foi unha represalia pola súa actividade sindical. Desde entón non atopan traballo na baía de Cádiz”. A represión é unha estratexia habitual en Navatia, “tamén en Ferrol hai exemplos de listas negras contra traballadores que destacaron pola súa militancia sindical”, advirten na convocatoria. Na concentración, Xavier Losada, delegado da sección sindical, aludiu ao caso da empresa Nervión, no que, o despedimento de 167 traballadores, “produto única e exclusivamente de que tiñan un comité de empresa combativo”, derivou en que varios deles “nunca máis puideron volver traballar no sector naval”, entre eles o dirixente sindical Vicente Vidal. “Aquí sabemos o que sucede con este tema, por tanto, non podemos mirar para outro lado”, engadiu.

Aínda que a represión da dirección de Navantia golpea principalmente sobre a privatización do público, é dicir nas industrias auxiliares subcontratadas, “Navantia é unha empresa 100% pública. Por tanto, en todo o que pasa en Navantia, xa sexan as listas negras ou os incumprimentos do convenio que o comité de empresa de Navantia Ferrol denunciaba o mes pasado, hai unha responsabilidade política do Goberno”, denuncia a Sección Sindical Unitaria, que leva dende o momento en que Manuel e Jesús se subiron ao guindastre empapelando con solidariedade as factorías de Ferrolterra e espallando a solidariedade. O mesmo 8 de abril un comunicado de CGT Navantia Ferrol e Fene anunciaba “toda a nosa solidariedade cos compañeiros encerrados e esiximos o fin das listas negras e do resto de actitudes antisindicais por parte de Navantia”, ao mesmo tempo que chamaba “a todos os traballadores e traballadoras dos recintos de Navantia a solidarizarse con eles” con concentracións na porta principal do estaleiro.

Tamén chamouse “ao comité intercentros, aos comités de empresa e ao resto dos sindicatos da principal a acordar accións de solidariedade”. Se nun primeiro momento, o 10 de abril, o comité de empresa de Navantia Ferrol emitiu un comunicado de “solidariedade de clase fraternal”, esixindo “o fin das listas negras e de todas as accións antisindicais”, non pasou o mesmo co Comité Intercentros que se converteu na alianza quintacolumnista, da patronal pública e privada subcontratada, dos ministerios e da xustiza e policía represora. Nun primeiro comunicado trasladaba “aos cadros de persoal, ás persoas traballadoras da industria auxiliar e á opinión pública” que “a empresa ata onde sabemos respecta plenamente a liberdade sindical,” mentindo sobre as numerosas sentencias producidas por discriminación sindical. Tamén, o Intercentros condenou “de forma expresa os ataques, descualificacións ou intentos de desprestixio contra os Comités de Empresa da Baía. Reiterando, “o noso compromiso co fortalecemento dunha empresa pública estratéxica”. En fin, tiveron que recuar, minimamente, e nun segundo comunicado, de mala gana, “Entendemos a reivindicación dun posto de traballo por parte das persoas que levan anos sen ser contratados por ningún empresario da Baía”, pero rexeitando “a forma que elixiron para trasladar a súa problemática laboral dentro das nosas instalacións”. Volvendo outra vez a felonía, “Preocúpanos que se siga danando a imaxe e os contratos no noso centro, cando nos consta que hai unha empresa que está en espera de confirmar se se lle adxudica un novo paquete de traballo nun tempo dun mes ou mes e medio, e que incluiría ás dúas persoas que están no guindastre”, entre outras perlas de submisión.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *