VII Época - 109

ESTADO POLICIAL NOS INSTITUTOS DE CATALUNYA

Os sindicatos cataláns maioritarios no sector educativo xa avisaron que este final de curso non sería tranquilo. Sen unha proposta digna por parte do Departamento de Educación e Formación Profesional do Govern de Catalunya, “este curso non acabará con normalidade”, advirten. Combinando folgas comarcais con unitarias de toda Catalunya, convocáronse paros case diarios, durante cinco semanas. O plan de mobilizacións destaca pola súa amplitude e distribución territorial. Das 17 xornadas convocadas, 12 serán folgas territoriais, deseñadas para impactar en diferentes zonas educativas de Catalunya, mentres que tres datas reunirán a todo o profesorado en paros xerais e manifestacións unitarias. As folgas en toda Cataluña serán o 12 e o 27 de maio, alén do 5 de xuño. Os sindicatos, USTEC, Professors de Secundària e a Intersindical xunto a CGT, maioritarios na educación catalá,  rexeitan o “acordo de país” asinado en marzo polo Govern coas corporacións sindicais CCOO e UGT, minoritarias no sector.

Tratase do terceiro ciclo de mobilizacións e da continuidade ás masivas do mes de marzo, que xa evidenciaron o rexeitamento contundente do colectivo docente ao acordo asinado de costas á maioría. A pesar de esta mensaxe inequívoca, o Departamento mantense enrocado e continúa dilatando calquera posibilidade de negociación real. Non hai ningunha proposta aceptable sobre a mesa nin ningunha vontade de corrixir o rumbo.

As principais esixencias son: Recuperar o poder adquisitivo do profesorado e garantir salarios dignos, incrementar o investimento educativo para reducir ratios e mellorar a atención a todo o alumnado co reforzo de persoais, eliminar a sobrecarga burocrática cun plan efectivo e negociado coa maioría sindical e revisar os actuais currículos contando co profesorado.

O conflito non é só laboral, é tamén un conflito de modelo educativo. A tensión aumentou cando o Govern catalá, cun programa piloto en 14 institutos públicos, introduciu a policías do corpo Mossos d’Esquadra, de paisanos, nos centros escolares para mellorar a convivencia. Todo un  despropósito, sen ningún tipo de consulta previa, en particular no momento actual no cal as reivindicacións dos equipos docentes para mellorar a situación dos centros ocupou boa parte do debate educativo do curso (falta de persoal, pouca estabilidade nos equipos, ratios elevadas, pouco investimento na educación inclusiva, entre outras demandas). O suposto obxectivo, mellorar a convivencia, contravén toda a normativa e resolucións a favor da construción de modelos de convivencia nos centros baseados na transformación positiva de conflitos e nun horizonte educativo que reforce a capacidade do alumnado para afrontar situacións de discrepancia. Alén de opoñerse aos obxectivos pedagóxicos da educación básica, expresada no Decreto 175/2022, a presenza policial en espazos de toma de decisións educativas, como as comisións de convivencia, comporta a vulneración da privacidade do alumnado ou situacións de discriminación e estigmatización. A imposición do programa nesa fase “piloto” comporta tamén a vulneración da suposta “autonomía” dos centros e é contraría a calquera escenario de gobernanza  democrática dos institutos no cal profesorado, familias e alumnado terían que participar e tomar parte na toma de decisións que afectan o desenvolvemento cotiá da acción educativa: claustro de docentes, consellos escolares, asemblea de alumnado, etc. A introdución de policía amosa a deriva autoritaria dese tipo de programas que alimentan un discurso social antidemocrático baseado no uso da forza, o castigo e a vixilancia, aínda que se edulcore con palabras como disuasión ou intervención preventiva.

Por se fose pouco, o Govern infiltrou axentes de paisano nas asembleas de docentes que preparan as mobilizacións. Polo de agora está admitida a infiltración na reunión que tivo lugar no Institut Pau Claris de Barcelona este mércores 6 de maio. O corpo dos Mossos d’Esquadra afirmou que traballa para “garantir o libre dereito de reunión e manifestación” e que leva a cabo as súas funcións e responsabilidades “sempre atendendo á lexislación vixente e conforme ás competencias que teñen asignadas”, asegurando que respectan e defenden o dereito de reunión, de folga e a liberdade sindical do mesmo xeito que respectan “o resto de dereitos individuais e colectivos”. E que teñen “a obriga legal de garantilos todos, así como tamén a seguridade pública”. Por iso é polo que se poñen “ao dispor dos grupos parlamentarios” para explicar as súas actuacións, desviando así a atención ao circo parlamentario.

A policía nos institutos recorda outro tempo que o actual circo parlamentario de esquerdas di combater, agora que rexurde a extrema dereita. Sen embargo, o estado policial nunca deixou de reprimir e vixiar a clase obreira cando se organiza. Será que Estado e organización sindical son inimigos.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *